Coiraceiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coiraceiro francés de 1809.

Un coiraceiro era un cabaleiro militar pesadamente equipado e armado con sabre. Recibía este nome por ter o torso protexido por unha coiraza.[1]

A primeira mención do termo coiraceiros remóntase a 1484, en referencia a unha unidade de cabalería austríaca dun cento de homes que servían no seo do exército do emperador Maximiliano I. A partir de aí, unidades de coiraceiros formaron corpos de cabalaría pesada nos exércitos europeos.

En Francia, país no que desempeñaron importantes accións bélicas, os primeiros coiraceiros fixeron a súa aparición en 1665. Particularmente famosos foron os rexementos de coiraceiros franceses (cuirassiers, en francés) que interviñeron durante as Guerras napoleónicas en case todos os teatros de operacións.

Historia[editar | editar a fonte]

Coiraceiro do exército de Napoleón Bonaparte
(recreación histórica).
Coiraza e casco da cabalaría francesa, 1854.

Na Idade Antiga, os romanos non usaron moito a cabalaría.

Foron os carolinxios, na Alta Idade Media, os que populariaron a cabalaría pesada con armadura. Despois de Carlomagno, a gran maioría dos cabaleiros de Europa comezaron a usar armaduras de maneira habitual.

Durante os últimos anos da Idade Media, durante o reinado de Francisco I, os franceses equiparon aos seus reputados cabaleiros (que xa desempeñaran un importante papel na Guerra dos Cen Anos) con armaduras pesadas para evitar as picas e os espadazos, e así foi como xurdieron os xendarmes franceses. Estes cabaleiros participaron nas Guerras de Italia e foron utilizados (con pouco éxito, por outra parte) na Batalla de Pavia, en 1525.

Durante os séculos XVI e XVII, coraceiros e xendarmes seguiron batallando nos campos das guerras de Flandres, a Guerra dos Trinta Anos e nas campañas dos suecos de 1700-1721 (Gran Guerra do Norte).

Durante os últimos anos do século XVIII, a coiraza foi deixando de ser usada nos corpos de cabalaría dos exércitos, chegando case a desaparecer. Pero Napoleón Bonaparte reintroduciu a coiraza na cabalaría, creando de novo xinetes coiraceiros. Durante as Guerras napoleónicas os rexementos de coiraceiros estiveron presentes na batalla de Austerlitz (1805), na invasión de Prusia e na batalla de Friedland (1807), na Guerra da Independencia española (1808), na invasión de Rusia en 1812 e, finalmente, na batalla de Waterloo (1815), onde cargaron sen éxito contra as formacións en cadro británicas.

Os últimos coiraceiros activos foron os Coiraceiros de Tulancingo, en México que serviron durante a guerra contra os Estados Unidos (1845–1848) e a intervención francesa (1862–1867). Finalizada esta última, foron retirados do servizo.

Estratexias[editar | editar a fonte]

Durante a Idade Media, a cabalaría de coiraceiros era unha arma case insuperábel, capaz de cargar de fronte contra case calquera infantaría. No século XIV os cabaleiros franceses tiveron un forte rival nos arqueiros de tiro longo ingleses, que lograban derribalos cando aínda estaban ao trote.

París, agosto de 1914. A coiraza era cerimonial desde finais do século XIX.

Outro obstáculo para a superioridade até aquela indiscutíbel foron as picas longas que reinventaron os suízos (e que desenvolveron os españois no exército dos Terzos de Flandres) e os escoceses (que loitaban contra a cabalaría inglesa).

A partir de entón houbo unha necesidade de encontrar os flancos e a retagarda do contrincante, antes de que formara en cadro (como fixeron os coiraceiros franceses na batalla de Tudela).

Durante o final do século XVIII e o inicio do XIX, os coiraceiros cargaban contra as filas da infantaría inimiga, provocando a ruptura das filas de fusileiros e o combate corpo a corpo. As coirazas dos coiraceiros resistían facilmente os impactos das baionetas e as espadas dos inimigos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. coiraza, 1ª acep. Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Chauviré, Frédéric (2007): "Le problème de l’allure dans les charges de cavalerie du XVIe au XVIIIe siècle", Revue historique des armées, 249 pp. 16–27. Ver en liña.
  • Lapray, Olivier & André Jouineau (2011): Officiers et soldats des cuirassiers 1800-1815. Histoire & Collections. Colección: Officiers et soldats. ISBN 978-2352501251.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]