Lourenzo (mártir)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua de San Lourenzo

San Lourenzo foi un dos sete diáconos rexionarios de Roma, cidade onde foi martirizado nunha grella o 10 de agosto de 258, catro días despois do martirio do papa Sixto II.[1] En latín chamábase Laurentius (‘laureado’). O seu nome testemúñase nos calendarios litúrxicos máis antigos: a Depositio martyrum do ano 354 e o Martiroloxio xeronimiano do século V. Ambos especifican a localización da súa sepultura na vía Tiburtina, e o Martirologio jeronimiano cualifícao de «archidiaconus», título que máis tarde reiterou o Peristephanon do poeta latino Prudencio.[2] Os estudos de Pietro Guidi ratificaron a concordancia dos antigos martiroloxios ao recoñecer definitivamente en Lourenzo ao titular da necrópole da vía Tiburtina, sobre cuxas reliquias se edificou primeiro unha basílica, e a fins do século VI outra subterránea ad corpus.[2][3]

Os Actos de san Lourenzo perdéronse na época de Agostiño de Hipona, quen nun dos seus sermóns sobre o santo [4] admitiu que a súa narración non proviña de recitar as Actas do santo (como adoitaba facer Agostiño nos seus sermóns) senón da tradición oral. Esa tradición sitúa o nacemento de Lourenzo de Roma en Huesca, na Hispania Tarraconensis, aínda que tamén podería ser orixinario de Valencia, onde os seus pais residirían un curto espazo de tempo, vindo nacer o santo nesta cidade. Cando en 257 Sixto foi nomeado papa, Lourenzo foi ordenado diácono, e encargado de administrar os bens da Igrexa e o coidado dos pobres. Por este labor, é considerado un dos primeiros arquivistas e tesoureiros da Igrexa, e é o patrón dos bibliotecarios.

O emperador Valeriano proclamou un edicto de persecución no que prohibía o culto cristián e as reunións nos cemiterios. Moitos sacerdotes e bispos foron condenados á morte, mentres que os cristiáns que pertencían á nobreza ou ao senado eran privados dos seus bens e enviados ao exilio.

Vítimas das persecucións de Valeriano destacan os papas Estevo I, degolado sobre a mesma cadeira pontificia; e Sixto II decapitado o 6 de agosto do 258. Bispos como Ciprán de Cartago (decapitado no norte de África), diáconos como Agapito, ou o popular san Lourenzo.

Unha lenda posiblemente creada por Ambrosio de Milán di que Lourenzo se atopou co papa Sixto no seu camiño ao martirio, e que lle preguntou: «Onde vas, querido pai, sen o teu fillo? Onde te apresuras, santo pai, sen o teu diácono? Nunca antes montaches o altar de sacrificios sen o teu servente, e agora desexas facelo sen min?». Entón o papa profetizou: «En tres días ti seguirasme».

Lourenzo e a lenda do santo Graal[editar | editar a fonte]

Basílica de San Lourenzo, onde se atopan os restos do santo

A lenda di que entre os tesouros da Igrexa confiados a Lourenzo atopábase o Santo Graal (a copa usada por Xesús e os Apóstolos na Última Cea) e que conseguiu envialo a Huesca, xunto a unha carta e un inventario, onde foi escondido e esquecido durante séculos. Os pais de Lourenzo, santos Orencio e Paciencia, si serían de Huesca, e chegarían á cidade de Valencia por motivo das persecucións.

Segundo a Vida e martirio de san Lourenzo, texto apócrifo do século XVII supostamente baseado na obra do monxe Donato (século VI), o papa Sixto II entregoulle o Santo Graal xunto a outras reliquias, para que as puxese a salvo. Na cova romana de Hepociana, Lourenzo acudiu a unha reunión de cristiáns presidida polo presbítero Xustino. Alí achou a un condiscípulo e compatriota hispano, chamado Precelio, orixinario de Hippo (a moderna Toledo), en Carpetania, a quen entregou varias reliquias, entre elas o santo cáliz, co encargo de que as levase á familia que quedaba en Huesca (os seus pais vivían en Roma). Precelio levou as reliquias aos tíos e curmáns de Lourenzo en Huesca que as esconderon, perdéndose a pista, aínda que algunhas tradicións afirman que o santo cáliz foi depositado na igrexa de san Pedro da localidade, de onde sería posto a salvo polo bispo Acilso cando fuxiu en 711 ante o avance dos musulmáns, para esconderse nos Pireneos.[5]

As riquezas da Igrexa[editar | editar a fonte]

Aproveitando o recente asasinato do papa, o alcalde de Roma, que era un pagán moi amigo de conseguir diñeiro, ordenou a Lourenzo que entregase as riquezas da Igrexa. Lourenzo entón pediu tres días para poder colleitalas e neses días foi convidando a todos os pobres, lisiados, esmoleiros, orfos, viúvas, anciáns, mutilados, cegos e leprosos que el axudaba. Ao terceiro día, compareceu ante o prefecto, e presentoulle a este os pobres e enfermos que el mesmo congregara e díxolle que eses eran os verdadeiros tesouros da Igrexa. O prefecto entón díxolle: «Ousas burlarte de Roma e do Emperador, e perecerás. Pero non creas que morrerás nun instante, faralo lentamente e soportando a maior dor da túa vida».

Martirio[editar | editar a fonte]

El martirio de San Lorenzo, por Juan de León (1758, RABASF, Madrid).

Lourenzo foi queimado vivo nunha fogueira, concretamente nunha grella, preto do Campo de Verán, en Roma. A lenda afirma que no medio do martirio, dixo: «Assum est, inquit, versa et manduca» (tradución: ‘Asado está, dixo, vírao e cómeo’). O seu santo celébrase o 10 de agosto, día no cal recibiu martirio.[1] Lourenzo foi enterrado na Vía Tiburtina, nas catacumbas de Ciriaca, por Hipólito de Roma e o presbítero Xustino. Dise que Constantino I o Grande mandou construír un pequeno oratorio en honra do mártir, que se converteu en punto de parada nos itinerarios de peregrinación ás tumbas dos mártires romanos no século VII.

Un século máis tarde, o papa Dámaso I (366-384) reconstruíu a igrexa, hoxe en día coñecida como Basilica di San Lorenzo fuori le Mura, mentres que a igrexa de San Lorenzo in Panisperna se alza sobre o lugar do seu martirio. No século XII, o papa Pascual II (1099-1118) dixo que a grella usada no martirio foi gardada na igrexa de San Lourenzo de Lucina.

Veneración[editar | editar a fonte]

San Lourenzo (83 × 63 cm), obra de Bartolomeu Esteban Murillo.
Martirio de San Lourenzo (11 cm de diámetro), obra xuvenil de Goya.

Lourenzo é un dos santos máis amplamente venerados pola Igrexa católica romana. A representación máis común do santo é como un mozo, imberbe (sinal desa mocidade) e con tonsura clerical, de pé, cos seus símbolos propios nas mans. Viste alba, e sobre ela a dalmática, peza propia do diácono. Como atributo xeral leva a palma de mártir, e o seu atributo particular propio é a grella, instrumento do seu martirio. O seu martirio ocorreu moi cedo na historia da Igrexa, polo cal moitas outras tradicións cristiás hónrano tamén.

Cada 10 de agosto, no Vaticano exponse un relicario que contén unha cabeza queimada ―que se supón de san Lourenzo―, para recibir veneración. Na Comunidade de Madrid atópase o Mosteiro de San Lorenzo del Escorial, construído por Filipe II para conmemorar a vitoria de San Quintín o 10 de agosto de 1557, agradecéndolla á intercesión ante Deus do mártir san Lourenzo.

Para iso, fixo construír o mosteiro con forma de grella, por ser o instrumento do seu martirio. San Lourenzo aparece no Decamerón (de Giovanni Boccaccio) no conto 6. 10, onde un frade utiliza a veneración do santo para escapar dunha situación embarazosa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Tal la aseveración de Louis Duchesne, filólogo e historiador crítico del cristianismo, en: Duchesne, Louis (1886). Liber Pontificalis 25, vol. 1. París: E. Thorin. pp. 155–156. 
  2. 2,0 2,1 Susi, Eugenio (2000). "Lorenzo". En Leonardi, C.; Riccardi, A.; Zarri, G. Diccionario de los Santos, Volume 2. Madrid: San Pablo. pp. 1482–1484. ISBN 84-285-2259-6. 
  3. Guidi, Pietro (1950). "Coemeterium Cyriacae o coemeterium S. Laurentii". Rivista de Archeologia Cristiana 26: 163–168. 
  4. Sermo 302, de Sancto Laurentio.
  5. Mateu y Sanz, Lorenzo: «Vida y martirio del glorioso español San Lorenço... sacados de vnos antiquissimos escritos del celebrado Abad Donato», edición de 1710.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]