Escarabeidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Scarabaeidae
Escarabeidos de Europa central con algúns detalles anatómicos. da obra de Edmund Reitter Fauna Germanica, 1908
Escarabeidos de Europa central
con algúns detalles anatómicos. da obra de Edmund Reitter Fauna Germanica, 1908
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Superfamilia: Scarabaeoidea
Familia: Scarabaeidae
Latreille, 1802
Subfamilias

Aegialiinae
Allidiostomatinae
Aphodiinae
Cetoniinae
Dynastinae
Dynamopodinae
Euchirinae
Melolonthinae
Orphninae
Pachypodinae
Phaenomeridinae
Phileurinae
Rutelinae
Scarabaeinae
Termitotroginae

Escaravello sagado nun cartucho do faraón Thutmose III do templo Amón-Ra de Karnak, Exipto.

Os escarabeidos (Scarabaeidae) son unha familia de escaravellos (coleópteros) que consta dunhas 30.000 especies de todo o mundo. A clasificación desta familia é bastante inestable, con numerosas teorías en competencia e aparecen novas propostas a miúdo. Moitas das subfamilias da lista que se dá aquí probablemente non serán recoñecidas durante moito máis tempo, e probablemente serán reducidas a categorías por debaixo da subfamilia, ou elevadas a familias (por exemplo, a familia "Melolonthidae" apareceu en recentes clasificacións). Outras familias foron creadas recentemente e son case universalmente aceptadas (por exemplo, Pleocomidae, Glaresidae, Glaphyridae, Ochodaeidae, Geotrupidae e Bolboceratidae).

Características[editar | editar a fonte]

Os escarabeidos teñen un corpo robusto, moitos deles son de cores metálicas e miden entre 1,5 e 160 mm. Teñen antenas con forma de maza distintivas compostas de placas chamadas lamelas que poden ser comprimidas nunha bóla ou abrirse en abano como follas para percibir cheiros. As antenas teñen once artellos, dos cales os tres últimos forman a maza. O clípeo está completamente fusionado coa fronte e o labro queda oculto baixo o clípeo. As patas son de tipo camiñador, escavador e a súa fórmula tarsal é 5-5-5 (en ocasións poden faltar os tarsos anteriores e as uñas en todas as patas). As patas frontais de moitas especies son anchas e adaptadas para escavar. A cor pode ser negra, azul, verde, parda, amarela ou vermella, ás veces iridiscente, metálica, brillante ou contrastada con marcas escuras. Varios membros desta familia teñen élitros con coloración estrutural que actúan como polarizadores circulares levoxiros; este foi o primeiro exemplo que se descubriu de polarización circular na natureza.[1] É frecuente o dimorfismo sexual acentuado.[2] O abdome ten seis esternitos visibles.[3] A maioría dos escarabeidos adultos son nocturnos, aínda que os Cetoniinae e moitos Rutelinae son activos durante o día. Moitos escarabeidos son preeiros que reciclan excrementos, prea ou material vexetal en descomposición. Outros como o Popillia japonica son pragas agrícolas importantes.

Algúns dos máis coñecidos escarabeidos son os escaravellos xaponeses Popilla japonica, os escaravellos peloteiros (Polyphaga), os Cetoniinae como o Cetonia aurata de Europa, e Macrodactylus subspinosus de Norteamérica, o escaravello rinoceronte, o escaravello Hércules e o escaravello Goliath.

Larvas[editar | editar a fonte]

As súas larvas con forma de C son brancas ou amarelas claras. As larvas viven principalmente baixo terra ou baixo residuos, polo que non están expostas á luz do sol.

Varias especies con larvas brancas poden ser pragas para plantas ornamentais. A máis abundante destas en España é Anoxia villosa. Outra especie é Melolontha melolontha, pero é moi escasa en España, aínda que moi abundante en Francia e toda Europa. Outros escaravellos con larvas brancas menos importantes son Phyllopertha horticola, Tropinota hirta, Melolontha hippocastani etc. Son larvas gordas, brancas e arqueadas. O adulto mide 3 centímetros e a larva 4. Son larvas de vida longa: duran 3 ou 4 anos antes de converterse en escaravellos. Cando chegan os fríos, afondan no terreo e invernan. As larvas viven no chan e comen as raíces dun gran número de especies ornamentais (praga polífaga). As follas póñense amarelas e murchas.[4]

Escarabeidos no Antigo Exipto[editar | editar a fonte]

No Antigo Exipto o escaravello peloteiro Scarabaeus sacer (antes Ateuchus sacer) era reverenciado como sagrado. A súa representación aparecía en moitos lugares e nas momias e como amuleto denominábase escarabeo. Representaba ao sol nacente e era símbolo da resurrección.

No libro de Charles Darwin de 1859 A orixe das especies descríbese o xénero Ateuchus como o "escaravello sagrado dos exipcios".[5]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A. A. Michelson (1911). "On metallic colourings in birds and insects". Philosophical Magazine 21: 554–567. doi:10.1080/14786440408637061. 
  2. Morón, M.A. y Terrón, R.A. (1988). Entomología práctica: Una guía para el estudio de los insectos con importancia agropecuaria, médica, forestal y ecológica de México. Instituto de Ecología. México.
  3. Bastidas, R. y Zavala, Y. (1995). Principios de Entomología Agrícola. Ediciones Sol de Barro, ISBN 980-245-006-5
  4. Infojardin - Gusano blanco
  5. Darwin, Charles (1859). On the Origin of Species. John Murray. p. 103. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • RU Ehlers. Current and Future Use of Nematodes in Biocontrol: Practice and Commercial Aspects with Regard to Regulatory Policy Issues. Biocontrol Science and Technology Volume 6, Issue 3, 1996.

Ligazóns exernas[editar | editar a fonte]