Casa da Moeda de Finlandia
Casa da Moeda de Finlandia | |
---|---|
Antigo edificio da Casa da Moeda de Finlandia | |
Tipo | Sociedade pública de responsabilidade limitada. |
Fundación | 19 de abril de 1860 |
Localización | Vantaa Finlandia. |
Fundador | Alexandre II de Rusia. |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas e medallas. |
Na rede | |
https://rahapaja.fi | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Casa da Moeda de Finlandia (en finés: Suomen Rahapaja; en sueco: Myntverket i Finland) é a ceca nacional de Finlandia.
Historia
[editar | editar a fonte]A Casa da Moeda foi establecida por decisión de Alexandre II de Rusia o 19 de abril de 1860 cando o marco (markka) se converteu na moeda oficial do Gran Ducado de Finlandia, e a produción das moedas do novo sistema comezou o 15 de outubro de 1864.[1] A ceca situouse inicialmente no distrito Katajanokka, en Helsinqui, e en 1988 abríronse unhas novas instalacións en Vantaa.[2]
En 1878 cuñáronse as primeiras moedas de ouro, con valores faciais de 10 e de 20 marcos, logo de que Finlandia asumira o padrón ouro.[2]
En 1918, ao acadar o país a súa independencia da Rusia bolxevique, substituíu a tradicional aguia bicéfala que caracterizaba as súas moedas pola figura dun león, símbolo do novo estado, e as follas de carballo deron paso ás espigas de millo e ás pólas de abeto, como representación da economía finlandesa.[2]
En 1951, a Casa da Moeda de Finlandia cuñou a súa primeira moeda conmemorativa, con motivo dos Xogos Olímpicos de 1952 en Helsinqui; esta foi a primeira moeda de tema olímpico emitida no mundo e abriu a porta a unha gran cantidade de emisións conmemorativas posteriores na ceca finlandesa.[1][2][3] Un cambio significativo na produción da ceca veu dado en 1998, ao se incorporar á produción da nova moeda europea: o euro. Os traballos comezaron ese mesmo ano e as primeiras moedas cuñáronse con data de 1999, aínda que, como no resto da Eurozona, non se puxeron en circulación ata 2002.[2]
A Casa da Moeda de Finlandia foi un establecemento dependente directamente do estado ata 1993, cando pasou a constituírse nunha sociedade pública de responsabilidade limitada. En 2001 adquiriulle a Real Casa da Moeda de Suecia ao Banco Central de Suecia e en 2003 adquiriu a metade das accións da Real Casa da Moeda de Noruega, aínda que, finalmente, en 2015 a compañía Samlerhuset adquiriulle á ceca finlandesa a súa participación na norueguesa.[2]
Ademais das moedas de curso legal no seu país, a Casa da Moeda de Finlandia produce tamén moedas para diversos países como Estonia, Grecia, Luxemburgo, Eslovenia, Chipre, Irlanda, Nicaragua, Honduras e Colombia, así como todas as moedas suecas con valor facial en coroas a partir de 2008.[1][4][5] De feito, as exportacións supoñen o 95 % da facturación da compañía en 2017.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Mint of Finland’s story". Mint of Finland.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "The History of Mint of Finland". Mint of Finland.
- ↑ "500 Markkaa Olympic Games". Numista.
- ↑ "Minting of Estonia’s Euro Coins Begins in Finland". En Yle. 20 de xullo de 2010.
- ↑ "Finskt myntverk ska sätta prägel på svenska kronan". En Dagens Nyheter. 2 de novembro de 2007
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa da Moeda de Finlandia |