Elementos arquitectónicos de xardín
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2013.) |
Os elementos arquitectónicos de xardín son as diferentes construcións ou elementos empregados en xardinaxe para certo uso, xeralmente de lecer, por exemplo abeirar do sol unha estancia para xantar, ler etc, tendo, á vez, un fin ornamental.
Descrición
[editar | editar a fonte]Moitas veces estes termos solápanse nos seus significados, ou teñen lixeiras variacións, como ocorre con emparrado e pérgola. A maior parte destas construcións (e dos seus nomes) veñen dos xardíns ingleses. Cómpre lembrar que os xardíns teñen outros elementos arquitectónicos coma casas, invernadoiros, alpendres, celeiros etc.
Os xardíns galegos comportan ademais outros elementos, hoxe convertidos en decorativos, froito de construcións adxectivas empregadas na agricultura tradicional, coma os hórreos.
Véxase artigo Construción popular e Xardinaxe en Galicia.
- Pérgola (en inglés: arbour[1].) é unha armazón formada por columnas que sosteñen trabes polas que ruben plantas, co fin de dar sombra e ornamental.
- Emparrado (parreira ou parra), tipo de pérgola tradicional para soster as videiras e tamén para obter sombra preto da casa.
- Palco (en inglés bandstand) consiste nunha pequena construción elevada (nunha base tipo celeiro ou sobre esteos) de forma xeralmente poligonal, que consta dun teito sostido por columnas e que serve como lugar de actuación para agrupacións musicais durante as festas (palco da música, en portugués coreto). É típico nos xardíns urbanos galegos, alamedas e carballeiras.
O termo paisaxístico gazebo é tamén utilizado en galego para as construcións semellantes, enfeitadas e poligonais, normalmente máis lixeiras e a rente do chan, empregadas en xardíns privados para celebrar xantares (tamén recibe o nome de ceador[2]). Os gazebos adoitan acoller mesas, cadeiras, bancos, sofás, hamacas; poden cubrirse con rubideiras, pecharse con teas e cortinas, celosías etc.
- Quiosco, en xardinaxe é unha pequena construción que se instala nos parques e xardíns e que consta, polo xeral, só dun teito e unhas columnas que o sosteñen. É moi decorativa, acostuma ser de metal e serve para conseguir sombra para a lectura, unha conversa, unha merenda etc. Pode tamén ser sinónimo de palco da música. Tamén falamos de quioscos cando nos referimos ás pequenas construcións instaladas ao ar libre para a venda de xornais, caramelos etc.
- Pavillón, no sentido de construción para a xardinaxe, é unha especie de cuberta ornamental que se coloca a modo de teito sobre un elemento decorativo: un trono, un altar, unha imaxe, un leito etc. Dosel. Tamén sería calquera construción auxiliar de abeiro que se pon nun xardín, moitas veces de xeito provisional, por exemplo para a celebración dos xantares de vodas.
- Templete[3] é un pequeno templo decorativo, normalmente feito con columnas de pedra, frecuente na xardinaxe inglesa e que adoita ficar nun lugar destacado do xardín, normalmente un outeiro.
- Arcos e túneles verdes, en xardinaxe son estruturas en forma de arco ou de bóveda para soster plantas rubideiras (roseiras, xasmíns, glicinias, ec) e outros arbustos que aturen a poda e de topiaria (camelias, faias, alciprestes etc), de xeito decorativo.
Cerramentos
[editar | editar a fonte]Ademais dos cerramentos sólidos como muros, valados e paredes; e vexetais, sebes e pantallas, existen elementos lixeiros de cerramento:
- Celosía (en inglés trellis ou treillage[1].) é un enreixado moi mesto de barras de madeira ou metal cruzadas, que se coloca nos xardíns para que gabeen as rubideiras, cerrando as pérgolas ou quioscos, ou nas fiestras para mirar o exterior sen ser visto, ou como adorno.
- Espaller ou espaleira, é unha armazón, calquera estrutura ou armazón cravada no chan, inclinada ou apoiada nun muro, disposta para que gabeen por ela as plantas; utilízanse coma soporte de plantas ornamentais, árbores froiteiras, vides etc[4].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Inclúense algúns termos en inglés pola importancia destes elementos na xardinaxe inglesa
- ↑ A RAG non recolle este termo, posibelmente do castelán cenador.
- ↑ Este termo non aparece no dicionario da RAG, pero si no dicionario portugués coma un españolismo
- ↑ Defoinición no Portal das Palabras - http://www.portaldaspalabras.org/buscador?id=314638&sinom=0 Arquivado 31 de maio de 2014 en Wayback Machine.