Saltar ao contido

Cefalea en acios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cefalea en acios
Aviso médico.
Aviso médico.
Atención! Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, consúltello ao médico.
Imaxe
 Instancia de
 Subclase de
 Causado por
Características
 Especialidade médica
Códigos e identificadores
Freebase/m/01t391 Editar o valor en Wikidata
MeSHD003027 Editar o valor en Wikidata
Thesaurus do NCIC117077 Editar o valor en Wikidata
CIAP-2N90 Editar o valor en Wikidata
DiseasesDB2850 Editar o valor en Wikidata
CIE-11760621151 Editar o valor en Wikidata
CIE-9339.00 Editar o valor en Wikidata
OMIM119915 Editar o valor en Wikidata
MedlinePlus000786 Editar o valor en Wikidata
eMedicine1142459 Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC2777942821 Editar o valor en Wikidata
KEGGH01588 Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

A cefalea en acios, tamén denominada cefalea de agrupamento ou en inglés, cluster headache, é unha cefalxia caracterizada por unha dor moi intensa e sempre unilateral, é dicir, só nunha das dúas metades da cabeza, sobre todo na rexión orbitaria. A cefalea en acios denomínase dese xeito porque aparece a brotes, isto é, xéranse unha ou varias crises ao día durante un período de tempo de entre 1 e 2 meses, para posteriormente remitir a dor durante períodos máis longos de tempo. A cefalea en acios é máis frecuente en homes ca en mulleres, ao contrario que na xaqueca[1]. Adoita debutar entre os 20 e os 50 anos, e está relacionada con doentes fumadores e consumidores de alcol. Non é hereditaria, mais aproximadamente un 10% dos doentes teñen antecedentes familiares. É considerada unha das doenzas quen de inducir ao suicidio, por mor da intensísima dor que provoca. O estudo desta cefalxia adoita realizarse nos servizos de neuroloxía.

Sintomatoloxía

[editar | editar a fonte]

Caracterízase por unha dor de cabeza unilateral[2] (sobre todo na rexión orbitaria), moi intensa, que típicamente aparece a intervalos regulares de entre 12 e 48 horas durante períodos de tempo determinados (habitualmente de 1 a 3 meses), desaparecendo o resto do ano. Porén, os períodos de actividade e os períodos de remisión poden varias segundo a persoa, o sexo e a idade: hai doentes que a padecen de xeito crónico durante o ano todo, e hainos que teñen períodos de remisión máis prolongados, de até catro anos. É frecuente que apareza durante o sono nocturno (na fase REM) ou pola mañá ao acordar, e adoita aparecer case que sempre ás mesmas horas do día. Na meirande parte dos casos, a cefalea acompáñase de lacrimación e rinorrea acuosa (caída de pingas polo nariz) e poden, como as outras cefalxias, acompañarse de fotofobia, sonofobia, edema palpebral, suoración na cara, miose, ptose palpebral e náuseas, aínda que, contrariamente á xaqueca, non cursan con alteracións visuales nin outros síntomas neurolóxicos que habitualmente compoñen o aura da xaqueca. Ao contrario que todas as demais cefaleas, a cefalea en acios adoita acompañarse de axitación (inquedanza psicomotriz). A literatura médica describe a dor coma o máis intenso que un ser humano pode sufrir sen perder a consciencia. É, polo tanto, unha doenza grandemente incapacitante, xa que impide ao paciente realizar calquera actividade mentres estean presentes os ataques (que teñen unha duración entre media hora e 3 horas). Ademais deixa secuelas coma o esgotamento ou a depresión. É un importante factor de risco para o suicidio. A cefalea en acios aparece bruscamente entre a adolescencia e os 50 anos, e desaparece bruscamente cando o paciente chega arredor dos 70 anos. Non se coñecen as causas, mais semella estar relacionado cos ritmos circadiáns e algunhas interaccións do hipotálamo[3].

Diagnóstico

[editar | editar a fonte]

O diagnóstico da cefalea en acios é estritamente clínico. Non hai probas diagnósticas que establezan con certeza a doenza. As probas diagnósticas coma a TAC ou a resonancia só serven para descartar outras patoloxías. Así, a Clasificación Internacional de Cefaleas establece que para diagnosticar unha serie de criterios diagnósticos[4].

Criterio Características
APolo menos 5 ataques que satisfagan os criterios B-D.
BDor de intensidade severa ou moi severa, na rexión orbitaria, supraorbitaria e/ou temporal, cunha duración de 15 a 180 minutos sen tratamento.
CA cefalea está asociada a polo menos un dos seguintes signos, que han de estar presentes no mesmo lado da dor:
A. Lacrimación
B. Obstución nasal/Rinorrea
C. Edema palpebral
D. Suoración da cara ou fronte/miose/Ptose
E. Axitación psicomotriz
DA frecuencia dos ataque varía entre un ataque cada dous días e 8 ataques ao día.
EA dor e a sintomatoloxía non son atribuíbeis a outra doenza.

Tratamento

[editar | editar a fonte]

Nos doentes con cefalea en acios adoitan pasar anos antes de diagnosticárenlles a doenza correctamente, xa que habitualmente confúndense con xaquecas e outras cefalxias[5]. Medicamente, as cefaleas en acios son consideradas benignas, mais ao ser a dor tan intensa, un ataque severo trátase coma emerxencia médica. Os fármacos que se empregan habitualmente para tratar as cefaleas (AINEs e paracetamol) non melloran a dor nestes pacientes. O tratamento de elección nestes casos é o triptano, neuroléptico que tamén se emprega na xaqueca. Ademais, o osíxeno pode axudar a mellorar a dor durante as crises, polo que esta doenza é un dos motivos de pautar oxixenoterapia domiciliaria[6]. Nos períodos onde non hai crises, o que se procura e alongar o máximo posíbel os períodos sen crises. Para iso, emprégase bloqueantes dos canais de calcio coma o verapamilo, corticoides e, nos caos onde este tratamento non funcione, o litio.

  1. Migraine Headache Treatment Clinics, Chicago Migraine Specialists Arquivado 02 de decembro de 2009 en Wayback Machine. (en inglés)
  2. Beck E, Sieber WJ, Trejo R (2005). "Management of cluster headache". Am Fam Physician 71 (4): 717–24. PMID 15742909. Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2008. (en inglés)
  3. Cefaleas e alxias craneofaciais. J.J. Zarranz, Neuroloxía, 4º Edición
  4. The International Classification Of Headache Disorders, Cephalalgia 2004 Volume 24 Supplement 1: 1-160
  5. "Vast Majority of Cluster Headache Patients Are Initially Misdiagnosed, Dutch Researchers Report". World Headache Alliance. 2003-08-21. Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2007. Consultado o 2006-10-08. (en inglés)
  6. May A, Leone M, Afra J, Linde M, Sándor P, Evers S, Goadsby P (2006). "EFNS guidelines on the treatment of cluster headache and other trigeminal-autonomic cephalalgias" (PDF). Eur J Neurol (en inglés) 13 (10): 1066–77. PMID 16987158. doi:10.1111/j.1468-1331.2006.01566.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de xaneiro de 2013. Consultado o 16 de febreiro de 2013.