Karnak
O complexo relixioso de Karnak, comunmente coñecido simplemente como Karnak, abrangue un extenso conxunto de ruínas de templos, capelas, pilonos e outras construcións. A edificación do complexo comezou durante o reinado de Sesostris I no Imperio Medio continuando ata a época dos Tolomeos, aínda que a maior parte dos edificios datan do Imperio Novo, época na que se converteu no principal centro cerimonial[1]. A área arredor de Karnak denominábase Ipet-isut ("O máis apreciado dos lugares") e era o lugar principal de culto da tríade tebana da dinastía XVIII co deus Amón á súa cabeza. Forma parte da cidade monumental de Tebas e o complexo dálle o seu nome á aldea moderna de Al-Karnak, a 2,5 km. ao norte de Luxor. É un lugar turístico, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1979 como un elemento da Antiga Tebas e a súa necrópole.
Edificacións[editar | editar a fonte]
Recinto de Amón-Ra[editar | editar a fonte]
É o meirande dos recintos do complexo, dedicado a Amón-Ra, a principal deidade da tríade tebana. Situado entre os outros dous templos é o único aberto ao público, presenta varias estatuas colosais, entre elas a de Pinedjem I de 10,5 metros de altura. Tamén ten un dos meirandes obeliscos, de 29 metros de altura e 328 toneladas[2][3] pero a parte máis célebre é a sala hipóstila, composta de 134 columnas papiriformes, decoradas con baixo relevos, que sostiñan unha cuberta alintelada.
Recinto de Mut[editar | editar a fonte]
Localízase ao sur do Recinto de Amón-Ra, e está dedicado á deusa nai Mut, identificada como a muller de Amón-Ra na tríade tebana da XVIII dinastía. Asociado ao recinto existen unha serie de pequenos templos e conta co seu propio lago sagrado, en forma de media lúa. As súas pedras utilizáronse para construír outras estruturas, tamén se atoparon centos de ídolos e estatuas derrubadas no centro do recinto.
Recinto de Montu[editar | editar a fonte]
Localízase ao norte do de Amón-Ra e é moito máis pequeno que este, está dedicado ao fillo de Amón-Ra e Mut, Montu o deus da guerra
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Sondereguer, César (2006) Pirámides y templos: de Egipto y América : fundamentos ideológicos, morfoproporcionalidad, crítica estética Nobuko, p. 45
- ↑ Walker, Charles, 1980 "Wonders of the Ancient World" pp24–7
- ↑ "The Seventy Wonders of the Ancient World", editado por Chris Scarre (1999) Thames & Hudson, London