Estebanillo González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Estebanillo González
Estebanillo González.jpg
Capa da edición orixinal de 1646
Título orixinalLa vida y hechos de Estebanillo González, hombre de buen humor, compuesta por él mismo
Linguacastelán
Xénero(s)Novela picaresca
Data de pub.1646

La vida y hechos de Estebanillo González, hombre de buen humor, compuesta por él mismo é unha novela picaresca, publicada en 1646 en Antuerpen pola viúva de Juan Cnobbart.

Autoría[editar | editar a fonte]

A novela está presentada como unha obra autobiográfica. Así se expresa explicitamente na "Suma del Privilegio" da obra, e así aparece nas primeiras fontes que citan o texto, como o Diccionario de Autoridades ou Nicolás Antonio, así como Calderón:

"Por mandado de V.A. vin un libro intitulado o entretido, en que o seu autor, Estebanillo González, home de pracer e chocarreiro, conta graciosamente os discursos da súa vida..."
Calderón de la Barca, aprobación da segunda edición do Estebanillo González. Madrid, 1652.

Porén, o hispanista do século XX Marcel Bataillon defendeu que a obra se trata dunha falsificación literaria moi coidada, e que o autor real do texto era en realidade un personaxe do contorno de Piccolomini que usurpara os detalles biográficos da vida do personaxe real, pícaro e bufón de orixe fidalga, pois a cultura con que está escrito o libro desentona fortemente coa formación e mesmo coa propia biografía do traveso pícaro a quen se pretende atribuír a autoría. Chegou a aventurarse a posibilidade de que o autor real fose un capitán italiano, Gerónimo de Bran, xeneral dos víveres nos estados de Flandres; non obstante a crítica moderna inclínase pola teoría de Bataillon, atribuíndo a escrita a un autor anónimo dunha colección de sátiras antifrancesas, entre as cales se inclúen algúns poemas que aparecen no libro e outros novos da mesma man: Sátira contra los monsiures de Francia, Coloquio entre el rey de Francia y Rochelí e La batalla que tuvo el príncipe Tomás al pasar la ribera de Soma y retirada de noche del Conde de Suayson.
Estas tres pezas presentan trazos comúns con dous poemas épicos sobre as guerras de Flandres, La feliz campaña y los dichosos progressos que tuvieron las Armas de su Magestad Católica el Rey Don Phelipe quarto en estos Payses Bajos el anño de 1642 (Bruxelas, 1643) e Libro de la Feliz Vitoria (Antuerpen, 1640), compostos ambos os dous polo escribán real malagueño Gabriel de la Vega, moi desenganado da súa traxectoria cortesá en Flandres. Os editores do libro Antonio Carreira e Jesús Antonio Cid defenden esta opinión, basándose en afinidades de carácter estilístico e histórico.

Florencio Sevilla na presentación da obra Novela Picaresca Española, afirma:

"...ten todos os visos de historia vivida realmente por quen a conta... se é -como cremos- unha crónica burlesca da Guerra dos Trinta Anos realizada por un soldado chocarreiro e bufón de corte, con franqueza o seu autor e narrador e protagonista non ten desperdicio...".
La novela picaresca española, edición de Florencio Sevilla Arroyo, Madrid, Editorial Castalia, 2001, páx. XLV)

.

Como dato curioso, a Biblioteca Nacional de Alemaña dá como autor da obra no seu catálogo on-line ao propio Esteban González, de quen dá como data de nacemento o ano 1608.[1]

Vida de Estebanillo[editar | editar a fonte]

Retrato de Estebanillo González, gravado de Lucas Vorsterman aparecido na primeira edición da novela.

O protagonista, Esteban González, é fillo dun pintor de Salvaterra de Miño, establecido en Roma pouco despois do seu nacemento. Hai documentación que acredita a existencia dun pintor español en Roma entre 1604 e 1626 que pertenceu á Academia de San Lucas, misser Lorenzo Gonzales, pitore spagnuolo, italianizado ao pouco como Laurenzo Gonzales, e que desde 1618 recibe o tratamento de signore. En 1625 foi elixido camarlengo da Academia, e pérdese rastro da súa existencia desde o 18 de outubro de 1626. Segundo a novela, marchou a Palermo (Sicilia) e morreu alí cara a 1628. Este respectable personaxe non responde ao prototipo do pai dun pícaro, e amais, segundo o describe o seu fillo, estaba preocupado porque os seus descendentes tivesen unha boa educación e un futuro profesional. No texto dise que era un home con executoria de fidalguía, «moi severo» e ben relacionado co embaixador español; ao morrer deixou a súa familia, composta amais pola nai e dúas irmás, nunha posición económica desafogada.

O nome de Esteban González aparece xa en 1654 como servinte (mozo entretenido de la panatería) que fora do príncipe Emmanuel Filiberto de Savoia, co baixo soldo de doce mil marabedís. Aínda que este nobre é citado con eloxio na novela, non se menciona o feito de que o chegase a servir, se ben si se di que desempeñou cargos en ocupacións moi similares de axudante de cociñeiro ou pícaro en casa doutros vicerreis de Sicilia: o cardeal Doria, interino no cargo en catro ocasións antes e despois de que o fose Filiberto de Savoia (1610–1612; 1616; 1624–1626; 1639) e o duque de Alburquerque (1627–1632).

No texto dise que foi gentilhombre de la bufa ou boufon do xeneral Ottavio Piccolomini en Flandres (1637–1639); en efecto, nuns libros de contas do secretario de Piccolomini, Francesco Useppi, aparece un tal Stefaniglio ou Stefanillo ao seu servizo, e con el e o seu exército estivo en lugares como Worms ou Dunquerque. Proxectouse un cadro en glorificación do xeneral que non se chegou a levar a cabo, mais consérvase a descrición do proxecto por parte do secretario, onde Stefanello iría situado a carón de Useppi.

Despois serviu ao cardeal infante Fernando de Austria, e trala morte deste en 1641 regresou co seu antigo amo Piccolomini a Viena en 1642 en plenas convulsións de guerra en Europa. A vida de Estebanillo proxéctase sobre o fondo da Guerra dos Trinta Anos, e asistiu á batalla de Nordlingen (1634); traballou intensamente como correo levando mensaxes e cartas dun lado a outro de Europa, do que hai confirmación documental. En 1645, logo dunha audiencia en Zaragoza con Filipe IV, logrou licenza para administrar unha casa de xogo en Nápoles, tras presentar unha carta no seu favor da emperatriz María, e tras ser criado do infante don Fernando. A última referencia é unha nota de 1659 que menciona un memorial presentado por un tal don Esteban González ao Consello de Guerra.

Estancia en Galicia[editar | editar a fonte]

No capítulo IV nárrase o paso de Estebanillo por Galicia. Fai o camiño de Santiago desde Toledo, e entra desde Benavente cara a Ourense, e detense nas Burgas. Despois de chegar a Santiago de Compostela diríxese cara a Pontevedra, onde come sardiñas, e despois segue ata Salvaterra de Miño, a vila do seu pai. Xa desde Tui cruza cara a Valença do Minho.

Crítica[editar | editar a fonte]

En España fixéronse catro edicións no século XVII e seis reimpresións no século XVIII, o que indica unha notable difusión e apreciación entre o lectorado, a un nivel similar ao de obras da novela picaresca como Guzmán de Alfarache e por riba de La vida del Buscón e Lazarillo de Tormes.[2] Porén, no século XIX a obra pasou a ser simple obxecto de atención erudita, sen a relevancia doutros clásicos da literatura castelá.

Dentro das perspectivas da crítica filolóxica, Estebanillo González recibiu xuízos moi dispares. Para Alexander A. Parker, a obra é "desagradable" e deixa "moi mal sabor de boca".[3] Whitbourn afirma que "a dexeneración de Estebanillo produce repulsión no lector... e causa indignación e enfado".[4] Non obstante, Juan Goytisolo, que tamén foi editor da obra, calificou o libro en 1966 de "magnífico", da "culminación do xénero picaresco desde o punto de vista do seu primitivo designio", e da "mellor novela española escrita no século XVII (se exceptuamos, claro está, o Quixote)".[5]

Edicións[editar | editar a fonte]

Octavio Piccolomini de Aragón, señor de Estebanillo González, a quen está adicada a obra.

A primeira edición levouse a cabo en Antuerpen, co seguinte texto na capa:

LA / VIDA I HECHOS / DE / ESTEVANILLO GONZALEZ, / Hombre de buen humor. / Compuesto por el mesmo. / Dedicada a el Excelentíssimo Señor OCTAVIO / PICOLOMINI DE ARAGON, Duque / de Amalfi, Conde del Sacro Romano Impe- / rio, Señor de Nachot, Cavallero de la Orden / del Tuson de oro, del Consejo de Estado i / guerra, Gentilhombre de la Camara, Capi- / tan de la guardia de los archeros, Mariscal de / campo General, i Coronel de Cavalleria i In / fanteria de la Magestad Cesarea, i Governador / General de las armas i exercitos de su Magestad / Catholica en los Estados de Flandes. / --- / EN AMBERES, / En casa de la Viuda de Iuan Cnobbart, 1646. In 4º, 8 ff., 388 pp. (por error, 382), 2 ff. Edición princeps.

No século XVII realizáronse tres edicións en Madrid, todas elas impresas en casa de Gabriel de León. A primeira foi feita por Gregorio Rodríguez en 1652, en Melchor Sánchez fixo dúas en 1655.

Xa no século XVIII fixéronse outras seis edicións en Madrid: dúas de Juan Sanz en 1720 na Plazuela de la Calle de la Paz, e outra impresa no mesmo lugar en 1725 a cargo de Bernardo de Peralta. En 1729 fíxose unha a costa de Pedro José Alonso Padilla, na súa casa na rúa de Santo Tomás; en 1778 imprimiuse na Imprenta e Librería de Andrés de Sotos, e en 1795 na oficina de Ramón Ruiz, nas Librerías da Corte.

Xa no século XX comezaron as edicións críticas e filolóxicas. En 1934 apareceu o texto da man de Juan Millé y Giménez con prólogo e notas, reimpreso en 1946, 1956 e 1973. En 1978 saíu unha edición de Nicholas Spadaccini e Anthony N. Zahareas con introdución e notas.

En 1990 publicouse unha edición con introdución e notas de Antonio Carreira e Jesús Antonio Cid. É a máis documentada e seria na análise do conxunto da obra, con ampla noticia bibliográfica e bibliografía. Atribúeselle a autoría a Gabriel de la Vega.

Traducións[editar | editar a fonte]

En 1707 apareceu a tradución ao inglés, co título de The Spanish Libertines: or the lives of Justina, the Country Jilt, Celestina, the bawd of Madrid and Estevanillo Gonzales, the most arch and comical of scoundrels. To which is added, a play call'd An Evening's Adventures. All four written by eminent Spanish authors, and now first made English by Captain John Stevens. A tradución de Stevens foi a única realizada do orixinal atñe o século XX. O tradutor afirma que "...in the opinion of many... seems to have outdone Lazarillo de Tormes, Guzman de Alfarache, and all other rogues that have hitherto appear'd in print..." (en opinión de moitos, parece superar o Lazarillo de Tormes, o Guzmán de Alfarache, e todos os outros pícaros que apareceron até agora impresos).

En 1734 foi adaptado ao francés co título de Histoire d'Estevanille Gonzalez, surnomme'le garçon de bonne humeur / tire' de l'espagnol par Monsieur Le Sage. É unha adaptación moi libre, que debe pouco ao orixinal agás os episodios da barbería e o hospital de Nápoles. Porén, Le Sage engadiu episodios do Estebanillo á súa obra máis coñecida: Gil Blas de Santillana (1715-1735).

Con todo, esta adaptación popularizou o nome do pícaro nun gran número de traducións levadas a cabo desde esta lingua. Así, en 1754 foi traducida ao italiano como Vita e avventure di Stefanello Gonzalez, sopranominato il garzone di buon genio, en 1765 ao ruso como Pochodznii... Estevanilla Gonzaleca, prozvannogo vesel'čakom, soč. gospodinom Lesažem..., ao alemán por A. Alberti en 1791 co título de Geschichte des Estevanille Gonzalez mit dem Zunamen des Lustigen, ao danés en 1801-02, e ao portugués en 1838 como Historia d Estevinho Gozalves, cognominado Rapaz de bom humor, por Lesage, traduzida de francez em portuguez, por José Da Fonseca.... Esta última dá erroneamente a Le Sage como autor da obra orixinal.

Xa en 1939 foi traducida ao italiano desde o orixinal por Antonio Gasparetti como Vita e imprese di Stefanello González, uomo di buon umore, en 1980 ao checo por Josef Forbelský dentro de Tři španělské pikareskní romány co título de Život a skutky Estebanilla Gonzáleze, e en 1985 foi verquida ao alemán por Fritz Rudolf Fries como Estebanillo González, ein Mann fröhlicher Gelassenheit: sein Leben und seine Taten/aufgeschreiben von ihm selbst.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha da obra Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. no Portal da Biblioteca Nacional de Alemaña.
  2. páxina CXCI, La vida y hechos de Estebanillo González, edición de Antonio Carreira y Jesús Antonio Cid, Cátedra, 1990, vol. I.
  3. A. A. Parker, Literature and the Delinquent, 1967, tradución castelá, pp. 125-127.
  4. C. J. Whitbourn, Knaves and Swindlers. Essays on the picaresque novel in Europe, Oxford, 1974, pp.14-16.
  5. Juan Goytisolo, Estebanillo González, hombre de buen humor, Cuadernos de Ruedo Ibérico, número 8, agosto-septiembre 1966, páx. 25 e ss.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • AVALLE-ARCE, J.B., "El nacimiento de Estebanillo González", Nueva Revista de Filología Hispánica, XXXIV, 1985-1986, páxinas 529-537.
  • BATAILLON, M., "Estebanillo González, bouffon "pour rire"", Studies in Spanish Literature of the Golden Age. Presented to Edward M. Wilson. Ed. R.O. Jones. Londres, 1973.
  • CARREIRA, A., "Materiales para el estudio del núcleo verbal en Estebanillo González (1646)". Trabajo para el Curso de Doctorado del profesor Doctor Don Rafael Lapesa. Facultad de Filosofía y Letras. Universidad Complutense de Madrid, curso 1968-1969. 28 páxinas.
  • CID, J.A., "La personalidad real de Stefaniglio. Documentos sobre el personaje y presunto autor de La vida y hechos de Estebanillo González", Criticón, número 47, ano 1989, páxinas 7-28.
  • CID, J.A., "Centauro a lo pícaro y voz de su amo: Interpretaciones y textos nuevos sobre La vida y hechos de Estebanillo González, I: La Sátira contra los monsiures de Francia y otros poemas de 1636-1638", Criticón, número 47, ano 1989, páxinas 29-77.
  • CID, J.A., "Historia, pseudoautobiografía, estilo: Gabriel de la Vega, alias Estebanillo González, y su narración picaresca", ano 1978.
  • CORDERO DE BOBONIS, I., "La vida y hechos de Estebanillo González. Estudio sobre su visión del mundo y actitud ante la vida", Archivum, Oviedo, XV, ano 1965, páxinas 168-189.
  • GOSSART, E., "Estevanille Gonzales. Un bouffon espagnol dans les Pays-Bas espagnols au XVIIème siècle", Revue de Belgique, deuxième série, ano 1893, VII, páxinas 135-157; VIII, páxinas 43-55 y 200-207.
  • GOYTISOLO, J., "Estebanillo González, hombre de buen humor", Cuadernos de Ruedo Ibérico, número 8, agosto-septiembre de 1966, páxinas 78-86.
  • HIRSCHFELD, N., "Inverted Honor: A Reading of the Life of Estebanillo González", IberoamericaGlobal, XII, ano 2009, páxinas 168-195.
  • JONES, W.K., "Estebanillo González. A Study with Introduction and Commentary". Being a dissertation submitted to the Graduate Faculty in Candidacy for the Degree of Doctor of Philosophy. University of Chicago, ano 1927. 278 + XI páxinas.
  • MOORE, E.R., "Estebanillo González's Travels in Southern Europe", Hispanic Review, VIII, ano 1940, páxinas 24-45.
  • SPADACCINI, N., "History and Fiction: The Thirty Years War in Estebanillo Gonzalez", Kentucky Romance Quarterly, XXIV, ano 1977, páxinas 373-387.
  • STRZALKOWA, M., "La Pologne vue par Cervantes et par Estebanillo González", Bulletin Hispanique, LXXIV, ano 1972, páxinas 128-137.
  • VERDONK, R., "La vida y hechos de Estebanillo González, espejo de la lengua española en Flandes", Revista de Filología Española, LXVI, ano 1986, páxinas 101-109.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]