Saltar ao contido

Cetonia aurata

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cetonia aurata
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Scarabaeiformia
Superfamilia: Scarabaeoidea
Familia: Scarabaeidae
Xénero: Cetonia
Especie: Cetonia aurata
(Linnaeus, 1758)
Subspecies[1]
  • Cetonia aurata aurata Linneaeus, 1761
  • Cetonia aurata pallida (Drury, 1770)
  • Cetonia aurata pisana Heer, 1841
  • Cetonia aurata jingkelii Flutsch & Tauzin, 2009
  • Cetonia aurata pokornyi Rataj, 2000
  • Cetonia aurata sicula Aliquo, 1983
  • Cetonia aurata viridiventris Reitter, 1896

Cetonia aurata é unha especie de escaravello da familia dos escarabeidos de 20 mm de longo, que ten unha coloración estrutural metálica verde e un escutelo cunha distintiva forma de V. O escutelo é a pequena área con forma de V entre os élitros; pode mostrar varias liñas e marcas brancas pequenas e irregulares. A parte ventral do animal ten unha cor de cobre e a parte dorsal é ás veces de cor de bronce, cobre, violeta, azul/negra ou cincenta.

Cetonia aurata non debería confundirse coa especie norteamericana Macrodactylus subspinosus nin coa escasa Gnorimus nobilis, que é moi similar. Un xeito de identificar a Cetonia aurata é ver o seu escutelo; que en G. nobilis é un triángulo equilátero, pero en C. aurata é un triángulo isóscele.

Características

[editar | editar a fonte]

C. aurata pode voar velozmente cos seus élitros baixados. Aliméntase de pole, néctar e flores, especialmente rosas. Poden encontrarse entre rosas nos días solleiros cálidos de maio a xuño ou xullo e ocasionalmente ata setembro. Encóntranse en Europa central e meridional e na parte sur do Reino Unido, onde ás veces parecen estar moi localizadas. Poden tamén encontrarse no sueste de Asia, no campo e nas illas periféricas fronte a Hong Kong. Son especies saprófagas beneficiosas (detritívoras).

Ciclo vital

[editar | editar a fonte]

As larvas teñen forma de C e teñen un corpo peludo, enrugado e firme, unha cabeza pequena e patas moi pequenas. As larvas pasan o inverno onde se alimentaron, que pode ser en compost, esterco, follas caídas descompostas por fungos ou madeira podre. Crecen moi rapidamente e mudan dúas veces antes do fin do outono. Teñen un ciclo vital de dous anos. Pupan de xuño a xullo. Algúns adultos poden saír da pupa en outono, pero a principal saída prodúcese en primavera, cando os escaravellos se aparean. Despois de aparearse as femias poñen ovos en materia orgánica en descomposición e despois morren.

Coloración

[editar | editar a fonte]

A coloración verde metálica do escaravello créase estruturalmente,[2] causada pola reflexión principalmente de luz polarizada circularmente; como noutros escarabeidos esta é unha luz polarizada circularmente á esquerda.[2] Cando se ve través dun polarizador circular dereito, o escaravello parece ser incoloro. Hai tamén diferentes cores ademais do verde común; hai tamén cor de cobre, gris e negro. Moitos espécimes teñen manchas brancas mentres que algúns teñen poucas ou ningunhas. [3] Foi descrita como un polarizador elíptico de banda estreita cara á esquerda.[4]

  1. "Cetonia aurata". Global Biodiversity Information Facility. Consultado o 2018-01-04. 
  2. 2,0 2,1 A. A. Michelson (1911). "On metallic colourings in birds and insects". Philosophical Magazine 21 (124): 554–567. doi:10.1080/14786440408637061. 
  3. Hegedüsa, Ramón; Győző Szélb; Gábor Horváth (setembro de 2006). "Imaging polarimetry of the circularly polarizing cuticle of scarab beetles (Coleoptera: Rutelidae, Cetoniidae)". Vision Research 46 (17): 2786–2797. PMID 16564066. doi:10.1016/j.visres.2006.02.007. 
  4. Chirality-induced polarization effects in the cuticle of scarab beetles: 100 years after Michelson. 2012

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]