Moeda de 5 francos ecuatorianos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
5 francos ecuatorianos [1]
A/:. Busto de Ceres. Marca de gravador (ER).

Lenda: EL PODER EN LA CONSTITUCION /1858 / 0, 900 M.

R/: Escudo nacional.

Lendas: REPUBLICA DEL ECUADOR / 5 F / QUITO / G. J.

A moeda de 5 francos ecuatorianos é unha moeda de prata cuñada en 1858 con ese valor facial na Casa da Moeda de Quito, nun intento de establecer en Ecuador un sistema monetario decimal, inspirado no franco francés.

O deseño e o gravado da moeda é obra da gravadora ecuatoriana Emilia Rivadeneira.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1856, o Congreso da República de Ecuador aprobou unha lei de reforma monetaria mediante a cal se instituía en todo o territorio un único sistema monetario, baseado no sistema decimal e tomando como modelo o franco francés, co que se deixaba atrás o anterior sistema octal do real ecuatoriano, herdado da época española.[2][3]

O deseño encargóuselle a Emilia Rivadeneira, considerada na época como a mellor gravadora de Ecuador e autora tamén, anos máis tarde, da primeira serie de selos postais do país.[2][4][5][6]

En 1858 iniciouse a cuñaxe da nova moeda. Para a súa produción fundíronse numerosas moedas de prata de épocas anteriores que estaban en circulación, a maioría da época colonial, mais este esforzo non foi suficiente para satisfacer a demanda inicial. Con todo, a moeda púxose axiña en circulación, entre xullo e agosto dese mesmo ano, aínda que só estivo en uso ata 1861, xa que a poboación non se afixo a un sistema que consideraba alleo e confuso.[2][5]

A reconversión do sistema octal ao decimal implicaba que o anterior peso, de 8 reais, se substituiría pola nova moeda de 5 francos, de dez reais ou cen centavos. Coa finalidade de retirar da circulación as moedas predecimais, estableceuse unha relación de cambio dun franco por cada dous reais.[7] Isto provocou que a poboación non aceptase de bo grado entregar dez reais por unha moeda dun peso de prata, cando normalmente entregaba oito.[4]

Logo do fracaso desta primeira iniciativa, a definitiva adopción do sistema decimal na moeda do país non se produciu ata 1884, coa adopción do sucre como moeda nacional.[4]

O mesmo decreto polo que se autorizaba a emisión desta moeda prevía tamén a emisión de moeda fraccionaria en cobre, de cuxa cuñaxe debería encargarse a Casa da Moeda de Filadelfia, mais esta disposición non chegou a entrar en vigor.[2]

Un dos escasos exemplares conservados forma parte da colección do Museo Numismático do Banco Central de Ecuador.[2]

O prezo que acada esta moeda no mercado do coleccionismo oscila entre os 250 euros nunha conservación mínima para considerarse coleccionable e arredor de 3.000 euros en condicións de conservación extraordinarias.[8]

Deseño[editar | editar a fonte]

Anverso[editar | editar a fonte]

O anverso da moeda está caracterizado por unha representación do busto da deusa Ceres ollando cara á esquerda, co barrete frixio da liberdade e cabelo longo e rizo. Por baixo do truncamento do busto aparecen as iniciais da gravadora "E. R.".[2][4]

Arredor do busto desprégase a lenda EL PODER EN LA CONSTITUCIÓN, coa data 1858 no exergo e a indicación da pureza da prata: "0, 900 M." (900 milésimas).[2][4][9]

Reverso[editar | editar a fonte]

O reverso está presidido polo terceiro escudo de armas de Ecuador, adoptado o 6 de novembro de 1845, flanqueado a ambos os lados pola expresión do valor facial "5 F" (5 francos). A lenda é REPUBLICA DEL ECUADOR, e no exergo indícase QUITO como marca de ceca e as iniciais do ensaiador do metal "G. J." (Guillermo Jamesson) na casa da moeda.[2][4][9]

Valoración do deseño[editar | editar a fonte]

O traballo de Emilia Rivadeneira no deseño da moeda de 5 francos ecuatorianos foi comunmente eloxiado pola crítica. O historiador numismático Melvin Hoyos, no seu traballo de 1998 sobre a historia numismática ecuatoriana, fala así desta obra da gravadora:[10][11]

Dona Emilia Ribadeneyra [sic] connotada artista do gravado con quen contaba a nación ata fins do século XIX […] encargouse de confeccionar con primorosa perfección a arte dos "fortes" de cinco francos, deixando como constancia da súa intervención a marca E. R. que se pode observar baixo o pescozo da efixie na imaxe do anverso. A satisfacción pola calidade do traballo foi tal que don Antonio Yerovi, daquela ministro de Facenda, se referiu a el no seu informe ás cámaras do modo que segue: “O cuño desta moeda, como se pode notar, ten o seu mérito recomendable e é debida esta obra a unha artista do país”.

Pola súa banda, Ramiro Reyes escribe o seguinte acerca desta moeda, no seu traballo de 2013 sobre a historia do coleccionismo da moeda ecuatoriana:[9][12]

Emilia Rivadeneira realizou o traballo de talla destas pezas, destacándose polo seu sutil labor; o seu prestixio no gravado mereceu que fose contratada para esta puntual tarefa, sobre todo se se quería facer máis dixerible a aceptación destas controvertidas moedas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "5 francos". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Cinco francos". Numismatico.bce.fin.ec
  3. Arcos González, L. (2021). Páxina 75.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "La moneda de Emilia Rivadeneira". En Boletín AFE No 15. Asociación Filatélica del Ecuador (2014). Páxinas 25-26.
  5. 5,0 5,1 Arcos González, L. (2021). Páxina 76.
  6. Guzmán, I. (2017). "Emilia Ribadeneira: artista". En El Comercio. 28 de xaneiro.
  7. Arcos González, L. (2021). Páxinas 75-76.
  8. "Ecuador 5 Francos KM# 39 1858 GJ". World Coin Price List. Numismatic Guaranty Company.
  9. 9,0 9,1 9,2 Arcos González, L. (2021). Páxina 77.
  10. Hoyos, M. (1998). La Moneda Ecuatoriana a través de los tiempos. Ed. El Conejo. Páxina 112. ISBN 9789978871812
  11. Arcos González, L. (2021). Páxina 75.
  12. Reyes, R. (2013). Numismática Ecuatoriana. Evolución y coleccionismo de nuestra moneda. Instituto Metropolitano de Patrimonio, Quito. ISBN 978-9978-366-67-7

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]