Artello (artrópodos)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artellos da pata dunha araña: 1. Coxa. 2. Trocánter. 3. Fémur. 4. Patela. 5. Tibia. 6. Metatarso. 7. Tarso. 8. Pretarso (uñas).

En zooloxía chámase artello (voz patrimonial),[1][2][3] ou artículo [4] (termo culto derivado do latín articŭlus, "articulación", "xuntura dos ósos" (ou dos membros) (e "os mesmos membros"), "nó" (dos dedos ou das plantas), "parte", "división",[5] a cada unha das partes en que se dividen os apéndicespatas, antenas , palpos etc.— dos artrópodos. Ambas as voces úsanse tamén en botánica.

En botánica[editar | editar a fonte]

Artellos do talo de Chara globularis.
Pata dun crustáceo, mostrando os segmentos ou artellos; o isquio e o mero encóntranse fusionados en moitos decápodos.

En botánica, a voz patrimonial (artello) refírese a cada un dos segmentos, comparábeis entre si e claramente limitados que, dispostos en serie lineal, forman parte do corpo dun organismo, como, por exemplo, os internós do eixe das algas do xénero Chara, as células consecutivas que constitúen o talo monosifóneo dunha alga filiforme, ou os sucesivos segmentos calcificados dunha Corallina (unha alga vermella).[6]

En cambio, a culta (artículo) utilízase para designar non o propiamente dito, senón ao entrenó de certos órganos articulados, é dicir, divididos por fendeduras máis ou menos manifestas en diversos segmentos superpostos, tanto se estes segmentos se separan espontaneamente por segmentación natural, como, por exemplo, nos froitos de Coronilla ou de Ornithopus, como se esta non chega a producirse como, por exemplo, nos estames das euforbiáceas; aplícase tamén este nome a cada un dos conidios, ou das esporas en xeral, cando se dispoñen en series lineais, como sartas de perlas.[6]

Nos artrópodos[editar | editar a fonte]

Os artrópodos caracterízanse pola súa simetría bilateral, pola metamerización, é dicir, a división do seu corpo en segmentos ou metámeros, polos seus apéndices articulados, e polo seu exoesqueleto. Na maior parte deles os metámeros poden diferir polo seu desenvolvemento, a súa estrutura ou a súa función, e tamén poden ser distintos nas diversas rexións do corpo (cabeza, tórax e abdome, algunhas veces, como en crustáceos e arácnidos, fusionadas as dúas primeiras formando un cefalotórax). En todos os metámeros que compoñen o seu corpo, excepto o ácron e o telson ou pixidio, posúen tipicamente un par de apéndices articulados co corpo e constituídos por unha sucesión de partes, os artellos ou artículos, articulados entre si, que é precisamente a característica á que deben o seu nome. Estes apéndices, fundamentalmente semellantes entre si, foron destinados en principio para a locomoción, pero no curso da evolución, por un lado, desapareceron algúns e, por outro, diversificáronse en relación coas distintas funcións que debían desempeñar. Os apéndices articúlanse no segmento comprendido entre o terxito e o esternito, e ocupan unha posición lateral se estes están igualmente desenvolvidos, pero desprázanse ventralmente se o esternito se reduce.[7][8]

Cada apéndice está constituído normalmente por un número determinado de segmentos, os artellos ou artigos, articulados entre si e móbiles con relación ao segmento precedente mediante músculos propios. Ademais, os artigos dos apéndices pódense agrupar en seccións fundamentais, que probabelmente representan a pegada dunha subdivisión primaria do apéndice primitivo dos artrópdos, á que se sobrepón, no curso da evolución, unha subdivisión secundaria correspondente aos segmentos actuais. Inicialmente, o apéndice debeu de estar constituído por unha peza basal, o coxito, e por outra distal, o telopodio ou telopodito, que moi pronto se subdividiría en dúas seccións: femoral e tibial. Finalmente, cada unha destas tres seccións alcanzaría a actual estrutura en segmentos ou artellos:

  • coxito: precoxa, coxa e base;
  • rexión femoral: preisquio, isquio e mero;
  • rexión tibial: carpo, propodio e dáctilo.

Dado que os segmentos correspondentes en diversos grupos de artrópodos foron designados con diferentes nomes, e que tales denominacións se conservaron a pesar de que se demostrou a súa equivalencia, baseándose en investigacións de filoxenia das distintas clases de artrópodos e en estudos morfolóxicos comparados, a continuación se inclúe un cadro comparativo das homoloxías establecidas até agora. Porén, algunhas delas son incertas e non están aceptadas completamente.

Correspondencia entre os artellos apendiculares das principais clases de artrópodos
Seccións Artellos típicos Merostomados Arácnidos Crustáceos Diplópodos / Quilópodos Insectos
coxito precoxa

coxa base


coxa


coxa
(precoxopodio)
coxopodio
basipodio


coxa
(subcoxa)
trocantin
coxa
telopodito (sección femoral) preisquio
isquio
mero

prefémur
fémur

trocánter
fémur
(preisquiopodio)
isquiopodio
meropodio
(trocánter I)
trocánter II
fémur

trocánter
fémur
telopodito (sección tibial) carpo
propodio
dáctilo
(rótula) + tibia
tarso
postarso
rótula / tibia
basitarso
tarso / pretarso
carpopodio
porotopodio
dactilopodio
tibia
tarso
pretarso
tibia
tarso
pretarso

Notas[editar | editar a fonte]

  1. artello no dicionario da RAG.
  2. Nieto Nafría, J. M. e Mier Durante, M. P. (1985): Tratado de Entomología. Barcelona: Ediciones Omega, S.A. ISBN 84-282-0748-8, p. 599.
  3. VV. AA. (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Volume 1. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-09914-071-1.
  4. artículo, 1ª acep. no DRAE
  5. En latín, articŭlus, -i (s. m.) é o diminutivo de artūs, -uum (s. m. pl.), "as articulacións", "os membros ou extremidades" (do corpo), e, en poesía "o corpo enteiro").
  6. 6,0 6,1 Font Quer, P. (1993).
  7. D'Ancona, H. (1972), pp. 621-624.
  8. Grassé et al. (1976), pp.485-499.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 0-87893-097-3.
  • D'Ancona, H. (1972): Tratado de zoología. 2 Vols. Barcelona: Editorial Labor, S. A.
  • Font Quer, P. (1993): Diccionario de botánica. Barcelona: Editorial Labor, S. A. Tomo I. ISBN 84-335-0076-7.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1) Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hickman, C. P., W. C. Ober e C. W. Garrison (2006): Principios integrales de zoología, 13ª ed. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0608-2.

Outros artigos[editar | editar a fonte]