Convallaria majalis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Convallaria majalis
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Angiospermae (clado)
(sen clasif.): Monocots (clado)
Orde: Asparagales
Familia: Asparagaceae
Subfamilia: Nolinoideae
Xénero: Convallaria
Especie: C. majalis
Nome binomial
Convallaria majalis
L.

Convallaria majalis[1] é unha planta anxiosperma de agradable aroma pero velenosa da familia das asparagáceas, nativa de zonas de climas temperados fríos do hemisferio norte de Asia e Europa.

Probablemente é a única especie do xénero Convallaria (isto depende de se C. keiskei e C. transcaucasica se recoñecen como especies separadas). No sistema APG III, o xénero está situado na familia Asparagaceae, subfamilia Nolinoideae (antes situábase na familia Ruscaceae[2]). Anteriormente estivo tamén clasificada na súa propia familia, Convallariaceae, e, como moitas monocotiledóneas lilioides, máis anteriormente na familia dos lirios, Liliaceae.

Descrición[editar | editar a fonte]

Convallaria majalis é unha planta herbácea perenne que forma extensas colonias ao espallar no terreo os seus talos subterráneos (rizomas). Fórmanse novos talos verticais aéreos nos extremos de estolóns en verán.[3][4] Ditos talos crecen en primavera e os novos brotes con follas seguen conectados con outros baixo o chan, xerándose normalmente grandes colonias. Os talos medran ata os 15 a 30 cm de altura, e levan unha ou dúas follas de 10 a 25 cm de longo; os talos con flores teñen dúas follas e un acio con de 5 a 15 flores no extremo do talo.

As flores teñen seis tépalos brancos (raramente rosas), fusionados na base e adoptan unha forma de campá, teñen de 5 a 10 mm de diámetro e son aromáticas; a floración ten lugar a finais de primavera, en invernos suaves no hemisferio norte ocorre en marzo. O froito é unha baga pequena de cor laranxa avermellada de 5 a 7 mm de diámetro que contén unhas poucas sementes grandes abrancazadas ou pardas que secan dando unhas bólas claras translúcidas redondas de 1 a 3 mm de ancho. As plantas son autoestériles, e as colonias que constan dun só clon non forman sementes.[5]

Distribución[editar | editar a fonte]

Ilustración do século XIX

Convallaria majalis é nativa de Europa, onde en boa medida evit as marxes mediterráneas e atlánticas.[6] Unha variedade oriental, C. majalis var. manschurica dáse no Xapón e partes do leste de Asia. Unha poboación nativa limitada de C. majalis var. montana aparece no leste dos Estados Unidos.[7] Porén, debátese se o status como planta nativa desta variedade americana é aceptable ou non.[8]

Como moitas plantas con flor perennes, C. majalis mostra modos de reprodución dual ao producir descendencia asexualmente de forma vexetativa e tamén reproducirse por sementes orixinadas sexualmente por fusión de gametos.[9]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Convallaria majalis é unha planta que prefire sombra parcial e mesófila que prefire os veráns cálidos. Gosta dos solos limosos ou areosos e de ácidos a moderadamente alcalinos,[10] preferiblemente cunha abundante cantidade de humus. A Royal Horticultural Society afirma que os solos lixeiramente alcalinos son os mellores para ela.[11] É unha especie euroasiática e suboceánica que pode vivir en montañas de ata 1 500 m de altitude.[12]

Convallaria majalis é alimento para as larvas dalgunhas especies de lepidópteros como o Antitype chi. Os adultos e larvas do escaravello Lilioceris merdigera tamén poden tolerar os cardenólidos que contén e poden alimentarse das súas follas.[13]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Convallaria majalis var. rosea

Hai tres variedades que algúns botánicos consideraron ás veces especies distintas ou subespecies. Son:[14]

  • Convallaria majalis var. keiskei – da China e o Xapón, con froitos vermellos e flores con forma de cunca (que agora adoita citarse como Convallaria keiskei)[5][15]
  • C. majalis var. majalis – de Eurasia, con nervios centrais das flores brancos
  • C. majalis var. montana – dos Estados Unidos, con nervios centrais das flores verdes

Algunhas autoridades recoñecen Convallaria transcaucasica como unha especie distinta, mentres que a especie antes chamada Convallaria japonica clasifícase agora como Ophiopogon japonicus.[15]

En xardinería[editar | editar a fonte]

Cultivar variegado a inicios da primavera
Convallaria majalis con floración dobre

Convallaria majalis plántase ás veces en xardíns polas flores olorosas que ten e a súa capacidade de cubrir o chan en zonas umbrías.[16] En condicións favorables pode formar grandes colonias nos xardíns.

Plántanse varios tipos de cultivares, incluíndo os que teñen flores dobres, flores rosas, foliaxe variegado e os que crecen máis que a especie típica.[15] Son:

  • C. majalis 'Albostriata' ten follas con liñas brancas
  • C. majalis 'Green Tapestry', 'Haldon Grange', 'Hardwick Hall', 'Hofheim', 'Marcel', 'Variegata' e 'Vic Pawlowski's Gold' son outros cultivares variegados[15]
  • C. majalis 'Berlin Giant' e C. majalis 'Géant de Fortin' (sin. 'Fortin's Giant') son cultivares que crecen ata grandes tamaños[15]
  • C. majalis 'Flore Pleno' ten flores dobres.[15]
  • C. majalis 'Rosea' que ás veces se lle chama C. majalis var. rosea, ten flores rosas.[15]

Tradicionalmente Convallaria majalis plantábase en macetas e forzábase a que producise flores en inverno.[17]

Química[editar | editar a fonte]

Detalle da flor

Todas as partes desta planta son moi velenosas, incluíndo as bagas vermellas, que poden ser atractivas para os nenos.[18] En caso de que se inxiran incluso pequenas cantidades da planta pode orixinarse dor abdominal, vómito, dinimución da frecuencia cardíaca,[19] visión borrosa, somnolencia e erupcións vermellas na pel.[20]

Na planta atopáronse uns 38 glicósidos cardíacos (cardenólidos), algúns dos cales son:

  • convalarina
  • convalamarina
  • convalatoxina
  • convalotoxolósido
  • convalósido
  • neoconvalósido
  • glicoconvalósido
  • majalósido
  • convalatoxón
  • corglicón
  • cannoxenol-3-O-α-L-ramnósido
  • cannoxenol-3-O-β-D-alometilósido
  • cannoxenol-3-O-6-dexoxi-β-D-alósido-β-D-glicósido,
  • cannoxenol-3-O-6-desoxi-β-D-alósido-α-L-ramnósido,
  • estrofantidina-3-O-6-desoxi-β-D-alósido-α-L-ramnósido,
  • estrofantidina-3-O-6-desoxi-β-D-alósido-α-L-arabinósido,
  • estrofantidina-3-O-α-L-ramnósido-2-β-D-glicósido,
  • sarmentoxenina-3-O-6-desoxi-β-D-alósido-α-L-ramnósido
  • sarmentoxenina-3-O-6-desoxi-β-D-gulósido
  • 19-hidroxi-sarmentoxenina-3-O-α-L-ramnósido,
  • 19-hidroxi-sarmentoxenina
  • arabinósido-6-desoxialosa
  • lokundjósido

A planta tamén contén saponinas. Aínda que a planta é mortal, foi utlizada como un remedio popular en cantidades moderadas,[21] e actualmente utilízana os herboristas como un remedio restrinxido. Tamén contén o aminoácido velenoso e pouco frecuente ácido azetidina-2-carboxílico.

Unha substancia olorosa desta planta, concretamente o ligando bourxeonal, atrae o esperma de mamíferos.[22] O descubrimento en 2003 deste fenómeno estimulou a investigación sobre a recepción de olores,[23] pero un estudo de 2012 demostrou, ao contrario, que a altas concentracións, o bourxeonal imitaba o papel da proxesterona estimulando o esperma a moverse (quimiotaxe), un proceso que non está relacionado coa recepción de olores.[24]

Nomes, lendas e tradicións[editar | editar a fonte]

A duquesa de Cambridge cun buqué floral con flores de C. majalis

O seu nome científico majalis ou maialis, significa "do mes de maio".

En francés recibe o nome de muguet. A principios do século XX, fíxose tradicional en Francia vender flores desta planta o 1º de maio, día internacional do traballo (tamén chamada La Fête du Muguet).[25] En inglés chámaselle lilly of the valley (lirio dos vales), o cal podería proceder dunha tradución do Cantar dos cantares 2:1 da Biblia, aínda que a frase hebrea orixinal "shoshannat-ha-amaqim" (literalmente 'lirio dos vales') non se refire a esta planta. Tamén se lle chama Our Lady's tears (bágoas da Virxe), debido a unha lenda cristiá que di que brotou a partir das bágoas da Virxe María durante a crucifixión de Cristo.[26]

Na "linguaxe das flores", esta planta significa o retorno da felicidade.[27]

O concello noruegués de Lunner ten esta planta no seu escudo. Foi o emblema floral da antiga Iugoslavia,[28] e desde 1967 é a flor nacional de Finlandia.[29]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sunset Western Garden Book, 1995:606–607
  2. Chase, M.W.; Reveal, J.L. & Fay, M.F. (2009). "A subfamilial classification for the expanded asparagalean families Amaryllidaceae, Asparagaceae and Xanthorrhoeaceae". Botanical Journal of the Linnean Society 161 (2): 132–136. doi:10.1111/j.1095-8339.2009.00999.x. 
  3. Flora of China: Convallaria majalis
  4. Mills, Linn; Post, Dick (2005). Nevada gardener's guide. Nashville, Tenn.: Cool Springs Press. p. 137. ISBN 1-59186-116-0. 
  5. 5,0 5,1 Ohara, Masashi; Araki, Kiwakoi; Yamada, Etsukoi; Kawano, Shoichi, Life-history monographs of Japanese plants, 6: Convallaria keiskei Miq. (Convallariaceae), Plant Species Biology, Vol 21, No 2, August 2006, pp. 119–126(8), Blackwell Publishing
  6. [1]
  7. Flora of North America : Convallaria majalis
  8. Gleason, Henry A. and Cronquist, Arthur, (1991), Manual of Vascular Plants of Northeastern United States and Adjacent Canada, New York Botanical Garden, Bronx, New York, pp. 839-40
  9. Vandepitte, Katrien; De Meyer, Tim; Jacquemyn, Hans (February 2013). "The impact of extensive clonal growth on fine-scale mating patterns: a full paternity analysis of a lily-of-the-valley population (Convallaria majalis)". Annals of Botany 111: 623–628. PMC 3605957. PMID 23439847. doi:10.1093/aob/mct024. 
  10. "Lily of the Valley Planting Guide". easytogrowbulbs.com. Consultado o 12 May 2015. 
  11. RHS Encyclopaedia of Perennials
  12. Rameau, J. C.; et al. (1989). Flore Forestière Française. Institut pour le développement Forestier. p. 1023. ISBN 2-904740-16-3. 
  13. Whitman, Ann. "Controlling Lily Leaf Beetles". Gardner's Supply Company. Consultado o 12 May 2015. 
  14. "Convallaria in Flora of North America @". Efloras.org. Consultado o 2012-04-30. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 RHS Plant Finder 2009–2010. Dorling Kindersley. 2009. pp. 195, 196. ISBN 978-1-4053-4176-9. 
  16. "RHS Plant Selector Convallaria majalis AGM / RHS Gardening". Apps.rhs.org.uk. Arquivado dende o orixinal o 26 de febreiro de 2014. Consultado o 2012-07-31. 
  17. Journal of horticulture and practical gardening. 1872. p. 378. Consultado o 28 September 2010. 
  18. "Lily-Of-The-Valley". The New York Times. 
  19. New York Media, LLC (4 June 1979). New York Magazine. New York Media, LLC. p. 92. ISSN 0028-7369. Consultado o 28 September 2010. 
  20. Soniak, Matt (11 October 2011). "How Poisonous Is Lily of the Valley?". mentalfloss.com. Consultado o 24 June 2015. 
  21. Cantell, Sulo; Saarnio, Väinö, 1936. Suomen myrkylliset ja lääkekasvit (translation: The Poisonous and Medical plants of Finland)
  22. Marc Spehr; Günter Gisselmann; Alexandra Poplawski; Jeffrey A. Riffell; Christian H. Wetzel; Richard K. Zimmer; Hanns Hatt (2003). "Identification of a Testicular Odorant Receptor Mediating Human Sperm Chemotaxis". Science 299 (5615): 2054–8. PMID 12663925. doi:10.1126/science.1080376. Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2014. Consultado o 24 June 2012. 
  23. For example ScienceDaily 2007
  24. Christoph Brenker; Normann Goodwin; Ingo Weyand; Nachiket D Kashikar; Masahiro Naruse; Miriam Krähling; Astrid Müller; U Benjamin Kaupp; Timo Strünker (2012). "The CatSper channel: a polymodal chemosensor in human sperm". The EMBO Journal 31 (7): 1654–1665. PMC 3321208. PMID 22354039. doi:10.1038/emboj.2012.30. Consultado o 24 June 2012.  Ver tamén ScienceMag article
  25. "Lily of the Valley – May Day in France". wordpress.com. 26 April 2010. Consultado o 24 June 2015. 
  26. "May Birth Flower : Birth Month Flower". Birthflowersguide.com. 2007-06-02. Consultado o 2012-04-30. 
  27. "Wedding Traditions & Trivia". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2012. Consultado o 06 de maio de 2017. 
  28. "Lily of the valley". flowers.org.uk. Consultado o 24 June 2015. 
  29. "Lily of the Valley – Finland’s National Flower". wordpress.com. 28 May 2013. Consultado o 24 June 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]