Leño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Leño
OrixeMadrid, España
Período19771983
Xénero(s)Rock
MembrosRosendo Mercado
Ramiro Penas
Tony Urbano
Antigos membrosChiqui Mariscal
Na rede
http://www.rosendo.es/
Spotify: 5CA8MVh6ESzTlJcsB8wcFJ iTunes: 27397238 Last fm: Leño Musicbrainz: 42941f4b-d3ea-4d78-a5af-2be59bc2acd6 Songkick: 163302 Discogs: 572045 Allmusic: mn0001413636 Editar o valor em Wikidata

Leño foi un grupo musical de rock urbano español. Foi creado en Madrid en 1978 por Rosendo Mercado, Ramiro Peñas e Chiqui Mariscal. Disolveuse en outubro de 1983.

Membros[editar | editar a fonte]

Antigos membros[editar | editar a fonte]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O nacemento de Leño remóntase, probablemente, ó 31 de decembro de 1977, tras unha discusión dos compoñentes da primeira formación do grupo Ñu antes de comezar un concerto. Di a lenda que un dos compoñentes de Ñu, Rosendo Mercado, pronunciou as palabras: Rapaz, ata aquí chegamos.... A relación de amor-odio entre Rosendo e José Carlos Molina, o Molina, queda patente ata na orixe do nome do novo grupo formado por Rosendo as cancións que fas son un "leño", tío dicía José Carlos das composicións de Rosendo para Ñu.

Aínda que José Carlos conta outra versión Ben, Leño formeino eu, e o nome inventeino eu. E é que cada vez que facía unha canción heavy, como a introdución de "Este Madrid", que é miña, Rosendo dicía: ¡vaia "leño" de canción que fixeches!. Comezaron bromeando e ó final dicidiron chamarse Leño, non quería Rosendo perder o "ñ" de ningunha maneira.

Só uns días despois creouse plenamente o grupo. Cun vello amigo do grupo Fresa (anterior nome de Ñu), Chiqui Mariscal, e o ex-batería de Coz (grupo do que despois sairía outro grupo dos oitenta chamado Barón Rojo) debutan na sala Alcalá Palace o 12 de febreiro no acto de apertura de Asfalto, con catro temas propios.

En maio publicouse o sinxelo "Este Madrid/Aprendiendo a escuchar", hoxe un disco de coleccionista. Case un ano e decenas de concertos despois, exactamente en marzo de 1979, en setenta horas grávase e mestúrase o primeiro disco de Leño, co mesmo nome có grupo.

A portada de "Leño" amosa o adeus de Chiqui Mariscal, o primeiro baixista. Co tempo Chiqui volveu integrarse en Ñu, grupo no que estivera, con Rosendo, antes de que ámbolos dous formasen Leño.

Para substituílo entrou no grupo (e xa quedará ata a fin) Tony Urbano, grande amigo de Ramiro (ambos os dous provenientes de Coz). Tony gravará no disco o último tema, o himno ó LSD "El tren", composto e non gravado, por Rosendo e José Carlos Molina nos tempos de Ñu (como curiosidade, esta canción gravouna Ñu varios anos despois, con outro nome e moita xente pensou que estaban versionando a Leño, cando en realidade a canción era dos dous).

Era o final dunha década e o principio doutra esperanzadora, con concertos en cada cidade e a radio sonando en castelán. Como declarou Rosendo:

Estabamos sempre xuntos porque era a época dos festivais e en calquera punto de España nos atopabamos Coz, Ñu ou Leño de Madrid, Bloque de Santander, Smash ou Storm de Sevilla... Había algo polo que estarmos aí e pelexarmos xuntos. Estabamos abrindo oco. Eran concertos de catro, seis, oito ou ata catorce grupos, era unha tolería. Os equipos eran horribles e ademais non os sabiamos manexar. Bloque tiñan a mellor produción e equipo, tamén Asfalto, quizais porque foron os que comezaron antes e foran investindo. Con Ñu nunca toquei con monitores, tocabase cos "amplis" de escenario. O batería deixábase os puños dando hostias e os demais tocabamos cos Marshall a todo volume...

No ano seginte chegou a movida madrileña e as casas de discos comezaron a aumentar as súas vendas. Moitos aínda lembran como un mal soño a aparición de Leño, os "auténticos auténticos" facendo play-back en "Aplauso", un programa musical da televisión española da época. Aínda que outros lembran outra versión dos feitos: "Iso do play-back lémbrame cando, na prehistoria, Leño a armou cando esixiu (e conseguiuno) tocar en directo no programa Aplauso" (Raimundo Amador).

En xullo de 1980 gravouse "Más Madera", con teclados de Teddy Bautista e un son case pop. Segundo Rosendo:

"Más Madera" soa moi mal. Fíxose moi ás presas, por debaixo das cen horas de traballo: un trío que entra nun estudio e mete elementos que non tivera antes, polo que non houbo tempo de asimilalo. Pero apetecíanos facelo porque era bo para a nosa historia.
(...)Es novo, non sabes nada, estás nun estudio de gravación e non es consciente de moitas cousas(...). Cando rematei a miña parte necesitaba saír de alí, porque estaba queimado. Deixamos a Rosendo só e el criticounos, tanto a Tony coma a min, pero díxenlle que era peor que estivese alí porque odiaría ese disco toda a miña vida. Teddy fixo o que lle saíu dos collóns co disco. Tamén fixo unhas cousas "curiosas" pero non logrou facelo soar. Eran cancións sinxelas que se poden tocar cunha guitarra acústica, tiñan bonitas letras e moito sentimento. Rosendo escribía xa cunha sensibilidade absoluta. (Ramiro Penas).

Os concertos e as actuacións en directo, sen teclados nin arranxos, só tres músicos e milleiros de persoas escoitando e sentindo cada canción, deron o mellor de Leño naquela época. Deste xeito, en 1981 gravouse "En directo". O disco rexistrouse nas noites do 25, 26 e 27 de marzo no barrio de Tetuán (Madrid), preto do seu local de ensaio da rúa Tablada, na sala Carolina, Bravo Murillo. Como novidade, introduciuse un saxofón (Manolo Morales), coros (unha case descoñecida Luz Casal neles) e catro cancións creadas expresamente para o evento. A pesar do son e que só contivera catro cancións inéditas, este disco foi o máis vendido da carreira de Leño.

Nos anos 81 e 82 a banda continuou desmarcándose de etiquetas como "heavy", "rock duro". Deixaban claro nas súas entrevistas que eles escoitaban a The Clash, a Joe Jackson, a Specials... Como declarou o propio Rosendo:

Era algo absolutamente premeditado. Non queriamos quedarnos na estocada(...). O mesmo ocorría coa nosa imaxe, emprego a roupa que visto normalmente. Vía algunha xente e pensaba: pero como saes a un escenario cunha roupa que tes que quitar logo, porque non vai contigo...

En maio de 1982 iniciouse a "aventura londiniense". Leño gravou o seu terceiro disco, "Corre, corre", en Londres so a produción de Carlos Narea. Porén, cando se presentou este disco ós críticos da revista inglesa "Kerrang", especializada en rock duro, o resultado foi pésimo. Segundo algúns era imposible xulgar a Leño sen entenderen, alén da diferenza de idioma, sobre que están a falar. Segundo Rosendo:

En "Corre, Corre" hai moi boas cancións. Eran temas máis claros, con retrousos que enganchan. Xa non había teclados e as guitarras soaban serias.

Os sinxelos foron radiados e comezaron a ter unha resonancia máis ala dos estreitos círculos do rock da época.

O disco soou moito na radio, ata na televisión. O mítico programa "Musical Express" de Ángel Casas realizou unha gravación en directo. Leño foi tamén o primeiro grupo que apareceu no programa de televisión "Tocata", cando o grupo xa estaba a piques da súa disolución.

Atopar razóns para a disolución do grupo é á vez complicado e doado. Algunhas das declaracións dos compoñentes do grupo aclaran o tema:

Dentro de dous anos isto estará morto, non imos conseguir nada, só queimar unha historia que é preciosa. Estaba conseguindo o que toda a miña vida soñara e decatábame de que xa non era o que me planteara. Arrastrabamos moita xente. Era unha responsabilidade que non quería asumir. Foi un cúmulo de historias, alén de follóns persoais. (Rosendo).
Houbo moitos motivos. Entre eles, o faltármonos ó respecto aínda que fose unha soa vez. Non houbo problemas de comunicación porque falamos ata o final pero, por outra banda, ¿que iamos contar a esas alturas? Rematárase a esencia do grupo, sentiamos que estabamos a aburguesarnos en certo modo(...). Xa non tiñamos nada que contar, fomos un grupo contestatario na transición política-cultural do país(...). Acho que deixamos a Leño onde o tiñamos que deixar. (Ramiro Penas).

O final marcouno a xira, organizada por Miguel Ríos, "El rock de una noche de verano", que en trinta e catro noites do verán de 1983, deixou en oídos e almas as derradeiras notas e letras da banda. Miguel Ríos estaba no seu apoxeo (con discos como "Rock&Ríos" e "El Rock de una noche de verano") e aquela, segundo algúns, puido ser a xira máis multitudinaria e espectacular de artistas españois da época.

Leño optou por disolverse no máis álxido da súa carreira, en outubro de 1983, por considerar os seus membros que chegaran "a unha ruela sen saída a nivel creativo". Na súa edición do 11 de outubro o xornal ABC publicou:

O grupo de rock con máis carisma que saíu nunca dos barrios madrileños disólvese definitivamente. A morte da banda, que se insinuara xa nos últimos meses, chega nun momento no que Leño funcionaba como unha máquina perfecta.

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio[editar | editar a fonte]

* Leño (1979)
* Más madera (1980)
* En directo (1981)
* ¡Corre, corre! (1982)

Álbums en directo[editar | editar a fonte]

* Vivo '83 (2006)

Recompilatorios[editar | editar a fonte]

* Grandes temas de Leño (1983)
* Una manera de vivir (1984)
* Indirecto (1989)
* Maneras de vivir (1997)
* Los éxitos de Leño (2002)
* Bajo la corteza (2010) Disco tributo

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]