Radio ECCA

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aparello de radio

Radio ECCA é unha emisora de radio orixinaria de Gran Canaria que emite programas culturais e educativos. Serve de soporte ao centro de educación de persoas adultas do mesmo nome. ECCA son as iniciais de Emisora Cultural Canaria aínda que, trasladada a outras comunidades españolas, tamén se interpretou como Emisora Cultural da Comunidade Autónoma. En Galicia, Radio ECCA dispón dunha emisora en Vigo e de centros en cada provincia.

Historia[editar | editar a fonte]

Illas canarias

Radio ECCA naceu nas Illas Canarias en 1965 como organización sen ánimo de lucro dedicada á educación de persoas adultas. Empezaron coa alfabetización e foron ampliando a súa oferta con especial incidencia na formación básica e a educación non formal ampliándoa para a formación profesional, tanto inicial como continua. Converteuse nunha fundación en 1985 e conta tamén cunha asociación co gallo de lograr acordos e colaboracións con institucións tanto públicas como privadas. Recibiu diversos premios pola súa traxectoria e contribucións.[1]

Foi o xesuíta Francisco Villén que levou esta iniciativa baseada nunha radio dedicada exclusivamente ao ensino a partir do modelo ofrecido pola emisora de radio colombiana Sutatenza, que estaba ensinando aos máis desfavorecidos coa radio. Analizando as dificultades coas que se topaban, especialmente o abandono, Villén chegou ao que hoxe se chama sistema tridimensional ECCA.

Sistema metodolóxico[editar | editar a fonte]

Radio ECCA creou unha metodoloxía propia que se coñece como Sistema ECCA e que se basea en tres piares [2]:

  • A emisión de radio na que unha parella de profesores explican a materia e permiten cumprimentar os materias do estudante.
  • Uns materiais impresos que se caracterizan por seren sintéticos e estaren mutilados. As palabras que se recortaron son indicadas polos docentes durante a emisión.
  • As orientación ou sesións presenciais que adoitan ser semanais e na que un titor ou orientador apoia, completa, asesora e realiza actividades cos alumnos.

Presenza territorial[editar | editar a fonte]

Ademais das Canarias, Radio ECCA ten actualmente presenza en Andalucía, as Illas Baleares, Estremadura, Galicia, Madrid e Murcia. Foi estendendo a súa influencia a Cabo Verde, Mauritania e Marrocos. Tamén coopera con institucións de catorce países latinoamericanos.[3]

Oferta educativa[editar | editar a fonte]

A oferta dos centros ECCA estrutúrase sobre cinco eixos formativos para persoas adultas:

Formación en liña[editar | editar a fonte]

ECCA ofrece cursos en liña adaptando o seu sistema á nova realidade comunicativa e formativa. Segue a traballar coa voz como elemento central e o material mutilado pero o soporte dos cursos, a distribución do material e a comunicación realízase, se se desexa, a través de Internet.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Historia de Radio ECCA
  2. Descrición do Sistema ECCA
  3. "Localización dos centros ECCA". Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2012. Consultado o 12 de xaneiro de 2012. 
  4. Cursos en liña

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]