Doentes (obra de teatro)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Doentes
Autor/aRoberto Vidal Bolaño
OrixeEspaña
Lingualingua galega
Xénero(s)teatro
Data de pub.1998
editar datos en Wikidata ]

Doentes é unha obra de teatro de Roberto Vidal Bolaño, estreada e publicada en 1998.

Trama[editar | editar a fonte]

Santiago de Compostela, década de 1950. Os enfermos acollidos no Hostal dos Reis Católicos son botados á rúa, dado que pecha como hospital e pasa a ser un hotel de luxo, para albergar persoeiros estranxeiros, como o presidente dos Estados Unidos de América, Dwight D. Eisenhower, quen visitou a cidade pouco despois.

Don Valeriano e Cañete comezan unha peregrinación na procura dun lugar onde pasar a noite, e descobren que a policía está a apresar xente porque ao día seguinte estarán de visita Francisco Franco e mais a súa muller, Carmen Polo. Don Valeriano leva unha talla en madeira de San Serapio para lla vender a Carmen Polo, mais hai un trasacordo co intermediario e finalemente levan a figura canda a eles toda a noite. Pasan a noite perseguidos por membros dun requeté de falanxistas, que os acusan de roxos.

Ambos os dous son pais de membros da loita antifranquista, e Cañete prometéralle ao seu fillo, xa morto, que procuraría matar o xeneralísimo. Don Valeriano pide axuda a membros do Partido Comunista na clandestinidade, mais estes optan pola loita política no canto da militar porque obedece mellor aos fins da súa loita. Pensan en falar con xente do Partido Galeguista, pero din que están máis pendentes da loita literaria.

Tras unha falcatruada, mexar diante do pazo onde vive o cardeal Quiroga Palacios, son levados a comisaría, mais déixanos ceibes por falta de espazo. Finalmente os requetes danlle unha malleira a Cañete, e don Valeriano intenta matar a Franco pola súa conta.

Narración[editar | editar a fonte]

A trama desenvólvese na vila de Santiago de Compostela nun inverno de mediados do século XX (o peche do Hostal como hospital tivo lugar en 1953). A acción dura doce horas (de sete da tarde ás sete da mañá), e ten lugar na zona vella, en lugares como a catedral ou a igrexa de San Paio de Antealtares.

Hai numerosas referencias á obra Luces de bohemia de Ramón María del Valle-Inclán.

Edicións[editar | editar a fonte]

A obra foi estreada por Teatro do Aquí no Teatro Colón da Coruña o 13 de outubro de 1998, con dirección do propio autor e con elenco formado por Gonzalo Rey Chao, Miguel Varela, Vicente de Souza, Mónica Camaño, Pilar Pereira, Pepe Soto, Xaquín G. Marcos e Jorge Salinero.

En 2005 representouse polas rúas de Compostela. En 2009 foi levado a cómic por Brais Rodríguez, sendo publicado na Revista Galega de Teatro. Foi levada ao cinema no 2011 con dirección de Gustavo Balza co título homónimo de Doentes. En 2013 a obra apareceu no volume II das Obras completas, publicadas por Edicións Positivas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Doentes, ficha na web sobre Roberto Vidal Bolaño.