David Rubín
(2023) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de outubro de 1977 (47 anos) Ourense, España |
Actividade | |
Ocupación | escritor, artista de banda deseñada, animador |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios | |
| |
David Rubín Miguélez, nado en Ourense o 19 de outubro de 1977, é un debuxante de banda deseñada galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos (2001-2004)
[editar | editar a fonte]Tras estudar deseño gráfico, comezou a traballar na ourensá Limaía Producións, e máis tarde na produtora coruñesa Dygra, no ámbito dos debuxos animados. Nesta última empresa, codirixíu a longametraxe O espírito do bosque (2008). En 2001, fundou o colectivo Polaqia. Tamén colaborou con Golfiño, o suplemento para a mocidade de La Voz de Galicia, e noutras moitas revistas, como BD Banda (dende 2001), Barsowia (dende 2003), Tos, Huevo, El fanzine enfermo ou Dos veces breve.
Primeiros pasos profesionais (2005-2010)
[editar | editar a fonte]En 2005, Rubín publicou con Astiberri o seu primeiro traballo longo, El circo del desaliento, unha recompilación dos seus traballos en revistas e fanzines como Undécimo Xou, Tos ou O Fanzine Das Xornadas, que contiña tamén unha introdución, un epílogo e tres historias inéditas. Unha destas historias, Onde ninguén pode chegar, gañou o 1.º Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña, e logo foi traducida ao galego, ao francés e mais ao italiano. Por esta obra, foi nomeado na categoría de "Autor revelación" no Salón Internacional de Banda Deseñada de Barcelona en 2006.
No 2006, de novo con Astiberri, publicou La tetería del oso malayo, outra escolma de historias curtas, a meirande parte xa recollidas na revista Dos veces breve. Porén, nesta ocasión foron debuxadas de novo para dotar de maior unidade á obra. Por ela, foi nomeado a "Autor revelación", "Mellor obra", "Mellor guión" e "Mellor debuxo" no Salón Internacional de Banda Deseñada de Barcelona, e tamén ao 1.º Premio Nacional de Banda Deseñada.
En 2008, Planeta-DeAgostini editou Cuaderno de Tormentas, crónica de los deambulares por Ciudad Espanto, unha mestura de banda deseñada e libro ilustrado. Cun ton escuro, narra as aventuras dun autor de banda deseñada que, ao acharse sen inspiración, recibe a invitación do demo para viaxar á Cidade Espanto. Tamén foi nomeada a "Mellor debuxo" no Salón de Barcelona.
Por outra banda, en 2008 e 2009 adaptou o Romeo e Xulieta de Shakespeare e mais El monte de las ánimas de Gustavo Adolfo Bécquer, a primeira cun guión de Ricardo Gómez. En 2010, saíu do prelo Uxío Novoneyra: A voz herdada, en homenaxe ao poeta, escrito por Kike Benlloch e distribuído pola Xunta de Galicia de maneira gratuíta. Ese mesmo ano, ilustra para Astiberri os relatos de Solomon Kane, un personaxe de Robert E. Howard.
Premios
[editar | editar a fonte]Gañou o primeiro premio das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, na categoría de 22 a 30 anos, en 2000 (por A sombra xigante que me afoga) e en 2002 (por Antón ardendo), e mais o cuarto premio en 2001. Recibiu tamén en 2000 o Premio Ourense ao mellor autor afeccionado, na Casa da Xuventude de Ourense. Foi gañador en xaneiro de 2003 do VIII Certame de Cómic de Arteixo, correspondente ao ano anterior. Gañou en marzo de 2004 o IX Certame de Cómic de Arteixo coa historia O segundo que ía dicirche.
En 2004 fíxose co segundo premio do certame "Na Vangarda" (da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade) polo relato breve Corredora feito en equipo con Emma Ríos. Gañou en 2005 coa historia curta Patacas. Foi gañador en 2005 do I Premio Castelao de Banda deseñada da Deputación Provincial da Coruña coa novela gráfica Onde ninguén pode chegar. Gañou o premio a "Autor revelación" do Salón Internacional de Banda Deseñada de Barcelona no 2006, por La tetería del oso malayo.
Ten tres Premios "La Cárcel de Papel" ao mellor autor revelación en 2006.
En 2020 foi nomeado a catro premios Eisner.[1]
Álbums
[editar | editar a fonte]- El circo del desaliento (Astiberri, 2005). Inclúe en castelán a historia Onde ninguén pode chegar, gañadora do I Premio Castelao nese mesmo ano.
- Corazón de Tormentas, obra en galego realizada en 24 horas seguindo as normas creadas por Scott McCloud (24horas x 24 páxinas).
- La tetería del oso malayo (Astiberri, 2006).
- Uxío Novoneyra: A voz herdada (guión de Kike Benlloch; Xunta de Galicia, 2010)
- El héroe, I. (Astiberri, 2011)
- El héroe, II. (Astiberri, 2012)
- Beowulf (Astiberri, 2013)
- Las tripas de El Héroe I (2014)
- The Rise of Aurora West (2014)
- Las tripas de El Héroe II (2014)
- The Fall of the House of West (2015)
- The Fiction (2015; con Curt Pires)
- Gran Hotel Abismo (2016)
- Ether. La muerte de la última Llama Dorada (2017)
- O lume (2022)
Filmografía
[editar | editar a fonte]- O espírito do bosque, 2008. Director.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "David Rubín si é profeta na súa terra". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-09-19. Consultado o 2023-02-16.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "David Rubín Miguélez". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 213.
- "David Rubín Miguélez". Enciclopedia Galega Universal 15. Ir Indo. 1999-2002. p. 54. ISBN 84-7680-288-9.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- David Rubín en Culturagalega.org
- De tripas corazón, blog persoal
- Galería de imaxes na Asociación galega de profesionais da ilustración.