Cantroxo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cantroxo
Lavandula stoechas subsp. stoechas
Lavandula stoechas subsp. stoechas
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Spermatophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Asteridae
Orde: Lamiales
Familia: Lamiaceae
Subfamilia: Nepetoideae
Tribo: Lavanduleae
Xénero: Lavandula
Sección: Stoechas
Especie: L. stoechas
Nome binomial
'Lavandula stoechas'
Lam.

O cantroxo[1][2] (Lavandula stoechas) é unha planta aromática do xénero Lavandula (as lavandas), de até un metro de altura da familia das lamiáceas.

Outros nomes comúns son arzaia[3], azaia[4] ou cantroxina[5].

Características[editar | editar a fonte]

Son matas de ata 1 m de altura, algunhas escasamente leñosas, pilosas en moitos dos seus órganos e con glándulas ricas en aceites esenciais que lle dan o aroma característico. Presentan follas de cor verde brancuxa, sésiles, opostas, simples, enteiras (co bordo revolto cara ao envés), dentadas ou pinnatífidas.

Florece en primavera. Posúen inflorescencias de tipo verticilastro [6], con 6-10 flores de cor morada, dispostas en pisos separados ao longo do eixe florífero ou nunha estrutura compacta, axilados por brácteas florais e formando unha especie de espiga terminal. As flores son pequenas, cun cáliz tubular, case actinomorfo[7], con 5 sépalos con cadanseu dente curtos e un apéndice oblongo ou romboidal na parte superior. A corola é bilabiada, co labio superior recto, ergueito, formado por dous lóbulos; o labio inferior é trilobado. Posúen catro estames, didínamos[8] e o ovario dividido en catro partes. O froito preséntase en tetranúcula[9].

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Está presente nos países da área mediterránea até altitudes de 1.000 metros. Prefire zonas asolladas e é frecuente nas costas, onde chega a formar parte da vexetación dunar.

En España tamén están presentes a L. lanata (propia de Andalucía e Murcia), a L.angustifolia[10] (en Cataluña, Valencia, Aragón e País Vasco), a L. latifolia [11] (en Cataluña, Levante Andalucía e, máis dispersa, nas dúas Castelas) e a L. pedunculata (propia da metade occidental da península pero tamén presente noutras áreas, mesmo Galicia ou Portugal).

En Galiza danse dúas subespecies, a L. stoechas stoechas, que se recoñece polo pedúnculo floral de 1–3 cm, o penacho de brácteas sobre a espiga curto e as follas obtusas; e a subespecie L. stoechas sampaiana, cun longo pedúnculo de 10–20 cm, penacho longo (tanto como a propia espiga) e follas agudas. A primeira é a común nas zonas costeiras de Pontevedra, A Coruña e Lugo, e a segunda pode observarse no norte da provincia de Ourense e sur da de Lugo.

Uso como planta aromática e medicinal[editar | editar a fonte]

Xa os asirios, exipcios, gregos e romanos utilizaban a lavanda para perfumar casas e baños. Aínda na actualidade se queima a semente nas casas coa mesma fin. Unha posible etimoloxía fai derivar o nome de lavare, destinado ao baño, polo uso común nas termas romanas. A auga de lavanda é moi común en perfumería, o que explica a extensión do cultivo agrícola desta planta.

Na terapéutica popular utilízase contra a asma, a tose, e como tónico e calmante nervioso; por vía externa como antiséptico e antipútrido. O uso medicinal da lavanda débese aos efectos tónicos, dixestivos e espasmolíticos do aceite esencial que posúen. Utilízanse a tal fin as sumidades florais, é dicir, as espigas de flores ou os gromos florais ou, ocasionalmente, as follas e os talos novos.

Para as dores de estómago usábanse unturas de lavanda, ruda e macela fritidas en manteiga de porco.

O alcohol de lavanda (as flores maceradas en alcohol) úsase para lavar e desinfectar feridas.

Tamén se usou na veterinaria tradicional, en cataplasmas para golpes e escordaduras, ou en infusión para estimular o movemento intestinal (como no caso da inapetencia, meteorismo ou cólicos). Nas feridas, a esencia de lavanda acelera a cicatrización e era utilizada polos ferradores tanto para as feridas e gretas dos cascos como para as infeccións por cravos mal colocados.

Finalmente, Lis Quibén recolle en Cangas (Pontevedra) a práctica que queimar flores de lavanda para esconxurar unha casa e protexela do meigallo. Para iso poñen nunha tella un pouco de romeu, lavanda, loureiro "que mire ó mar" e tres dentes de allo, un en cada extremo da tella e o outro no medio. Despois, queiman todo iso, coas ventás pechadas, e rematan tocando tódalas paredes cunha póla de oliveira, levando a tella na outra man e recitando un ensalmo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cantroxo.
  2. Nome vulgar galego en varias fontes: Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000; Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004
  3. Nome vulgar galego en varias fontes:Termos esenciais de botánica, páx. 28, Universidade de Santiago de Compostela, 2004; Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000.
  4. Nome vulgar galego en Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (A-C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cantroxina.
  6. Falsos verticilos.
  7. Tipo de flor con dous ou máis planos de simetría; equivale a unha flor con simetría radial (multilateral).
  8. Dous estames máis longos e os outros dous máis curtos.
  9. Froito seco e indehiscente que procede dun xineceo bicarpelar e que, ó madurar, forma catro unidades dunha soa semente cada unha.
  10. Cast. Espliego.
  11. Cast. Alhucema.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • FONT QUER, Pío (1961): Plantas medicinales. El Dioscórides renovado. Ed. Labor, Barcelona.
  • GARCÍA SANZ, Ángel (1993): Las plantas curadoras en el Camino de Santiago comunes al hombre y al ganado. Deputación Provincial de Lugo.
  • LIS QUIBÉN, Víctor (1949): La medicina popular en Galicia. Madrid. Reed. Akal, Madrid 1980.
  • RIGUEIRO RODRÍGUEZ, A. e outros (1996): Guía de plantas medicinais de Galicia. Galaxia, Vigo.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]