BD Banda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

BD Banda é un colectivo galego que ten por obxecto a promoción e difusión da banda deseñada en Galiza. O colectivo formouse en torno ao ano 2001 ao redor da revista homónima.

Historia[editar | editar a fonte]

A revista nace no ano 2001 a partir da iniciativa do debuxante Kiko da Silva e de Cano Paz,[1] encargado da Libraría Paz de Pontevedra.[2] O seu obxectivo era, segundo se pode ler na súa páxina web: crear un medio no que os autores galegos puidesen publicar cunhas boas condicións gráficas e de maquetación uns traballos que daquela carecían de canles para chegar ó público.[3] O 17 de maio aparece en Pontevedra o primeiro número cunha tiraxe de 1000 exemplares de 90 páxinas.

O éxito acadado polo primeiro número leva ao concello de Pontevedra a apoiar economicamente o proxecto e apoiando a realización das primeiras xornadas de BD da cidade coordinadas polos propios Kiko e Cano. Pouco despois os membros do estudio de deseño gráfico ourensán O Clube da Esquina (Héitor Real e Miguel Anjo Carvalho, antigos Comisarios) intégranse no proxecto. Xa cara o terceiro número convócase unha reunión en Ourense coa finalidade de crear un Consello de Redacción na que alén dos mencionados participan en maior ou menor grao Xermán Hermida,[1] Francisco Paradelo, Miguel Porto, David Rubín e Miguel Anxo Robledo.

Na actualidade o núcleo do colectivo compóñeno Kiko, Cano, Héitor, Carvalho, Paco Paredelo e Germám, e procuran converterse no medio de expresión e plataforma de lanzamento dos autores de banda deseñada do país, permitindo que os seus traballos cheguen a un público cada vez máis amplo.[3]. O colectivo tamén se lanzou nos últimos anos á edición coa Colección BD Banda, cuxos primeiros tres números se publicaron en coedición coa editorial Kalandraka, mais logo da creación do selo Faktoría K de Libros por parte da editorial en 2005 o colectivo pasa a ser o que xestione esta colección dentro da editora. O colectivo sostén na súa páxina web que os seus obxectivos pasan por: continuar publicando obras de calidade, que axuden a difundir a novena arte e que permitan desenvolver o xénero en Galiza. É tamén a nosa intención conseguir que as obras estranxeiras sexan coñecidas polo público no noso propio idioma.De igual xeito, sinalar que pretendemos que as edicións en castelán dos álbums editados baixo a nosa responsabilidade se distribúan unicamente fóra do noso país. Tentando ao mesmo tempo que: a revista seguirá a ser un proxecto propio do noso colectivo, con total independencia económica e creativa, ao igual que aqueloutros proxectos de difusión e dignificación da banda deseñada en xeral e galega en particular que abordaremos nun futuro achegado.[4]

Premios[editar | editar a fonte]

Publicacións[editar | editar a fonte]

  • Seis números da revista BD Banda
  • Catro números da Colección Bd Banda de álbums a toda cor e con tapa dura:
  • Fiz nos Biosbardos de Kiko Dasilva
  • Thom de Andrés Meixide (tamén editado en español)
  • Tito Longueirón, deportista de Pinto & Chinto
  • Astro, valente explorador de Javier Olivares
  • Detectives Audaces de Beroy (tamén editado en español)
  • Vilaverzas de Miguel Robledo (tamén editado en español)
  • Albume cos traballos premiados no I Certame BD Banda-Concello de Pontevedra
  • Edición dun gravado numerado e asinado para agasallar do número 1
  • Edición dunha postal de felicitación de Nadal ilustrada por Miguelanxo Prado
  • Páxina web bdbanda.com
  • Camisetas BD Banda (con deseño de Kiko da Silva)

Xornadas[editar | editar a fonte]

  • Organización das I Xornadas BD Banda-Concello de Pontevedra (As xornadas incluíron obradoiros de banda deseñada, presentacións, exposicións e mesas redondas. Desenvolvéronse no Pazo de Mugártegui en decembro de 2002 con presenza da práctica totalidade de autores galegos do momento.)
  • Colaboración na organización das Xornadas Compostela BD (2004)
  • Colaboración na organización das Xornadas de BD Concello de Pontevedra (2005)
  • Colaboración na organización da Festa da Lingua de Pontevedra 2005

Actos públicos[editar | editar a fonte]

Certames[editar | editar a fonte]

  • Convocatoria do I Certame BD Banda-Concello de Pontevedra
  • Convocatoria do I Certame de BD por Internet BD Banda-culturagalega.org

Exposicións[editar | editar a fonte]

  • Mostra monográfica sobre a revista en Viñetas desde o Atlántico (2005). Tamén vista no:
  • Saló del Còmic de Barcelona
  • Saló del Còmic de Cornellà
  • Semana do Humor de Silleda
  • Verbum - Casa das palabras de Vigo
  • I edición do Salón Cultur.gal
  • Exposición de traballos premiados no I Certame BD Banda-Concello de Pontevedra (2002)
  • Exposición de autores BD Banda
  • A exposición A Xeración BD Banda da Semana Itinerante da BD (2003) contén en grande medida traballos publicados na revista
  • A exposición A nova BD Banda de 2007 foi exposta en:
  • Casa da Cultura do Porriño
  • Cultur.gal
  • Anda na Banda do programa Lugo Cultural

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Da Silva, Kiko (2021). "Kiko da Silva". Luzes 96. 
  2. "A Libraría Paz retoma a actividade no seu particular "annus horribilis"". Pontevedra Viva. Consultado o 2021-10-24. 
  3. 3,0 3,1 Páxina oficial de BD Banda "Que é BD Banda?"
  4. Páxina oficial de BD banda "Que facemos?"

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externa[editar | editar a fonte]