La tetería del oso malayo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

La tetería del oso malayo é o segundo grande álbum do debuxante de banda deseñada David Rubín. Publicado pola editorial vasca Astiberri en novembro de 2006, recolle na súa maior parte historias breves publicadas na revista Dos veces breve, pero cun fío condutor: a "tetería psico-anímica" do oso malaio Sigfrido.

Estrutura[editar | editar a fonte]

A obra estrutúrase nunha serie de oito historias curtas, completadas por un prólogo e un epílogo de marco e por un dramatis personae. Ademais, a primeira edición incluía tamén os prólogos textuais de Enrique Ventura e José V. Galadí.

  • "Comienza a girar...". (prólogo)
  • "Detrás de la barra". Historia publicada orixinalmente na revista Dos veces breve, no seu número 3, e redebuxada para a edición neste volume.
  • "La luciérnaga". Historia publicada orixinalmente na revista Dos veces breve, no seu número 4, e redebuxada e pasada a branco e negro para a edición neste volume.
  • "Antón en llamas". Historia inédita.
  • "Gira la llave". Historia publicada orixinalmente na revista Dos veces breve, no seu número 5, e retocada para a edición neste volume.
  • "Órdenes". Historia publicada orixinalmente na revista Dos veces breve, no seu número 7, e retocada para esta edición.
  • "Chaleco antibalas para una niña". Historia publicada orixinalmente na revista Dos veces breve, no seu número 8, e retocada para esta edición.
  • "Patatas". Edición retocada e traducida ao castelán de Patacas, historia gañadora do certame de banda deseñada Na vangarda, convocado pola Xunta de Galicia e publicado anteriormente no catálogo dese premio (2005).
  • "Las cosas que terminan por romperse. Historia inédita e a máis longa do volume.
  • "Clientes asiduos". Definido polo autor como "algo máis ca un dramatis personae".
  • "... se detiene". Epílogo.

Argumento[editar | editar a fonte]

As historias, que son independentes e autoconclusivas, narran as peripecias vitais dunha galería de heroes derrotados e vítimas do desamor que acoden á tetería que posúe un oso malaio chamado Sigfrido, pero que en realidade o seu propietario define como "consultorio psico-anímico".

Por aí pasan Caetano Crayón, antigo superheroe que deixou cego un robot xigante, e mais unha gorgona chamada Herminia que petrifica a quen a mira; o lobishome esquizofrénico Antón, que acaba de matar a muller e mais as fillas; Kent, un ex-superheroe que colgou a capa cando a moza lle morreu de cancro dez anos atrás; o soldado Daumier, que vive cos remorsos de ser o único sobrevivente do exército de Jaques Marfil; Espartano, un súbdito da emperatriz que por fidelidade á súa muller ten que fuxir nunha moto coa súa filla pequena, para poñela a salvo do exército imperial; Donatello, un hipopótamo solitario e depresivo que acaba por soterrarse vivo como unha pataca; ou de Edgardo, vítima do desamor.