Emilia Rivadeneira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEmilia Rivadeneira
Biografía
Nacemento13 de novembro de 1839 Editar o valor em Wikidata
Quito, Ecuador Editar o valor em Wikidata
Morte8 de setembro de 1916 Editar o valor em Wikidata (76 anos)
Quito, Ecuador Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónartista , gravadora Editar o valor em Wikidata

Emilia Rivadeneira Valencia, nada en Quito o 13 de novembro de 1839 e finada na mesma cidade o 8 de setembro de 1916, foi unha gravadora ecuatoriana.

Foi a primeira muller que se dedicou ao gravado no seu país; retratou os personaxes máis senlleiros da súa época, e deseñou e gravou a primeira serie de selos postais ecuatorianos e a primeira moeda do sistema decimal.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Emilia Rivadeneira naceu no barrio de San Marcos, Quito, o 13 de novembro de 1839, filla de Dolores Valencia Vizcaíno e do tipógrafo e gravador Manuel Antonio Rivadeneira Heredia, de quen aprendeu desde nena a arte do gravado e o manexo do buril sobre diferentes materiais. Foi bautizada co nome de María Benigna Emilia Martina.[1]

O seu primeiro traballo coñecido remóntase a 1856 e trátase da representación da imaxe da beata ecuatoriana Mariana de Jesús (1618-1645) incluída nunha biografía da virxe realizada por Jacinto Morán de Butrón, cando Emilia tiña soamente 17 anos.[2][3]

Cara a 1912, elaborou outro gravado sobre o mesmo personaxe máis estilizado, que se utilizou para conmemorar o terceiro centenario do seu nacemento, en 1918. Nesta segunda representación de Mariana de Jesús, aparece nun segundo plano, como fondo, a Catedral de Quito e o Palacio de Carondelet.[2][3]

Coñécese que o presidente do seu país García Moreno foi o seu mecenas, e que Emilia lle dedicou cinco dos seus gravados. Tamén se ocupou dos retratos doutros presidentes ecuatorianos de finais do século XIX. Igualmente, creou imaxes de varias virxes de gran devoción no seu país e traballou nas representacións de San Francisco de Asís e de Santo Antonio de Padua, na imaxe do papa León XIII e nos retratos de escritores da súa época.[3][4]

En 1872, Rivadeneira foi representante do seu país na Exposición Nacional de Lima, Perú, con gravados e miniaturas sobre marfil. Igualmente, participou con gravados en aceiro na Exposición Mundial Colombina, celebrada en Chicago en 1893.[5]

E 1875 encargouse do gravado dos planos de Quito realizado por Juan Bautista Menten. As pranchas orixinais do segundo e do terceiro mapa consérvanse na mapoteca da Chancelaría de Ecuador. Tamén colaborou no estudo de Enrique Vacas Galindo titulado Colección de documentos sobre límites ecuatoriano-peruanos, que recolle senllos gravados seus, de 1902 e 1903, sobre mapas do Vicerreinado do Perú e da Real Audiencia de Quito, elaborados orixinariamente no século XVIII.[6]

Como ilustradora, en 1876 colaborou coa publicación periódica La Luciérnaga no deseño da súa cabeceira, e en 1883 o xornal de Quito Los Principios publicou varios dos seus gravados. Entre outros, fixo tamén ilustracións para un tratado de esgrima, dous libros de xastraría.[7]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Emilia Rivadeneira viviu no barrio de San Marcos, en Quito. O 19 de xullo de 1863 casou con Pedro Héguy Wanderberg, con quen tivo unha filla, chamada Rosa Herminia.[8][9]

Cara a 1893, coñécese que vivía na rúa Flores, no centro de Quito, e que alí impartía clases de gravado.[3]

O 8 de setembro de 1916 finou, aos 77 anos,[9] como consecuencia dunha pneumonía.[5]

Obra[editar | editar a fonte]

Moeda de 5 francos ecuatorianos (1858)., deseñada e gravada por Emila Rivadeneira.[10]

Ata 1887, asinou os seus traballos como Emilia Rivadeneira, mais a partir de xullo daquel ano cambiou a ortografía do seu apelido a Ribadeneira,[5] aínda que en varias das súas obras alternou tamén o seu nome de casada, Emilia Rivadeneira de Héguy, con E. R. de Héguy ou simplemente as súas iniciais: E. R.[11]

Moeda de 5 francos[editar | editar a fonte]

En 1858 encomendóuselle a Rivadeneira —que daquela tiña só 19 anos— o gravado da nova moeda de 5 francos que se cuñou ese mesmo ano na Casa da Moeda de Quito, nun primeiro intento de decimalizar o sistema monetario de Ecuador.[12] O historiador numismático Melvin Hoyos, no seu traballo de 1998 sobre a historia numismática ecuatoriana, fala así deste traballo da gravadora:[13][14]

Dona Emilia Ribadeneyra, connotada artista do gravado con quen contaba a nación ata fins do século XIX […] encargouse de confeccionar con primorosa perfección a arte dos "fortes" de cinco francos, deixando como constancia da súa intervención a marca E. R. que se pode observar baixo o pescozo da efixie na imaxe do anverso. A satisfacción pola calidade do traballo foi tal que don Antonio Yerovi, daquela ministro de Facenda, se referiu a el no seu informe ás cámaras do modo que segue: “O cuño desta moeda, como se pode notar, ten o seu mérito recomendable e é debida esta obra a unha artista do país”.

Selos postais[editar | editar a fonte]

A Emilia Rivadeneira débeselle tamén o deseño e o gravado da primeira serie de selos nacionais de Ecuador. O traballo levouse a cabo en 1864, en colaboración co seu pai, Manuel Rivadeneira, grazas a un contrato asinado entre este e o Goberno presidido por Gabriel García Moreno.[3] En xaneiro de 1865 púxose en circulación o selo azul (medio real) e os selos verdes e amarelos (un real), en tanto que o vermello de catro reais se emitiu a mediados de 1866.[15][16]

No Museo Numismático do Banco Central de Ecuador exponse unha representación desta primeira serie de selos ecuatorianos.[17]

No único escrito que se coñece asinado por ela, Emilia Rivadeneira fai unha defensa do seu labor como gravadora dos selos ante o Goberno:[18]

Tendo eu tomado desde a miña nenez entre os meus dedos o buril, tamén me preguntei: por que o noso Goberno contrata cos Yankees a estampa dos seus timbres e selos, no canto de a contratar cunha filla do país, que pode facelos tan bos como se necesitan? [...] Por que se regala ao estranxeiro caprichosamente unha suma que deberá destinarse á protexer a industria nacional?.

Gravados[editar | editar a fonte]

  • (1856) Representación de Mariana de Jesús.
  • (1867) Retrato de Frei José María de Jesús Yerovi.
  • (1876) Retrato de Gabriel García Moreno.
  • (1880) Retrato de Emilia Serrano, baronesa de Wilson.
  • (1883) Retrato do xeneral Francisco J. Salazar.
  • (1887) Retrato de Antonio Flores Jijón.
  • (1889) Retrato de Juan Montalvo.
  • (1891) Retrato de Luis Cordero Crespo.
  • (1896) Retrato de Manuel Cririboga Alvear.
  • (1897) Retrato do papa León XIII.
  • (1899) Representación de Santo Antonio de Padua.
  • (1902) Mapa do Vicerreinado do Perú, de Andrés Baleato (1792).
  • (1903) Mapa da Real Audiencia de Quito, de Francisco de Requena (1779).
  • (1907) Representación da Dolorosa.
  • (1912) Representación de Mariana de Jesús.
  • Representación de Nosa Señora de Las Lajas.
  • Representación de Nosa Señora do Quinche.
  • Representación de Nosa Señora do Rosario de Agua Santa.
  • Representación de San Francisco de Asís.
  • Retrato de Juan José Flores.
  • Representación de Santa Rita de Casia.

Honras[editar | editar a fonte]

Na súa memoria, unha rúa do sur de Quito leva o seu nome. Ademais, o 19 de marzo de 2015 emitiuse un selo de 5 dólares en conmemoración do primeiro selo postal do Ecuador, que amosa un retrato de Emilia Rivadeneira. [19]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Arcos González, L. (2021). Páxina 69.
  2. 2,0 2,1 Arcos González, L. (2021). Páxinas 72-73.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Salazar Calle, G. (2017). "Una historia del grabado en Ecuador: Emilia Rivadeneira". En Cartón Piedra. Nº 277. 20 de febreiro.
  4. Arcos González, L. (2021). Páxinas 73-75.
  5. 5,0 5,1 5,2 Arcos González, L. (2021). Páxina 70.
  6. Arcos González, L. (2021). Páxinas 82-85.
  7. Arcos González, L. (2021). Páxinas 79-80.
  8. Arcos González, L. (2021). Páxinas 69-70.
  9. 9,0 9,1 "La grabadora". En Boletín AFE No 15. Asociación Filatélica del Ecuador (2014). Páxina 14.
  10. "5 Francos". Numista.com
  11. Arcos González, L. (2021). Páxina 84.
  12. "La moneda de Emilia Rivadeneira". En Boletín AFE No 15. Asociación Filatélica del Ecuador (2014). Páxinas 25-26.
  13. Hoyos, M. (1998). La Moneda Ecuatoriana a través de los tiempos. Ed. El Conejo. Páxina 112. ISBN 9789978871812
  14. Arcos González, L. (2021). Páxina 75.
  15. Arcos González, L. (2021). Páxina 78.
  16. Boletín AFE No 15. Asociación Filatélica del Ecuador (2014).
  17. "Sellos postales". Numismatico.bce.fin.ec
  18. Arcos González, L. (2021). Páxina 71.
  19. Arcos González, L. (2021). Páxinas 71-72.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]