Linfocito B
O linfocito B ou célula B é un dos compoñentes celulares do sistema inmune. O seu obxectivo é o de xerar inmunoglobulinas. Son os responsables da inmunidade humoral. Sofren dous procesos de maduración e diferenciación. O primeiro ocorre na medula ósea, no que non se expón a antíxenos. Por iso é denominada fase antíxeno-independente. O segundo proceso de maduración ocorre no ganglio linfático (fase antíxeno-dependente). Nesta segunda etapa o linfocito B diferénciase a outros tipos celulares, célula plasmática e célula B de memoria.
Maduración antíxeno-independente
[editar | editar a fonte]É a fase que ocorre na medula ósea. Aquí prodúcense todas as células hemáticas do organismo (índa que en etapas fetais e baixo certas circunstancias, tamén pode haber hematopoese no fígado e no bazo). No caso das células B xorde un proxenitor linfoide. Unha serie de proxenitores linfoides migran ás zonas B da medula ósea e dan lugar ós precursores de linfocitos B.
Nestas áreas, os proxenitores de células B póñense en contacto con células estromais da medula. Reciben sinais de VLA-4 e VCAM. A interacción con estes sinais produce que a célula B exprese o receptor c-Kit. Este receptor liga SCF (stem cell factor) e fai que a célula B exprese o receptor de interleucina-7 (IL-7). A IL-7 é secretada polas células estromais da medula. Isto provoca a proliferación e diferenciación dos linfocitos B.
Despois deste proceso, o linfocito B sae da medula e ponse en circulación, chegando ao ganglio linfático. Aínda non é funcional.
Maduración antíxeno-dependente
[editar | editar a fonte]Ocorre no ganglio linfático. Ata aquí chega o linfocito B. Diríxese cara ao centro folicular do ganglio, esperando o contacto cun antíxeno esóxeno. A estes linfocitos pódeselles denominar centrocitos. O contacto cun antíxeno endóxeno provoca a apoptose inmediata do linfocito B. Nestes momentos a célula B está preparada para o contacto co antíxeno.
Activación do linfocito B
[editar | editar a fonte]Este proceso sucede no ganglio linfático. A interacción só se debe producir con antíxenos esóxenos. Esta interacción depende da natureza do antíxeno:
- Antíxeno proteico ou timo-dependente: Un linfocito Th2 presenta un fragmento dun antíxeno esóxeno mediante MHC-II (complexo maior de histocompatibilidade II). Interaccionan ademais outras proteínas:
Tras esta interacción, o linfocito B libera as inmunoglobulinas de membrana (inmunoglobulinas de baixa afinidade). É a resposta primaria. Días máis tarde ocorre un segundo contacto, a resposta secundaria. Nesta segunda resposta xéranse dúas estirpes de linfocitos B:
- Linfocitos B efectores ou células plasmáticas: Estas células plasmáticas secretan inmunoglobulinas de alta afinidade.
- Linfocitos B de memoria: Serán a base das vacinas e da resistencia ás infeccións.
- Antíxeno non proteico ou timo-independente: É presentado por un macrófago ou outra célula inmunitaria, agás os linfocitos. Estes antíxenos poden ser lipopolisacáridos ou outras substancias. Interaccionan cos receptores de células B e coa anafilotoxina C3b, obtida durante a activación do complemento. A resposta primaria e secundaria é similar á anteriormente descrita.
Receptores de linfocito B
[editar | editar a fonte]Son denominados BCR (B-cell receptor). En realidade son inmunoglobulinas, fundamentalmente os subtipos M e D. As IgM e IgD áchanse unidas á membrana celular polo extremo C-terminal. A través do extremo N-terminal únense aos antíxenos proteicos. Outras partes das inmunoglobulinas poden interactuar con antíxenos non-proteicos, colaborando co C3b. Durante a resposta primaria son expulsadas da membrana.
Linfocitos B de memoria
[editar | editar a fonte]Son a base da resistencia e das vacinas. Son unha estirpe celular derivada do linfocito B. O que ocorre con elas é que non secretan inmunoglobulinas de alta afinidade durante a resposta secundaria. Permancen no ganglio preparadas para unha nova infección. Deste xeito, cando o patóxeno volve invadir o organismo, estas células de memoria reaccionan axiña e liberan rapidamente esas inmunoglobulinas altamente específicas.
Nas vacinas, introdúcese o mecrobio atenuado, morto ou só unha parte del. Entón, o sistema inmune detecta a súa presenza e prepárase para combatelo. Parte dos linfocitos B diferénciase a linfocito B de memoria. Como curiosidade, a primeira vacina procedía do leite de vacas enfermas de variola. Ao consumir este leite contaminado, o individuo volvíase resistente parcialmente á variola humana.
Estes linfocitos B poden vivir anos, pero acaban morrendo. Por iso existen os reforzos das vacinas, como a do tétano.
Apoptose de linfocitos B
[editar | editar a fonte]Durante a maduración destas células carrea numerosas apoptoses por circunstancias varias:
- Contacto con antíxenos endóxenos, evitando así problemas de autoinmunidade
- Os linfocitos B que secretan inmunoglobulinas pouco específicas sofren apoptose.