Carlos de la Torre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Carlos de la Torre
Nacemento18 de maio de 1966
Lugar de nacementoMarín
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónatleta
IrmánsElisardo de la Torre Allariz
Na rede
IAAF: 644 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

 

Carlos de la Torre Allariz, nado en Marín o 18 de maio de 1966, é un ex-atleta galego, que estaba especializado en probas de longa distancia. Foi campión de España dos 10 000 metros e competiu nos Xogos Olímpicos de 1992 e 1996, participando nestes últimos tamén o seu irmán Elisardo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Marín, nunha familia de atletas, pois tres dos catro irmáns practicaron o atletismo: Carlos, Elisardo e Daniel.[1] Militou no Club Atletismo San Miguel de Oia, e en 1988 proclamouse campión galego dos 10.000 metros, título que revalidou ao ano seguinte.[2] En 1990 proclamouse campión de España de 10.000 metros, cun tempo de 28'50"91, sucedendo no palmarés ao tamén galego Alejandro Gómez.[3] Ese mesmo ano gañou a medalla de bronce nos Campionatos Iberoamericanos de Manaus, onde cruzou a meta por detrás do arxentino Antonio Silio e do español Juan Carlos Paúl.[1] En 1992 foi subcampión de España, por detrás de Antonio Prieto e por diante de José Carlos Adán,[3] e participou por primeira vez no Campionato Mundial de Campo a Través, en Boston, onde acabou no posto 37º.[4]

Ese mesmo ano disputou os seus primeiros Xogos Olímpicos, os de Barcelona 1992. O seu rendemento foi peor do esperado, pois correu a súa serie no Estadio Olímpico de Montjuïc en 28'55"47, o seu peor rexistro do ano, entrando na meta no posto 15º e polo tanto sen poder clasificarse para a final na que o ouro foi para Khalid Skah.[5] En 1994 participou no Campionato de Europa en Helsinqui, onde conseguiu un oitavo posto en 10 000,[6] e tamén no Mundial de Campo a Través de Budapest, rematando 27º.[7] Ademais foi subcampión de España de campo a través, sendo superado só por José Carlos Adán.[1]

Foi campión galego dos 5 000 metros en 1994 e 1995, e en 1996 acadou o seu segundo subcampionato de España dos 10 000, por detrás de Alejandro Gómez e por diante de Abel Antón, conseguindo a súa mellor marca persoal, cun tempo de 27'49"17.[3] Participou nos Xogos Olímpicos de 1996 en Atlanta, nos que competiu tamén o seu irmán Elisardo, converténdose así na segunda parella de irmańs galegos en participar nuns Xogos, despois de que en Barcelona o fixesen os xemelgos Leopoldo e Jesús Centeno.[8] Conseguiu desta vez o pase á final, grazas a un tempo de 28'04"14 na súa serie. A final que coroou a Haile Gebrselassie como campión olímpico, estivo dominada polos atletas africanos, que ocuparon as oito primeiras prazas, rematando Carlos de la Torre no posto 14º, cun tempo de 28'32"11.[9] Dous meses despois dos Xogos participou no Campionato Mundial de Media Maratón en Palma, onde cruzou a meta na cuarta posición cun tempo de 1h02'03", só por detrás de Stefano Baldini, Josephat Kiprono e Tendai Chimusasa. Conseguiu a prata por equipos por detrás de Italia, xunto a Alejandro Gómez (8º) e José Manuel García (23º).[10]

En 1997 dispúxose a afrontar os Mundiais de Campo a Través, Atletismo e Media Maratón. No primeiro deles, disputado en marzo en Turín, non puido efectuar a saída por problemas físicos antes da proba. En agosto, nos Mundiais de Atletismo de Atenas correu a súa serie en 28'20"50, quedando e menos de medio segundo de meterse na final que gañaría Gebrselassie.[11] En outubro participou no Mundial de Media Maratón en Košice, onde non puido repetir o bo resultado do ano anterior, acabando desta vez 32º.[12] Ademais foi terceiro nos 10 000 metros do Campionato de España, superado só por Julio Rey e Alberto Juzdado.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Navaza, Emilio (16 de novembro de 2017). "Carlos de la Torre". Vida Atlética de Galicia (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2021. 
  2. "Campións de Galicia de Atletismo" (PDF). atletismo.gal. Consultado o 21 de setembro de 2021. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Campionatos de España de 10.000 metros" (PDF). Real Federación Española de Atletismo (en castelán). Consultado o 21 de setembro de 2021. 
  4. "Resultados do Campionato Mundial de Campo a Través de 1992" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de outubrode 2007. Consultado o 22 de setembro de 2021. 
  5. "10 000 metros nos Xogos Olímpicos de 1992". sports-reference.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2020. Consultado o 22 de setembro de 2021. 
  6. "Resultados do Campionato de Europa de 1994" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 4 de setembro de 2009. Consultado o 22 de setembro de 2021. 
  7. "Resultados do Campionato Mundial de Campo a Través de 1994" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2007. Consultado o 22 de setembro de 2021. 
  8. "Sangre olímpica". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de agosto de 2021. Consultado o 22 de setembro de 2021. 
  9. "10 000 metros nos Xogos Olímpicos de 1996". sports-reference.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2020. Consultado o 22 de setembro de 2021. 
  10. "Resultados Campionatos Mundiais de Media Maratón" (PDF) (en inglés). Consultado o 22 de setembro de 2021. 
  11. "Resultados do Mundial de Atletismo de 1997 (10 000 m)". todor66.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 3 de marzo de 2016. Consultado o 22 de setembro de 2021. 
  12. "Resultados do Campionato Mundial de Media Maratón de 1997". iaaf.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2013. Consultado o 22 de setembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]