Club Xuventude Baloncesto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xuven Cambados
Información xeral
Liga 1ª División
Fundación 1978
Historia Club Xuventude Baloncesto
(dende 1978)
Cores           Negro, amarelo
Adestrador Manuel Santos Nores[1]
Localización
Cidade Galicia Cambados
Pavillón Pavillón Municipal do Pombal
www.xuven.com

O Club Xuventude Baloncesto é un club de baloncesto galego da localidade pontevedresa de Cambados que milita na 1ª División Nacional, a quinta categoría do baloncesto español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

No ano 1976, Jorge Castiñeiras e Ramiro Vidal viaxan ás Illas Canarias para visitar a Roberto Vidal, que está cumprindo o servizo militar. Propóñenlle a creación dun club de baloncesto e acordan que Roberto sexa o presidente. Foi o inicio dunha historia que perdura e que permitiu a moitos rapaces da vila practicaren un deporte de alza.

En 1973, comeza a actividade xuvenil arredor do edificio da Xuventude TAC. Xa non se celebraban festivais no vello salón de actos, e o patio de butacas foi habilitado para xogar o baloncesto. Aquel foi o verdadeiro antecedente do Xuventude. Celébranse varias ligas ao ano. Os equipos confeccionábanse por sistema de sorteo (o que os americanos chaman DRAFT). Produto desta actividade, creouse unha especie de selección que xogou algún partido no Instituto Ramón Cabanillas ou na Rúa Nova, durante as Festas do Albariño, ou na Alameda de Santo Tomé, pola Festa da Valvanera.

Mais curiosamente, o primeiro paso cara ás competicións oficiais tivo como protagonistas as rapazas.

En 1976, xurdiu a posibilidade de realizar un curso de adestrador en Vilagarcía. En 1977, o equipo xuvenil feminino xa competía, mais extraoficialmente. Foi en 1978 cando se produciu a participación nas competicións oficiais daquel equipo feminino e outro xuvenil masculino.

A primeira directiva do club estaba presidida por Roberto Vidal Daporta, e formada por Ramiro Vidal, Jorge Castiñeiras, Eduardo Charlín, Egidio Varela, José Luis Oubiña “Sanchis”, José Martínez “Cubeiro” e Joaquín Otero.

O escudo foi deseñado por un santiagués, Manuel Rico Suárez, ao que a xunta directiva, en agradecemento, nomeou “Socio de honra”. As camisetas foron sempre amarelas e o pantalón de cor negra. Os primeiros chándales foron de cor azul.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Penedo, Pablo (14 de xullo de 2015). "Miguel Ángel Hoyo es el nuevo entrenador del Xuven". La Voz de Galicia. Consultado o 8 de novembro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]