Educación a distancia
A educación a distancia é unha modalidade educativa na que o alumnado (discente) non comparte o mesmo espazo físico có profesorado (docente) durante o desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe.[1]
Existen numerosas experiencias e modelos de educación a distancia no mundo enteiro que varían tanto polo tipo de contidos ensinados como polos medios utilizados. Os medios utilizados para a comunicación educativa ou para os recursos didácticos adoitan dar identidade a cada sistema. Así, por exemplo, fálase de ensino por correspondencia porque os envíos dos materiais e comunicación realízase por correo). Dedúcese desta observación que o soporte utilizado define en boa medida cada sistema e cada forma de desenvolver o proceso de ensino-aprendizaxe e que este soporte depende en grande medida das posibilidades técnicas e tecnolóxicas en cada momento histórico.
Concepto
[editar | editar a fonte]Dada a grande diversidade de modelos, resulta difícil unha definición xenérica de Educación a Distancia. Lorenzo García Aretio (2001, p. 113) indica unha definición integradora que recolle matices desde diversas perspectivas:
- A educación a distancia baséase nun diálogo didáctico mediado entre o profesor (institución) e o estudante que, situado nun espazo diferente ao daquel, aprende de forma independente (cooperativa).
Teorías
[editar | editar a fonte]Algúns dos autores máis relevantes que estudaron a educación a distancia foron:
- Wedemeyer (1971), que se centrou na importancia da posibilidade de desenvolver a aprendizaxe de forma independente.
- De Moore (1972), que elaborou a Teoría da distancia transaccional, que se refire ao grao de estruturación previa da aprendizaxe e ao diálogo que se establece para iso.
- De Holmberg (1977), que introduciu o concepto de diálogo didáctico mediado.
- Peters (1998), que fixo énfase na base industrializada dos procesos formativos a distancia e coidando en grande medida dos soportes utilizados e do deseño dos medios empregados.
Riscos
[editar | editar a fonte]Os sistemas formativos que se inclúen normalmente baixo esta denominación teñen unha serie de riscos comúns. Seguindo a García Aretio (2001, p. 30), podemos indicar:
- Separación profesorado-alumnado
- Utilización de medios técnicos
- Organización de apoio-titoría
- Aprendizaxe independente e flexíbel
- Comunicación bidireccional
- Enfoque tecnolóxico
- Comunicación masiva
- Procedementos industriais
Perspectiva histórica
[editar | editar a fonte]O factores que contribúen ao nacemento e desenvolvemento da educación a distancia foron os cambios políticos orientados á democratización que estableceron novos dereitos á formación para as capas sociais con máis desvantaxes, o desenvolvemento do concepto de educación permanente que avala a necesidade de aprender ao longo de toda a vida, a necesidade da educación de persoas adultas e a consolidación de estratexias didácticas para elas, o desenvolvemento de ofertas, medios e modalidades educativas, así como o desenvolvemento das tecnoloxías e especialmente das aplicábeis á comunicación e á educación. Seguindo sobre todo os medios que se utilizaron de soporte, podemos observar que a educación a distancia pasou por catro fases:
- Ensino por correspondencia (correo postal);
- Ensino apoiado en medios de comunicación (prensa, radio, TV);
- Ensino por Internet (plataformas de formación, Correo electrónico, webs);
- Ensino en soportes móbiles;
Facilidades e dificultades
[editar | editar a fonte]A educación a distancia presenta unha serie de vantaxes para as persoas que se forman a través dela como:
- Autonomía para organizarse e elixir os tempos e lugares de aprendizaxe
- Non necesita desprazarse diariamente ao centro formativo
- Permite contar cos materiais con antelación o que permite, por exemplo, adaptalos con máis facilidade ás persoas con discapacidade
- Compatibiliza a formación con outras ocupacións familiares, sociais, persoais ou laborais
- Permite manter a privacidade e intimidade da formación
- Posibilita as adaptacións que necesiten as persoas polas súas características e intereses
- Permite establecer relacións entre persoas distantes de contextos e culturas diversas
Do mesmo xeito, os estudos sobre educación a distancia revelan certas debilidades como:
- As altas taxas de abandono
- As dificultades para autoxestionar o tempo
- Os problemas relacionados cos medios (radio, conexións a Internet etc..)
- As limitacións á sociabilidades en modalidades individualistas
- A carencia de información de retorno tan abundante para o alumno
- Tanto a infraestrutura como os medios teñen que planificarse con moita antelación
- A estandarización da aprendizaxe se se utilizan sempre os mesmos medios para todos
- A dificultade para adquirir ou dispor de todos os medios necesarios, por exemplo, Internet na casa
- A necesidade de formación específica para o profesorado implicado
- Os custos da infraestrutura e medios que son estritamente necesarios para o seu desenvolvemento
- A dependencia de soportes mediados utilizados (texto, imaxe, Internet) que supoñen un manexo dos medios
- Desconfianza dos sistemas a distancia en certos contornos ou países
- Limitacións de desenvolvemento de certas competencias polos medios utilizados
- Dificultades para garantir a autoría das tarefas e actividades realizadas a distancia
Experiencias paradigmáticas
[editar | editar a fonte]En Galicia
[editar | editar a fonte]A raíz da transferencia das competencias en materia educativa, creáronse de acordo coas titulacións establecidas pola Lei Xeral de Educación (1970) o Centro Galego de Educación Xeral Básica (CEGEBAD) para a obtención do Graduado Escolar e o Instituto Galego de Bacharelato a Distancia (INGABAD) para o Bacharelato.
A raíz da aprobación da LOXSE (1990), apareceu o Graduado de Educación Secundaria Obrigatoria que tamén houbo que adaptar ás persoas adultas. Na actualidade, en Galicia, a oferta non universitaria céntrase en:
- Educación Secundaria para persoas adultas
- Bacharelato para persoas adultas [2]
- Formación profesional[3]
En España
[editar | editar a fonte]- AULAS MENTOR [4]
- Oferta de cursos de Educación non Formal deseñados polo Ministerio de Educación central que se imparten a través da rede de centros de educación permanente de adultos.
- CEAC [5]
- Centro privado que naceu nos anos 40 e imparte cursos regrados e cursos non formais de Artes, Beleza, Construción, Educación, Negocios, Idiomas, Informática, Mantemento de Saúde, Turismo e Hostalería.
- DEUSTO FORMACIÓN[6]
- Centro de formación empresarial enfocado na formación de xestión de empresas e novas tecnoloxías da información.
- CIDEAD [7]
- Ofrece as ensinanzas de Primaria e Secundaria Obrigatoria para xente nova (por exemplo, que residen no estranxeiro), Secundaria Obrigatoria para Persoas Adultas (ESPAD), Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas Oficiais de Linguas.
- CAMPUS TRAINING[8]
- Centro de Formación Profesional enfocado na inserción laboral.
- Radio ECCA é unha rede de centro que apoia o proceso de aprendizaxe na radio. Orixinaria de Gran Canaria con programas culturais e educativos.
- Programa para aprender inglés a distancia do Ministerio de Educación e Formación Profesional
- Universidade pública española de ámbito estatal que desenvolve a súa oferta formativa a distancia.
- Universidade catalana de ámbito estatal que desenvolve a súa oferta formativa a distancia.
En Europa
[editar | editar a fonte]- Open University, universidade do Reino Unido[11]
- Centre National d' Enseignement à Distance (CNED), centro coordinador da oferta universitaria a distancia en Francia[12]
- Universidade Aberta, universidade de Portugal[13]
A Asociación Europea de Universidades de Ensino a Distancia
[editar | editar a fonte]A Asociación Europea de Universidades de Ensino a Distancia (en inglés: European Association of Distance Teaching Universities, EADTU) é a principal rede universitaria institucional de educación superior en liña, aberta e a distancia. Foi fundada en 1987, a asociación promove a innovación, a investigación, a colaboración, o desenvolvemento de proxectos conxuntos, a divulgación e congresos e eventos.[14]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Kaplan Andreas M., Haenlein Michael (2016). Higher education and the digital revolution: About MOOCs, SPOCs, social media, and the Cookie Monster, Business Horizons, 59
- ↑ Orde do 26 de abril de 2007 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos a distancia na Comunidade Autónoma de Galicia, DOG 8 de maio de 2007[Ligazón morta]
- ↑ Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial
- ↑ Relación de Aulas Mentor de Galicia[Ligazón morta]
- ↑ CEAC
- ↑ "Deusto Formación | Centro de formación empresarial y TIC". www.deustoformacion.com (en castelán). Consultado o 2022-01-27.
- ↑ "CIDEAD". Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2012. Consultado o 14 de xaneiro de 2012.
- ↑ "Campus Training: oposiciones, cursos, pruebas libres de FP y accesos". Campus Training (en castelán). Consultado o 2022-01-27.
- ↑ That's English!
- ↑ "UOC (Universitat Oberta de Catalunya)". www.uoc.edu. Consultado o 2022-07-24.
- ↑ Open University
- ↑ Centre national d'enseignement à Distance
- ↑ Universidade Aberta
- ↑ "European Association of Distance Teaching Universities". eadtu.eu (en inglés). Consultado o 2022-07-24.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Educación a distancia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- De Holmberg, M. (1977). Distance education. A survey and bibliographhy. Londres: Kogan Page. (en inglés)
- De Moore, M. G. (1972). Learner autonomy: the second dimensions of independent learning. Convergence Fall, pp. 76–88. (en inglés)
- García Aretio, L. (2001). La Educación a Distancia. Barcelona: Ariel. (en castelán)
- Peters, O. (1998). Concepts and models. No First National Conference on Distance Education. Manila. (en inglés)
- Wedemeyer, C. A. (1971). Independent study. En Deighton, L. C. (ed.) The Encyclopedia of Education, 4, Nova York: Macmillan. (en inglés)