Ínstar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Estadio (bioloxía)»)
Desenvolvemento da avelaíña Eacles imperialis de ovo a pupa, mostrando os diferentes ínstares polos que pasa

Un ínstar[1][2][3] (do latín īnstar, 'forma', 'semellanza') ou estadio[2] é unha etapa do desenvolvemento dos artrópodos, como os insectos, entre cada muda (écdise), ata que chegan á súa madurez sexual.[4][5][6] Nunha mesma fase de desenvolvemento poden pasar por varios ínstares; por exemplo, no estadio de ninfa pode haber varios ínstares. Os artrópodos deben desprenderse do seu exoesqueleto ríxido periodicamente para poder crecer ou adquirir unha nova forma. As diferenzas entre ínstares adoitan ser alteracións nas proporcións do corpo, cores, padróns de coloración, cambios no número de segmentos corporais ou anchura da cabeza. Despois da muda, é dicir, do desprendemento do vello exoesqueleto, os artrópodos novos continúan o seu ciclo vital ata que pupan ou mudan outra vez. Algúns artrópodos poden continuar mudando despois da súa madurez sexual, pero os estadios estre estas mudas non se denominan xeralmente ínstares.

Para a maioría das especies de insectos, un ínstar é o estadio de desenvolvemento das formas larvarias dos holometábolos (insectos con metamorfose completa) ou das formas ninfais dos hemimetábolos (insectos con metamorfose incompleta), pero un ínstar pode ser calquera estadio de desenvolvemento incluíndo a pupa ou o imago (o adulto non muda nos insectos).

Dous ínstares da eiruga da bolboreta Papilio polytes

O período de ínstar ou crecemento está normalmente fixado e depende da especie; porén, nalgúns insectos, como a avelaíña Samea multiplicalis, o número de ínstares depende da nutrición larvaria inicial.[7] Noutros casos o número de ínstares depende das condicións ambientais; así, as temperaturas baixas e pouca humidade adoitan facer máis lento o desenvolvemento, e un exemplo disto obsérvase no lepidóptero noctuido Heliothis virescens.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sanjuán López, A. (1991): "Bioloxía fundamental" en Vocabulario das Ciencias Naturais, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Política Lingüística
  2. 2,0 2,1 BUSCatermos instar
  3. Glossário de Entomologia. Laboratório de Biologia, Ecologia e Controle Biológico de Insetos, UFRGS.
  4. Allaby, Michael: A Dictionary of Ecology, page 234. Oxford University Press, USA, 2006.
  5. Rodríguez, Valdez, Vera y Castillo. Identificación de ínstares larvales de Zabrotes subfasciatus (boh.) (Coleoptera: Bruchidae) mediante las dimensiones de sus cápsulas cefálicas Arquivado 01 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. Agrociencia Vol. 34, Nº1, xaneiro-febreiro 2000.
  6. Hernández, Llanderal, Castillo, Valdez y Nieto. Identificación de instares larvales de Comadia redtenbacheri (hamm.) (Lepidoptera: Cossidae) Arquivado 01 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. Agrociencia septembro-outubro 2005.
  7. "Life History and Entomology of Samea multiplicalis". 
  8. "tobacco budworm - Heliothis virescens (Fabricius)". entnemdept.ufl.edu. Consultado o 2017-11-09. 

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre zooloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.