Certame de poesía erótica Illas Sisargas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Certame de poesía erótica Illas Sisargas é un certame poético organizado polo Concello de Malpica de Bergantiños e a Editorial Caldeirón desde 2006. Cunha dotación de 1000 euros á mellor obra inédita presentada en lingua galega, é o referente da poesía erótica en Galiza.

O certame[editar | editar a fonte]

O certame foi creado por Paco de Tano e Paco Souto,[1] quen se coñeceran de forma casual na taberna A Barquiña. Pronto publicaron dous libros e fixeron algún recital de poesía, ademais de fundar a editorial Caldeirón. Máis adiante decidiron, coa axuda do concello de Malpica, crear o certame de poesía erótica Illas Sisargas. O nome alude a un pequeno arquipélago de tres illas pertencentes ao concello de Malpica de Bergantiños, na Costa da Morte.

Bases[editar | editar a fonte]

(Bases do certame de 2017)

As bases[2] do último certame convocado foron as do XIII Premio de poesía erótica Illas Sisargas:

  1. Poderán optar ao premio todos os autores e autoras de calquera nacionalidade que presenten obras inéditas de temática erótica non premiadas con anterioridade e escritas en lingua galega.
  2. Os convocadores establecen un premio único de 1.000 € e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón. Entregarase ao/á gañador/a trinta exemplares da obra. O dereito de edición da obra resérvase por un prazo de dezaoito meses.
  3. As obras terán unha extensión inferior a seiscentos versos e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, tamaño DIN-A4, impresos por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados. Estarán identificadas por un título ou lema e acompañados dunha plica na que conste no seu exterior o título e/ou o lema e, no interior, o nome e apelidos do autor ou autora, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono. Deberán enviarse a: Concello de Malpica de Bergantiños, Avda. Emilio González López, 1, 15113-Malpica de Bergantiños indicando no sobre "XIII Premio de poesía erótica Illas Sisargas".
  4. O prazo de admisión de orixinais remata o día 30 de setembro de 2018
  5. O xurado estará composto por tres persoas: unha a proposta do Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, outra a proposta da Asociación Cultural Caldeirón e o gañador ou gañadora da edición inmediatamente anterior do certame ou, de non ser posible, outra persoa de relevancia no sistema literario. Actuará como Secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica ou, no seu defecto, quen designe a A.C. Caldeirón. A decisión do xurado é inapelable.
  6. As persoas participantes terán a obriga de comunicar á organización a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, a ser posible en sesión única, requiríndose a asistencia de dous dos seus membros. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O premio poderá ser declarado deserto ou compartido "ex-aequo" por varios autores e/ou autoras, se o xurado o estima oportuno. A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2018 e darase a coñecer no marco da Cea das Letras. A continuación, darase a coñecer a información aos medios de prensa.
  7. Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. As persoas interesadas poderán retirar as obras non premiadas nas oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, no mes seguinte ao fallo do xurado. A partir do día seguinte serán destruídas.
  8. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.

Participación[editar | editar a fonte]

Na edición número VII presentáronse un total de trece obras.[3]

Na edición número VIII o número total de obras presentadas foi quince.[4]

No certame IX foi o ano de maior participación con 24 obras presentadas.[5]

No certame XI o total de obras presentadas foron dezanove.[6]

O ano 2017 foi o segundo ano con maior participación, cun total de vinte e unha obras.[7]

Premio e premiados[editar | editar a fonte]

O premio é unha dotación económica de 1000 € máis a publicación da obra por parte da editorial Caldeirón. Pódense dar accésits e mencións de honra, aínda que non teñen dotación económica pero comportan a edición da obra.[2]

As obras dos autores premiados son as seguintes:

Edición Ano Autor Obra Motivación, recensión editorial ou crítica literaria
I 2006 Antonio García Teijeiro Arredor do teu corpo[8] Recensión editorial: «La erótica de la poesía llevada de la mano de la belleza y a través de un recorrido sensual por el cuerpo-símbolo de la amada. Símbolo del sosiego y del cobijo del poeta cuando se siente agredido por el mundo. Espacio mágico, reducto de tranquilidad que se convierte en el eje gravitatorio del mundo creado por el poeta y calibrado por el termómetro de sentimientos que buscan el placer».[9]
II 2007 Alberte Momán Baile Átha Cliath[8] Sen motivación nin recensión.
III 2008 Enma Pedreira Xoguetes póstumos[8] Crítica literaria: «Está dividido en catro partes, cada unha dedicada a unha estación, e ademais do contido erótico, o gran protagonista é o mar».[10]
IV 2009 Eli Ríos e Eduardo Estévez Rúa da cancela[8] Crítica literaria: «Un diálogo poético sobre o sentimento amoroso, así pois, no que unha voz en primeira persoa e outra en terceira van intercalando as súas visións adoptando, ao tempo, a forma poética e narrativa e abeirándose a espazos maioritariamente urbanos e contemporáneos. Unha proposta, en definitiva, a ter en conta no ámbito da poesía galega de arestora».[11]
V 2010 María Lado Amantes Motivación: «Maniféstase desde un ton confidencial, un deixarche as palabras no oído, desde unha proximidade que acende as pedras desde a frescura da picardía, ás veces tan explícita e outras veces é menos explícita mais non desaparece o ton confidencial e non lle resulta ao lector complicado atopala nunha expresión que sempre procura a naturalidade de escenarios domésticos ou coñecidos».[12]
VI 2011 Elvira Ribeiro Carnia Haikai[13] Crítica literaria:«O libro de Elvira Riveiro achégase ao  universo do erotismo ou da sensualidade  adoptando a estrutura amentada a través dun evidente esforzo de síntese e de concreción que se articula empregando  unha graduada que se segmenta cos diversos momentos do día nos que cómpre alimentar  o corpo, mais tamén o amor».[14]
VII 2012 Mercedes Leobalde Chamádeme Eva Motivación: «Un léxico claro, sinxelo, eficiente, un uso coidado da lingua e fermosas imaxes».[3]
VIII 2013 Ramón Neto Dominio público Motivación: «Un poemario dunha gran modernidade, variado, fresco e enxeñoso sen renunciar con todo a certas referencias culturais, cinéfilas e pictóricas- e dunha notable calidade literaria».[4]
IX 2014 Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán O episodio Motivación: «Unha proposta literaria “arriscada”».[5]
X 2015 Mário J. Herrero Valeiro A razón do perverso Motivación: «O libro é unha estrutura fechada que se entende perfectamente. O palimpsesto fica á interpretación de cada quen. Hai cousas evidentes, e cousas menos evidentes».[15]
XI 2016 Xavier Queipo O home invisíbel Motivación: «A perfeita estructura do libro con elementos recurrentes en formación de bucle. Así como o coidado uso da lingua a fornecer unha intensa e heterodoxa carga erótica».[6]
XII 2017 Andrea Nunes e María Rosendo Diáspora de amor balea Motivación: «Pola riqueza e fondura da súa expresión metafórica, que permite construír un libro de poesía amorosa cunha marcada e explícita vontade erótica».[7]
XIII 2018 Mario Regueira Marco Livorno Motivación: "É un sorprendente percorrido por relacións eróticas diversas e plurais, nun ton épico, case elexíaco"[16]
XIV 2019 Medos Romero Peixes que esvaraban ao unísono Motivación: "...unha visión plural do amor, apoiada na ambigüidade dun eu poético que consegue sobordar o tópico da parella de namorados para ofrecer interpretacións poliédricas e desinhibidas da paixón.”[17]
XV 2020 Charo Pita O cuarto de Jane Motivación: "...por ser un libro transgresor, pola súa beleza e pola frescura coa que se aborda o erotismo, sempre de forma directa, sen complexos, libre. (...) Poemario moi ben construído, radicalmente heterodoxo, protagonizado por mulleres e onde a poesía brilla na transparencia de cada verso.”[18]
XVI 2021 Andrea Fernández Maneiro Edénicas Motivación: "...polo seu sutil erotismo e a súa luz poética.”[19]
XVII 2022 Diana Kurich Feitas ao sisel Motivación: "...“pola súa estrutura orixinal desde a inspiración na cantiga popular que se ve substituída coa irrupción  dun rexistro culto que provoca unha rica ruptura do poema”[20]
XVIII 2023 Clara Vidal Masaxe con argán mal pronunciada "O xurado valora a obra no seu conxunto como un poemario de ausencia doce, onírico e altamente sensual, no que os versos frescos e curtos son dunha contundencia inequívoca"[21]

Na edición de 2007 o xurado acordou conceder un accésit á obra Baixo o sol de Mesina, de Lino Braxe. Ao ano seguinte, concedeuse un accésit á obra e alentar na túa rosa, de Paco Souto, na edición de 2013 acordouse un accésit para o libro Ode à Madison Ivy e outras cousas de meter, de Verónica Martínez Delgado, na edición de 2020 o xurado concedeu un accésit á obra rascamaceiras de Laura Ramos e na de 2022, á obra Corpo nómade de Teresa Ríos Noya.

Ao longo das dezasete edicións do certame (e tendo en conta os accésits) hai un total de catorce mulleres e nove homes na nómina de persoas gañadoras. Alberte Momán obtivo o concurso dúas veces e Verónica Martínez Delgado obtivo o accésit nun ano e foi gañadora ao ano seguinte; unha das edicións premiou unha obra escrita por un home e unha muller e outra, por dúas mulleres.

Homenaxe a Paco Souto[editar | editar a fonte]

Paco Souto

O XII foi en homenaxe a Paco Souto,[22] responsábel de Caldeirón e do concurso, que faleceu mentres mariscaba o ano anterior. Unha das propostas que se barallaron foi o cambio de nome do propio certame, mais Paco de Tano explicou que finalmente desestimouse “porque a fin de contas foi el o que lle puxo o nome de Illas Sisargas”. Do papel fundamental que xogou Paco Souto na historia do certame falou tamén o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e nese sentido considera que é preciso lembrar a súa figura.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Editorial Caldeirón". caldeiron.org. Consultado o 2020-02-02. 
  2. 2,0 2,1 "Bases do certame" (PDF). Asociación Cultural Caldeirón. 
  3. 3,0 3,1 "Mercedes Leobalde faise co VII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas | ::Axenda cultural AELG::". axendaaelg.gal. Consultado o 2018-05-21. 
  4. 4,0 4,1 "Fallado o VIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas | ::Axenda cultural AELG::". axendaaelg.gal. Consultado o 2018-05-21. 
  5. 5,0 5,1 "O episodio, de Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán, é a gañadora do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas | ::Axenda cultural AELG::". axendaaelg.gal. Consultado o 2018-05-21. 
  6. 6,0 6,1 "Xavier Queipo gaña o premio de poesía erótica Illas Sisargas con O Home Invisíbel | ::Axenda cultural AELG::". axendaaelg.gal. Consultado o 2018-05-21. 
  7. 7,0 7,1 "Andrea Nunes e María Rosendo gañan o premio Illas Sisargas de poesía erótica | ::Axenda cultural AELG::". axendaaelg.gal. Consultado o 2018-035-21. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 "Premio Illas Sisargas – Editorial Caldeirón". caldeiron.org. Consultado o 2018-03-21. 
  9. "Arredor do teu corpo - Antonio García Teijeiro". www.hakabooks.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2018. Consultado o 2018-04-06. 
  10. Internet, Acordar Comunicación en. "Vieiros: Galiza Hoxe - "Xoguetes Póstumos é curiosamente o libro menos erótico de todos os que escribín"". www.vieiros.com. Consultado o 2018-04-06. 
  11. "RÚA DA CANCELA, DE ELI RÍOS / EDUARDO ESTÉVEZ". Caderno da crítica. 2010-12-04. Consultado o 2018-04-06. 
  12. "Os Amantes de María Lado". Que pasa na costa. 2012-07-26. Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2018. Consultado o 2018-03-21. 
  13. "Elvira Riveiro gaña o Certame de poesía erótica Illas Sisargas con carnia haikai | ::Axenda cultural AELG::". axendaaelg.gal. Consultado o 2018-05-21. 
  14. "carnia haikai, de Elvira Riveiro". Caderno da crítica. 2013-02-28. Consultado o 2018-04-06. 
  15. "Mário Herrero gaña o X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas | ::Axenda cultural AELG::". axendaaelg.gal. Consultado o 2018-05-21. 
  16. Galiza, Sermos. "Mario Regueira gaña o Illas Sisargas de poesía cun libro de “erotismo diverso e plural”". Sermos Galiza (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2019. Consultado o 2019-04-14. 
  17. Diario, Nós. "Erotismo contra a "soedade rotunda"". Nós Diario. Consultado o 2020-04-18. 
  18. AELG, Axenda. "Charo Pita obtén o premio do XV certame de Poesía Erótica Illas Sisargas con O cuarto de Jane"". 
  19. Gallego, Correo. "'Edénicas', de Andrea Fernández, gaña o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas"". 
  20. "Diana Kurich gana el 17º Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas". Diario de Bergantiños (en castelán). Consultado o 2022-11-07. 
  21. "Clara Vidal gaña o XVIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas". Que pasa na costa. 12 de novembro de 2023. 
  22. "O XII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas chega en homenaxe a Paco Souto". Que pasa na costa. 2017-05-23. Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2018. Consultado o 2018-03-21.