O Comité de Milicias Antifascistas de Cataluña foi un organismo creado o 21 de xullo de 1936 en Barcelona por Lluís Companys, a iniciativa da Confederación Nacional do Traballo e a Federación Anarquista Ibérica, para organizar militarmente as forzas que loitaban contra o alzamento militar en Cataluña durante a guerra civil española e para coordinar os grupos armados de milicianos que saían cara a fronte de Aragón. Na práctica, o Comité deu resposta á nova correlación de forzas xordida logo do fracaso do Golpe de Estado en Cataluña, e foi o órgano efectivo de goberno entre xullo e setembro de 1936, ante a situación revolucionaria que dominaba o país.
O Comité tiña representantes das organizacións sindicais e os partidos da Fronte Popular, sendo o predominio anarcosindicalista, baixo as figuras de Joan García Oliver, Buenaventura Durruti e Diego Abad de Santillán, que tamén impuxeron un Consello Supremo de Economía en Cataluña para dirixir o proceso de colectivizacións en fabricas e empresas.
O comité organizaba as milicias obreiras e as columnas que partían á fronte, principalmente á de Aragón. Foi disolto o 27 de setembro de 1936 polo mesmo Companys cando a situación se estabiliza e chegaba cun único centro de poder político garantido polo goberno da Generalitat de Cataluña, no que se integrasen representantes do Comité. Á súa volta, as milicias obreiras militarizadas foron absorbidas polo exército regular republicano.