Columna salomónica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Columnas salomónicas na fachada da igrexa de Santiago de Traba, Laxe (Galiza).

Nas diversas artes a columna salomónica ou retorneada[1] é unha columna co fuste labrado en espiral[2] que se utilizou fundamentalmente en Europa e nas Américas na arquitectura barroca. Recibe o seu nome pola crenza, daquela, de que así foran as columnas do antigo Templo de Salomón.

Historia[editar | editar a fonte]

Columna salomónica.

Non foi un elemento de construción empregado na época antiga pero o seu nome procede da denominación dada polos arquitectos barrocos, a partir da descrición que se fai na Biblia das columnas do gran templo do rei Salomón en Xerusalén, destruído no ano 586 antes de Cristo. Disque este templo tiña dúas columnas principais flanqueando o vestíbulo, con fuste retorto, cuxos nomes eran Boaz e Jachin, que simbolizaban respectivamente a forza e a estabilidade.

Este peculiar tipo de fuste pode evolucionar desde o estilo manifestado na Columna de Traxano da Roma antiga, erixida como homenaxe ao Emperador do mesmo nome, a antiga columna ten o fuste decorado cunha fita única continua, en forma de espiral. Esta banda ten unha serie de imaxes que representan o poder militar de Traxano na batalla. Estas columnas tamén parecen ter uso na arquitectura e decoración bizantina.

A súa difusión no período barroco debeuse aos debuxos de Rafael para os tapices dos Feitos dos Apóstolos, que á súa vez deron lugar ao soporte do baldaquino de San Pedro de Roma realizado en 1624 por Bernini.[3]

Descrición[editar | editar a fonte]

Unha columna salomónica comeza nun baseamento e termina nun chapitel, como a columna clásica, mais o fuste ten un desenvolvemento retorto de forma helicoidal que dá comunmente seis voltas e que produce un efecto de movemento, forza e dramatismo. A introdución da columna salomónica no barroco manifesta a condición de arte en movemento. En moitas ocasións atópase o fuste cuberto con decoración vexetal a base de follas de videira. Os chapiteis poden ser de diversas ordes, predominando a composta e a corintia. É frecuente que o seu uso sexa máis como unha columna ornamental, que tectónica, polo que é moi habitual que apareza en retablos ou encostada xunto con outros enfeites.

Utilización desta columna en arquitectura[editar | editar a fonte]

Baldaquino de Bernini na Basílica de San Pedro, con columnas salomónicas.

Un dos usos máis destacados de columnas salomónicas dáse no baldaquino deseñado por Bernini dentro da Basílica de San Pedro no Vaticano.

Este tipo de columna fíxose popular na Europa católica, incluíndo a parte sur de Alemaña, estendeuse á Península Ibérica, case ao mesmo tempo que Bernini construía as súas columnas, e de España pasou en moi pouco tempo ás Américas, onde se usou moito en igrexas como elemento característico do estilo churrigueresco.

A súa utilización foi menos frecuente en Gran Bretaña, o único exemplo atopado por Robert Durman (Durman 2002) foi o soportal sur de St. Mary the Virgin, en Oxford e tamén foi raro no deseño de interiores ingleses, un exemplo, quizais único, é o monumento funerario para Helena Gorges, morta en 1635, en Salisbury.

Despois de 1660, este tipo de ornamentación converteuse en característica básica de deseño de mobiliario en Francia, Holanda e Inglaterra, tanto nas patas dos mobles como nas portas de cristal dos reloxos de parede de finais do século XVII e principios do XVIII.

Expansión en España[editar | editar a fonte]

A columna salomónica chegou axiña a España. En Andalucía usouse por vez primeira no retablo maior da igrexa da Cartuxa de Xerez da Fronteira, realizada polo arquitecto Alejandro de Saavedra con esculturas de José de Arce, realizado entre 1636 e 1639. Posibelmente a súa incorporación foi realizada a proposta de Arce, que coñecera o baldaquino de Bernini de Roma durante a súa construción.[4]

En Madrid, a primeira utilización desta columna foi no retablo da Igrexa do Bo Suceso de Pedro de la Torre. Desde entón estendeuse na arquitectura de retablos castelá cos exemplos destacados de Juan Fernández na igrexa da Clerecia en Salamanca e o de José Benito de Churriguera no retablo da igrexa de Santo Estevo de Salamanca, realizada en 1693.[5]

Aparece nalgunhas igrexas en Galiza, non sendo tan frecuente coma noutras zonas de España.[Cómpre referencia]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Recomendación do Servizo de Normalización Lingüística da USC
  2. Definición no DRAG.
  3. José Manuel Pita Andrade e José Álvarez Lopera. La arquitectura española del siglo XVII. Summa Artis. Historia General del Arte, volume XXVI. Espasa Calpe 1982. ISBN 84-239-5226-6. Páxina 524.
  4. Romero Torres, José Luis (2009). La imagen edificada: Los retablos barrocos (PDF). Junta de Andalucía. Consejería de Cultura. ISBN 978-84-8266-860-4. 
  5. Díaz Fernández, Antonio José (2014). "Origen y presencia de la columna salomónica en el retablo barroco toledano" (PDF). Toletum:Boletín de la Real Academia de Bellas Artes y Ciencias Históricas de Toledo (9). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]