Colexio da Nosa Señora da Antiga
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2016.) |
O colexio da Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido como os Escolapios, é un edificio de estilo herreriano construído a finais do século XVI na vila de Monforte de Lemos, na Ribeira Sacra. É coñecido a miúdo como o Escorial galego, por ser unha das poucas manifestacións deste estilo nesta comunidade, caracterizado pola regularidade das súas formas e a sobriedade nos detalles.
Historia
[editar | editar a fonte]As obras do colexio de Nosa Señora da Antiga comezaron no ano 1593,[1] baixo o patrocinio da figura do cardeal Rodrigo de Castro,[2] considerado por moitos o último gran príncipe eclesiástico do Renacemento,[3] arcebispo de Sevilla e gran benfeitor de Monforte, ademais de mecenas e personaxe impoñente. A intención de Rodrigo de Castro era que a institución, rexentada pola Compañía de Xesús, servira para a educación da bisbarra e de toda Galicia.[2]
Cara ao ano 1598 o escultor Gregorio Español foi contratado para traballar nas obras do colexio.
Orixinalmente foi rexentado polos xesuítas, mais logo de que Carlos III ordenara a expulsión da orde de todos os territorios do Imperio Español, estes tiveron que abandonar a rexencia en 1767, e mesmo borrou todo símbolo existente que recordase a súa estancia no país, extremo que se pode constatar observando o espazo en branco que deixou o seu escudo tras ser retirado do retablo de Francisco de Moure.[4] O colexio foi Real Seminario de Estudos ata o ano 1773 e xermolo da universidade, ostentando ata sete cátedras nun momento no que esta non estaba aínda implantada na provincia.
Dende 1777 é propiedade dos duques de Alba,[5] e dende 1873 é rexentado polos pais escolapios.[2] Con todo, durante a segunda república española a lei prohibiu que as congregacións relixiosas levaran a cabo actividades educativas, polo que pasou a ser rexentado pola chamada Sociedad Anónima de Enseñanza Libre (SADEL). Precisamente a SADEL fora creada para eludir a lei, sendo o corpo docente en realidade sacerdotes.[6]
Co inicio da guerra civil española a orde dos escolapios recuperou o control do colexio, que foi tamén empregado como hospital militar durante a contenda, comezando a cumprir esta nova función acollendo aos feridos da fronte de Somosierra. Ao finalizar a guerra o centro seguiu a funcionar con normalidade.[6]
Descrición
[editar | editar a fonte]A partir de 1590 introdúcese en Galicia o coñecido como estilo herreriano, escola valisoletana liderada polo arquitecto Herrera que difundiron unha visión particular do estilo clásico romano. A obra clave desta corrente renacentista en Galicia é este colexio do Cardeal, do cal foron os seus autores os mestres arquitectos xesuítas Andrés Ruiz, Juan de Tolosa e Juan Bustamante, e coa intervención de Juan de Nates e Simón de Monasterio. Entre eles destacaron Tolosa e Nates, senlleiros discípulos de Herrera
O padre Andrés Ruiz foi o primeiro arquitecto da obra. Del só se sabe que fixo as trazas, que foron presentadas en 1592 para poxa-las contratas. Ao ano seguinte o substitúe Juan de Tolosa[nota 1], ao que hai que atribuírlle o proxecto do templo, figura esencial do conxunto.
Para esta obra Juan de Tolosa cortou os patróns de cantaría e realizou os modelos dos elementos clásicos, segundo consta en documentos contemporáneos, correndo a realización material da construción aos mestres Diego de Isla, Juan de Cajigas ou Juan e Pedro de Sierra.
Coa igrexa no eixo de dous patios simétricos preséntase cunha fachada única para templo e edificio. Esta coa fachada da igrexa no medio ordénase en dous corpos superpostos. O corpo baixo é almofadado cunha composición decorativa en orde dórica de forte influencia italiana. No corpo superior coas súas pilastras xónicas ten unha orixe herreriana inequívoca. Quizais isto se debese á participación de dous mestres, Tolosa ou Bustamante na baixa e Nates na superior. Por último o remate superior exterior cunha galería afástase do estilo escurialense para achegarse a unha solución moi no estilo de Rodrigo Gil de Hontañón.
A igrexa
[editar | editar a fonte]A igrexa do colexio é de planta de cruz típica das da Compañía, é dicir, cos brazos de cruceiro curtos, e co cruceiro coroado por unha gran cúpula de clásica beleza. A nave principal destaca polo seu tamaño, a ábsida rectangular e as capelas laterais unidas entre si compoñendo os seus muros interiores con grandes pilastras clásicas sobre as que corre un friso no que descansan as bóvedas de canón e de aresta das naves e as capelas. A orde utilizada foi a corintia.
Conta cun impresionante, en tamaño e beleza, retablo de madeira de nogueira sen pintar, esculpido por Francisco de Moure, o cal non puido acabar en vida e foi rematado polo seu fillo. Ao carón do retablo, podemos observar unha estatua orante do cardeal Rodrigo de Castro, moi apreciada pola súa perfección e singularidade. A estatua, emprazada sobre os restos do cardeal, ora enfrontada a un cadro que representa a Nosa Señora da Antiga; descubriuse que tralo cadro atopábase outra sepultura e diferentes estudos revelaron que se trataba da nai do cardeal, Beatriz De Castro, "A Fermosa", III Condesa de Lemos.
O colexio
[editar | editar a fonte]O colexio conta con dous claustros, e parece estar inacabado na súa á oeste. Neles sitúanse os escudos dos condes de Lemos e dos Xesuítas. Só o apegado ao costado sur do templo é de estilo renacentista, e foi levantado en orde dórica por Simón de Monasterio xa no século XVII.
Debe destacarse tamén a escaleira monumental, construída entre 1594 e 1603. Atópase na á leste, e o seu deseño é particularmente interesante por estar construída sobre tres arcadas, sen apoios aparentes, que soportan trece, nove e trece chanzos cada unha. A escaleira, por dicilo así, esta "no aire", e sostense por mor dun coidadosamente calculado xogo de forzas. Os seus chanzos tamén son dignos de mención ao estar labrados nunha soa peza de granito de gran calidade. No chan pódese observar o debuxo da proxección da escaleira, trazado para a súa construción.
A pinacoteca, Museo de Nosa Señora da Antiga
[editar | editar a fonte]Conta tamén cunha importante pinacoteca, na que destacan dous óleos do Greco; un maxistral San Francisco, que semella preguntarse sobre a vida e a morte mentres sostén un cranio; segundo críticos e especialistas, estamos ante unha obra dunha gran calidade, que iguala ou ata supera a dos exemplares coñecidos do mesmo tema, constituíndo unha das obras cume do Greco. O San Lourenzo constitúe así mesmo unha obra moi apreciada, por ser un dos escasos cadros de devoción realizados polo pintor á súa chegada a Toledo, onde o adquiriu don Rodrigo de Castro nos seus tempos de inquisidor.
Pódese contemplar tamén cinco táboas do pintor manierista italiano Andrea del Sarto.[2] Do cadro da "Adoración dos Reis" de Hugo van der Goes só queda unha copia, xa que o Retablo de Monforte foi vendido en 1913 ao Museo Kaiser Frederik de Berlín por un millón duascentas mil pesetas, que permitiron finalizar as obras do colexio.[7]
O museo tamén inclúe varios incunables, entre os que está o Libro da caza de aves, tratado de cetrería escrito por Pedro López de Ayala durante o seu cativerio en Portugal.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Aparición da Virge a san Lourenzo, El Greco.
-
O xuízo final, de Giovanni Bernardino Azzolino.
-
Sta. Catalina, Andrea del Sarto.
-
San Xoán Bautista, Andrea del Sarto.
-
San Pedro, Andrea del Sarto.
-
San Francisco, El Greco.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tamén parece ser o autor dos contemporáneos mosteiro de San Juan de Corias en Asturias e o ourensán de Montederramo
- Referencias
- ↑ "Colexio de Nosa Señora Antiga". Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2016. Consultado o 12 de setembro de 2016.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Museo de Nosa Señora da Antiga". Xunta de Galicia. Consultado o 12 de setembro de 2016.
- ↑ "Rodrigo de Castro Osorio" (en castelán). geneaordonez.es. Consultado o 12 de setembro de 2016.
- ↑ "Colegiata de la Antigua Monforte de Lemos" (en castelán). rutasconhistoria.es. Consultado o 12 de setembro de 2016.
- ↑ "Monforte na historia" (en castelán). DescubreLugo.com. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2016. Consultado o 12 de setembro de 2016.
- ↑ 6,0 6,1 Albo, Francisco (21 de abril de 2017). "La profunda huella de los escolapios". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 21 de abril de 2017.
- ↑ "Historia de un cuatro. "La Adoración de los Reyes", de Van der Goes". ABC (en castelán). 4 de marzo de 1953. Consultado o 12 de setembro de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Colexio da Nosa Señora da Antiga |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Colexio de Nosa Señora Antiga Arquivado 13 de setembro de 2016 en Wayback Machine. en Turismo de Galicia. Xunta de Galicia.
- Museos de Galicia
- Escolapios (en castelán).