Inmunoglobulina D
A inmunoglobulina D (IgD) é un isotipo de anticorpo que supón aproximadamente o 1% das proteínas da membrana plasmática dos linfocitos B maduros, onde normalmente se coexpresa con outro anticorpo propio da superficie celular, a IgM. A IgD tamén se produce en forma soluble segregada que se pode encontrar no plasma sanguíneo en moi pequenas cantidades. A IgD secretada prodúcese como un anticorpo monomérico formado por dúas cadeas pesadas da clase delta (δ), e dúas cadeas lixeiras de Ig.
Funcións
[editar | editar a fonte]A función das IgD foi sempre un crebacabezas para a inmunoloxía desde que se descubriu en 1964. Detectouse recentemente que a IgD está presente nas especies de vertebrados desde en peixes cartilaxinosos ata os humanos (probablemente coa excepción das aves).[1] Esta presenza case ubicua nas especies que teñen un sistema inmunitario adaptativo demostra que a IgD é tan antiga coma a IgM e iso suxire que debe ter importantes misións inmunolóxicoas.
Nas células B, a función das IgD é sinalar as células B para ser activadas. Durante a diferenciación das células B, a IgM é o isotipo que se expresa exclusivamente nas células B inmaturas. A IgD empeza a expresarse cando a célula B sae da medula ósea para poboar os tecidos linfoides periféricos. Cando unha célula B chega ao seu estado maduro, coexpresa a IgM e a IgD. Non se comprende ben se a IgM e a IgD son funcionalmente diferentes nas células B. Os ratos knockout Cδ (ratos que foron alterados xeneticamente par que non produzan IgD) non presentan grandes defectos intrínsecos nas células B. A IgD pode ter algún papel nas reaccións alérxicas.
Recentemente, descubriuse que a IgD se une a basófilos e mastocitos e activa estas células para que produzan factores antimicrobianos que participan na inmunodefensa na mucosa respiratoria en humanos.[2] Tamén estimula aos basófilos para liberar factores homeostáticos para as células B. Isto concorda con fenómenos observados en ratos knockout Cδ, como a redución do número de células B periféricas, niveis de IgE sérica reducidos e resposta de IgG1 primaria defectuosa.
Método de coexpresión
[editar | editar a fonte]No locus da cadea pesada humano, en dirección 3' do casete xénico V-D-J hai unha serie de xenes C (constantes), que lle confiren ás inmunoglobulinas o seu isotipo. O xene Cμ [IgM] está en dirección 3' e é o máis próximo do casete V-D-J, e o seguinte é o xene Cδ.
Fórmase un transcrito primario de ARNm que contén a transcrición do casete V-D-J, e os xenes Cμ e Cδ, con intróns entre eles.
Pode ocorrer un splicing alternativo, que fai que se seleccione ou ben o Cμ ou o Cδ e orixina o ARNm funcional, que pode ser o ARNm μ ou o ARNm δ, respectivamente. Pénsase que o splicing alternativo é posible debido a que existen dous sitios de poliadenilación, un situado entre o Cμ e o Cδ, e o outro en dirección 3' do Cδ (a poliadenilación neste último sitio pode facer que o Cμ sexa eliminado xunto co intrón durante o splicing). O mecanismo exacto de como se elixe o sitio de poliadenilación non está claro.
O ARNm funcional resultante terá as rexións V-D-J e C contiguas, e a súa tradución xerará ou unha cadea μ ou unha cadea δ pesada. As cadeas pesadas asócianse con cadeas lixeiras κ ou λ para formar a IgM ou IgD final completa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ohta, Yuko; Martin Flajnik (2006-07-11). "IgD, like IgM, is a primordial immunoglobulin class perpetuated in most jawed vertebrates". Proceedings of the National Academy of Sciences 103 (28): 10723–10728. PMC 1636022. PMID 16818885. doi:10.1073/pnas.0601407103. Consultado o 2009-10-02.
- ↑ Chen, Kang; Weifeng Xu, Melanie Wilson, Bing He, Norman W Miller, Eva Bengten, Eva-Stina Edholm, Paul A Santini, Poonam Rath, April Chiu, Marco Cattalini, Jiri Litzman, James B Bussel, Bihui Huang, Antonella Meini, Kristian Riesbeck, Charlotte Cunningham-Rundles, Alessandro Plebani, Andrea Cerutti (2009). "Immunoglobulin D enhances immune surveillance by activating antimicrobial, proinflammatory and B cell-stimulating programs in basophils". Nat Immunol 10 (8): 889–898. ISSN 1529-2908. PMC 2785232. PMID 19561614. doi:10.1038/ni.1748. Consultado o 2009-10-02.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Anticorpo
- Inmunoglobulina A (IgA)
- Inmunoglobulina E (IgE)
- Inmunoglobulina G (IgG)
- Inmunoglobulina M (IgM)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- MeshName - Immunoglobulin+D [1]