Derméstidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Dermestidae»)
Dermestidae

Anthrenus verbasci
Clasificación científica
Reino: Animalia
(sen clasif.) Euarthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Bostrichiformia
Superfamilia: Botrichoidea
Familia: Dermestidae
Subfamilias

Os derméstidos (Dermestidae) son unha familia de coleópteros dos que hai de 500 a 700 especies en todo o mundo. En tamaño van desde 1 a 12 mm. Unha características clave dos adultos é ter corpos con forma oval cubertos de escamas ou sedas.[1] As antenas xeralmente teñen forma de maza e encaixan en fendas profundas do corpo. Os fémures traseiros tamén encaixan en ocos das coxas da pata. As larvas son scarabeiformes e tamén igualmente sedas.

Os derméstidos teñen hábitos variados; a maioría dos xéneros son preeiros e aliméntanse de animais secos ou material vexetal, como pel ou pole, pelo animal, plumas, insectos mortos e fibras naturais. Os membros do xénero Dermestes encóntranse en cadáveres animais, mentres que outros poden encontrarse en niños e tobos de mamíferos, aves, abellas ou avespas. Os Thaumaglossa só viven entre ovos de mántidos, e os Trogoderma son pragas dos grans de cereais.

Estes escaravellos son importantes en entomoloxía forense. Algunhas especies sábese que están asociadas con carcasas en descomposición, o que é unha axuda nas investigacións criminais. Algunhas especies son pragas (danan produtos almacenados) e poden causar grandes danos a produtos de fibras naturais en casas e comercios.

Utilízanse en taxidermia e nos museos de historia natural para limpar esqueletos animais. Algunhas especies de derméstidos infestan os estoxos de violíns, alimentándose dos pelos do arco.[2]

Importancia forense[editar | editar a fonte]

Danos a produtos almacenados[editar | editar a fonte]

Os derméstidos son destrutivos para diversos produtos. As fibras naturais como a la, seda, algodón, liño, pelames, ou plumas son máis facilmente atacadas por eles que as fibras sintéticas.[3] Tamén atacan o chocolate, copra e cocos.[4] A maiorís dos danos fanos as larvas, mentres que os adultos se alimentan de flores e arbustos.

Importancia médico-legal[editar | editar a fonte]

Derméstidos utilizados para limpar un cranio humano en Skulls Unlimited International, Oklahoma.

Dermestes maculatus pode ofrecer aos investigadores unha estimación do tempo dunha morte desde que se cometeu un homicidio ou caso sospeitoso.[5][6] De xeito similar ao que ocorre coas moscas en entomoloxía forense, a chegada de D. maculatus a un cadáver ocorre nunha sucesión predicible. O D. maculatus adulto xeralmente chega de 5 a 11 días despois da morte.[7] Nun intento de afinar este intervalo relativamente grande, en investigacións recentes repetíronse os estudos sobre a sucesión de artrópodos nos cadáveres.[8][9] Estes estudos aplícanse para estimar a chegada de varias especies de derméstidos despois dunha morte. O desenvolvemento dos dermétidos depende da temperatura, e a temperatura óptima para D. maculatus é de 30˚C. Os datos de desenvolvemento normalízanse usando graos día acumulados.[10] Os derméstidos poden utilizarse en casos que implican entomotoxicoloxía, nos que as feces e exuvias das mudas larvarias poden analizarse para ver a presenza de toxinas.

Características larvarias xerais[editar | editar a fonte]

Como todos os escaravellos os derméstidos teñen un desenvolvemento completo ou holometábolo, que comprende as fases de ovo, larva, pupa e adulto. A diferenza do que ocorre no desenvolvemento ametábolo ou hemimetábolo, no que as ás da larva se orixinan como xemas alares e, a medida que avanza o desenvolvemento, as ás empezan a desenvolverse externamente, as larvas de derméstidos nunca teñen xemas alares visibles. As larvas de derméstidos están profundamente cubertas de sedas de varias lonxitudes que lles dan un aspecto xeral "peludo".[11] As larvas son xeralmente de marróns escuras a negras e posúen un par de apéndices parecidos a espiñas ao final do abdome. A maioría ds larvas de escaravellos teñen pezas bucais mastigadoras,[12] unha cápsula na cabeza ben visible, que está esclerotizada, e tres pares de patas torácicas ben desenvolvidas que as distinguen doadamente das larvas de dípteros (careixas). O tamaño da larva depende da especie e normalmente é de menos de 13 mm. As larvas de derméstidos encóntranse xeralmente en produtos orgánicos que son difíciles de dixerir por outros organismos, como alimentos secos, peles, coiros, madeira e outras fibras naturais. En estudos forenses, as larvas encóntranse en cadáveres humanos durante as fases seca e esquelética de descomposición, que teñen lugar varios días despois da morte.[1][13] As larvas xeralmente foxen da luz e adoitan agocharse nalgunha cavidade para que non as molesten.[1]

Taxons seleccionados[editar | editar a fonte]

Xéneros[editar | editar a fonte]

Estes 41 xéneros pertencen á familia Dermestidae:

Fontes dos datos: i = ITIS,[14] c = Catalogue of Life,[15] g = GBIF,[16] b = Bugguide.net[17]

Dermestes[editar | editar a fonte]

Dermestes lardarius

A larva de Dermestes lardarius é máis longa que o adulto e está cuberta de sedas marróns avermelladas ou negras.[18] No extremo do abdome ten dous apéndices curvados cara a atrás similares a espiñas, máis curvados que a larva do Dermestes ater.[1] As larvas maduras de ambas as especies adoitan perforar substratos duros como a madeira, cortiza e xeso para pupar.[19]

A larva de D. lardarius raramente é unha praga doméstica.[11] Os adultos e larvas aliméntanse de peles e coiros sen curtir. Os adultos son xeralmente de 8,5 a 9,6 mm de longo e son marróns escuros cunha banda ancha amarela clara a través da porción superior dos élitros. Teñen tres puntos negros dispostos en triángulo en cada á. O esterno e patas están cubertas de sedas amarelas finas. Os adultos encóntranse normalmente fóra das casas en áreas protexidas durante o inverno, pero durante a primavera e inicio do verán entran nas casas. As femias poñen aproximadamente 135 ovos preto dunha fonte de alimento, e os ovos eclosionan en 12 días. O ciclo de vida desta especie dura de 40 a 50 días.[19]

O D. ater é completamente escuro con sedas amarelas espalladas polo corpo. É similar a Dermestes maculatus pero carece de élitros con aserraduras. A súa superficie ventral é amarela en vez de branca. Este escaravello é unha praga para os peixes, cogomelos e o queixo gardado nas casas.[1][19][20]

Dermestes maculatus aliméntase de peles e coiros sen curtir igual que D. lardarius.[19] Esta especie é similar en aspecto a D.lardarius, con sedas marróns avermelladas ou negras curtas e longas, mais os seus apéndices con forma de espiña posteriores están curvados cara a adiante.[19] Ademais, as ás anteriores son marróns escuras e o esterno é principalmente branco con algo de negro.[1][20][21] O seu ciclo de vida é de 60 a 70 días e as femias poden poñer ata 800 ovos.[19]

Tanto D. maculatus coma D. lardarius aliméntanse de diversos produtos baseados en proteínas animais e causan graves danos nas zonas onde se cría o verme da seda para obter seda e en museos.[11]

Attagenus[editar | editar a fonte]

As larvas de Attagenus empezan a alimentarse inmediatamente despois de eclosionar. Teñen forma de cenoira e están moi cubertas de sedas, especialmente na súa parte posterior. O número de estadios varía de 5 a 11 e nalgúns casos chega a 20. As larvas de Attagenus megatoma poden medrar ata 12 mm e son de cor amarela a marrón. Noutras especies son de 6 a 25 mm de longo e están cubertas de sedas escuras. Certas especies teñen distintivos penachos de sedas que se estenden desde o extremo posterior. Estes escaravellos son atraídos por tecidos sucios e gretas onde os insectos mortos poden servirlles de alimento.[11][22].

O Attagenus megatoma é unha praga de produtos almacenados que poida comer e unha das máis destrutivas polo seu potencial de danar produtos que hai nas casas que conteñan queratina, que é a proteína que forma os pelos e plumas.[11][23] Tamén escavan en varios tipos de paquetes para alimentos, o que permite o paso doutros insectos. As femias poden poñer ata 90 ovos e eclosionan en de 8 a 15 días. Xeralmente, esta especie só ten unha xeración por ano.[11] O tempo que tarda en chegar a adulto varía de seis meses a un ano. Ademais, un adulto pode vivir outros dous meses máis.[24] O tamaño medio dun adulto é duns 2,8 a 5 mm de longo e son ovais, de marróns escuras a negro brillante e teñen patas marróns.[22][24]

Anthrenus[editar | editar a fonte]

O Anthrenus verbasci ataca obxectos típicos das casas. Están normalmente asociados con obxectos como as alfombras, la, pelames e calquera alimento animal procesado ou vexetal. A súa dieta tamén inclúe os insectos mortos, arañas e mesmo néctar e pole. As femias poden poñer ata 40 ovos e o número de estadios larvarios vai de 7 a 8. Tarda en facerse adulto de oito meses a un ano. Ademais, os adultos poden vivir de dúas a seis semanas. Esta especie varía en forma, tamaño, cor e padrón de escamas. Como media, os adultos miden de 2 a 3 mm de longo e teñen escamas que varían desde brancas a marróns, amarelas ou gris amarelado.[24] Os pelos das larvas poden causar reaccións alérxicas como dermatite de contacto ou vinchas en humanos que tiveron contacto con eles.

Trogoderma [editar | editar a fonte]

Ao eclosionaren, as larvas de Trogoderma son de 1,6 a 1,8 mm de longo e están densamente cubertas de sedas. As larvas de Trogoderma granarium teñen sedas corporais características, como pelos simples e pelos barbados. As larvas son branco amareladas pero a cabeza e as sedas do corpo son marróns. A medida que se desenvolven, as larvas cambian de cor a dourado ou marrón avermellado e a porción do abdome faise proporcionalmente máis curto. As larvas maduras alcanzan unha lonxitude máxima de 6 mm e 1,5 mm de ancho.[25]

T. granarium é unha praga de produtos almacenados. As infestacións son difíciles de controlar porque se arrastran ata gretas e intersticios, permanecendo alí durante longos períodos de tempo.[25] Tenden a infestar grans de cereais e xeran graves perdas nos produtos almacenados.[1] Os adultos están cubertos de sedas e son aproximadamente de 1,5 a 3 mm de longo e de 1 a 2 mm de ancho. Os machos son de marróns a negros con marcas marróns avermelladas nos élitros. As femias son lixeiramente máis grandes e de cor máis clara. As súas curtas antenas de 11 segmentos teñen unha maza de 3 a 5 segmentos, que encaixan nunha fenda na parte lateral do pronoto.[25]

Control[editar | editar a fonte]

Pragas de Dermestes[editar | editar a fonte]

Os métodos modernos de sacrificar os animais para carne, almacenala e distribuíla reduciron moito as potenciais infestacións por estes escaravellos. A limpeza das casas é fundamental para impedir as infestacións. Os insectos mortos das casas xeralmente atraen estes escaravellos porque son a súa fonte primaria de alimento. Os alimentos deben ser estreitamente selados ou almacenados nun refrixerador para evitar calquera posible acceso dos escaravellos. A comida conxelada durante unha semana ou a carne quentada nunha tixola, pota ou microondas durante tempo prolongado pode matar os insectos que se encontran en alimentos infestados e impedir que se espallen.[19]

As fibras que se gardan nas casas, como a la e seda son especialmente susceptibles ao seu ataque e deben limparse frecuentemente. A aplicación de insecticidas debe facerse por tratamento nos puntos afectados en gretas e fendas onde se sospeita que se agochan. As piretrinas están etiquetadas para o seu uso contra estas especies. Os insecticidas usados para os Attagenus e Anthrenus tamén serven contra os Dermestes.[19]

Pragas de Attagenus e Anthrenus[editar | editar a fonte]

A limpeza regular de alimentos vertidos ou fíos e penuxes elimina os sitios de crianza potencial destas especies. Produtos susceptibles como alimentos, os de la e pelames deberían almacenarse nun contedor impermeable para os insectos. Se se sospeita dunha infestación entón a fonte do problema debe ser eliminada e destruída para limitar que se poidan espallar. Estes escaravellos poden matarse con altas temperatras ou conxelación.[26]

Os insecticidas piretroides poden utilizarse para controlalos, que conteñen compoñentes activos como permetrina, bifentrina, deltametrina, tralometrina.[26]

A terra de diatomeas é tamén efectiva.[27][28]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Byrd, Jason. Castner, James (2001). Forensic Entomology: The Utility of Arthropods in Legal Investigations
  2. VanClay, Mary. "Bitten By the Bug". www.johnsonstring.com. Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2015. Consultado o November 10, 2012. 
  3. P.G. Koehler and F.M. Oi (1991). Carpet Beetles. University of Florida IFAS Extension
  4. Walker, K. (2008). Hide Beetle Arquivado 18 de maio de 2008 en Wayback Machine.. Pest and Diseases Image Library
  5. Catts, E. P.; Goff, M. L. (1992). "Forensic entomology in criminal investigations". Annu. Rev. Entomol. 37: 252–272. PMID 1539937. doi:10.1146/annurev.en.37.010192.001345. 
  6. Goff, M. L. (1993). "Estimation of postmortem interval using arthropod development and successional patterns". Forensic Sci. Rev. 5: 82–94. 
  7. Richards, E. N.; Goff, M. L. (1997). "Arthropod succession on exposed carrion in three contrasting tropical habitats on Hawaii Islands, Hawaii". J. Med. Entomol. 34 (3): 328–339. doi:10.1093/jmedent/34.3.328. 
  8. Vitta, A.; et al. (2007). "A preliminary study on insects associated with pig (Sus scrofa) carcasses in Phitsanulok, northern Thailand". Tropical Biomedicine 24 (2): 1–5. PMID 18209701. 
  9. Velazquez, Yelitza (2008). "A checklist of arthropods associated with rat carrion in a montane locality of northern Venezuela". Forensic Science International 174 (1): 67–69. PMID 17386987. doi:10.1016/j.forsciint.2007.02.020. 
  10. Richardson, M. S.; Goff, M. L. (2001). "Effects of Temperature and Intraspecific Interaction on the Development of Dermestes maculatus (Coleoptera: Dermestidae)". J. Med. Entomol. 38 (3): 347–351. doi:10.1603/0022-2585-38.3.347. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 Beetle Identification Arquivado 18 de maio de 2008 en Wayback Machine.. Pest Solutions Plus.
  12. Corpse Fauna: Beetle Larvae. Decomposition.
  13. Forensic Entomology: Use of Insects to Help Solve Crime. Forensic Investigations.
  14. "Dermestidae Report". Integrated Taxonomic Information System. Consultado o 2018-04-21. 
  15. "Browse Dermestidae". Catalogue of Life. Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2018. Consultado o 2018-04-21. 
  16. "Dermestidae". GBIF. Consultado o 2018-04-21. 
  17. "Dermestidae Family Information". BugGuide.net. Consultado o 2018-04-21. 
  18. Larder Beetle Arquivado 18 de maio de 2008 en Wayback Machine.. University of Rhode Island Green Share Factsheets.
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 19,6 19,7 Lyon, W. F. Hide and Larder Beetles. Ohio State University Extension Fact Sheet.
  20. 20,0 20,1 Genus Dermestes. BugGuide.
  21. Bennett, S. M. (2003). Dermestes maculatus.
  22. 22,0 22,1 Lyon, William F. Carpet Beetle. Ohio State University Extension Fact Sheet.
  23. Dermestid Beetle Arquivado 22 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.. Texas A&M University Entomology.
  24. 24,0 24,1 24,2 Exploring California Insects: Carpet or Museum Beetles Arquivado 14 de maio de 2008 en Wayback Machine..
  25. 25,0 25,1 25,2 Harris, D.L. (2006) Khapra Beetle. University of Florida IFAS Extension.
  26. 26,0 26,1 Cranshaw, W.S. (2000). Carpet Beetles Arquivado 11 de decembro de 2005 en Wayback Machine.. Colorado University State-Extension.
  27. Lyon, William F. "Ohio State University Extension Fact Sheet: Carpet Beetle". HYG-2103-97. Columbus: The Ohio State University. Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2001. Consultado o 2009-10-27. 
  28. "Black Carpet Beetle" (PDF). Insect Advice from Extension: Fact Sheets. Penn State University: College of Agricultural Sciences. 2009. Consultado o 2009-10-27. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • John M. Kingsolver, "Dermestidae", in Ross H. Arnett Jr. and Michael C. Thomas, American Beetles (CRC Press, 2002), vol. 2.
  • Este artigo incorpora textos en dominio público de The Grocers Encyclopedia: Ward, Artemas (1911).
  • Pasquerault, T Vincent, B, Chauvet, B, Dourel, L, e Gaudry, E (2008). Répartition des espèces du genre Dermestes L. 1758 récoltés sur des cadavres humains (Coleoptera Dermestidae). L'entomologiste Tome 64 N°4 pp 221–224.
  • Hinton, H.E., 1945 A monograph of the beetles associated with stored products. 1, 387–395 British Museum (Natural History), Londres. Keys to world adults and larvae, genera and species; excellent figures, full species information.
  • Freude, H.; Harde, K.W.; Lohse, G.A., 1979 Dermestidae. Die Käfer Mitteleuropas 6: Diversicornia (Lycidae — Byrrhidae) 1206 text figs. 367pp. Goecke & Evers. Texto en alemán, páxinas 304–327.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]