Esclerotina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A esclerotina é un compoñente proteico da cutícula de varios grupos de artrópodos, como os insectos. Está formado por membros entrelazados de determinadas clases de moléculas de proteínas, un proceso bioquímico chamado esclerotización. Tecnicamente equivale a unha forma de curtido. O material resultante incrementa a rixidez do exoesqueleto quitinoso dun insecto. É especialmente prominente nas partes máis grosas e acoirazadas do tegumento do insecto ou arácnido, como nas pezas bucais mordedoras e os escleritos de escorpións e escaravellos.[1]

A medida que a esclerotina madura, vaise convertendo nunha substancia dura similar ao corno cunha gama de cores que vai do amarelo ao marrón. A medida que os animais saíron da auga e se adaptaron á vida en terra, cada vez tiñan maior necesidade dun compoñente orgánico que endurecese (a diferenza dos compoñentes ríxidos minerais como os carbonatos e fosfatos de calcio). Entre os invertebrados esta necesidade solucionouse en gran medida co desenvolvemento de esclerotinas e outras proteínas con enlaces cruzados que permitiron aos insectos adaptarse á existencia en terra e posteriormente ao desenvolveren ás.[2]

A esclerotina é bioquimicamene variable; diferentes especies incorporan distintas proteínas en diferentes proporcións, e un mesmo insecto usa distintas composicións para formar as diversas partes do seu corpo. Por exemplo, o endurecemento das superficies mordedoras das duras mandíbulas dunha lagosta non é o mesmo que o das súas tibias das patas saltadoras posteriores. En xeral, non obstante, a esclerotina está formada pola unión por enlaces cruzados entre varias moléculas de proteínas con compostos fenólicos; un proceso similar a un curtido baixo control encimático. Porén, nalgúns Apterygota polo menos algúns dos enlaces cruzados son pontes disulfuro que lembran os que se forman na queratina.[3] Isto fixo que moitos autores se refiran a esas proteínas con enlaces cruzados de invertebrados como queratinas, pero as análises modernas mostraron que usar este termo é inapropiado; as queratinas son un conxunto bastante ben definido de proteínas formadas por determinadas cadeas en diferentes proporcións e con enlaces cruzados de determinados tipos. As proteínas con funcións conectivas dos invertebrados baseadas en pontes disulfuro parecen ser radicalmente diferentes.[4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Klots, Alexander B.; Klots Elise B. (1977). 1001 Questions Answered About Insects. Courier Dover Publications. p. 29. ISBN 0486234703. 
  2. Wigglesworth, Vincent Brian (1984). Insect Physiology. Springer. ISBN 0412264609. 
  3. Richards, O. W.; Davies, R.G. (1977). Imms' General Textbook of Entomology: Volume 1: Structure, Physiology and Development Volume 2: Classification and Biology. Berlin: Springer. ISBN 0-412-61390-5. 
  4. Weber, Klaus et al; "Amino acid sequences and homopolymer-forming ability of the intermediate filament proteins from an invertebrate epithelium"The EMBO Journal vol.7 no.10 pp.2995-3001, 1988
  5. BROWN, C. H.; Keratins in Invertebrates; Nature 166, 439 (09 de setembro de 1950); doi 10.1038/166439a0

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]