Cantigas de Santa María

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cantigas de Santa María
OrixeCoroa de Castela
Lingualingua galega
Xénero(s)cantiga
editar datos en Wikidata ]

Ilustración dun dos códices das Cantigas de Santa María.

As Cantigas de Santa María son un conxunto de catrocentas vinte e sete composicións en galego-portugués, que no século XIII era a lingua fundamental da lírica culta en Castela.[1] Atópanse repartidas en catro manuscritos, un deles na Biblioteca Nacional en Madrid (códice To, por Toledo), dous en San Lorenzo de El Escorial (códices E e T) e o cuarto en Florencia (códice F). A colección mariana data de entre os anos 1270 e 1283. A obra conxuga o marioloxio, é dicir, o devezo de configurar unha auténtica compilación dos milagres marianos, coa proxección político-cultural. O rei procurou tanto o carácter enciclopédico da súa obra como que esta se convertese nun traballo de referencia en todo o espazo peninsular e máis aló dos límites deste, adquirindo, deste xeito, un prestixio internacional.[a]

Autoría[editar | editar a fonte]

Afonso X coa súa corte poético-musical.

A cuestión da autoría non está resolta aínda. Existen dúbidas sobre a autoría directa de Afonso X o Sabio (1221-1284), rei dende 1252, pero ninguén dubida da súa participación directa como compositor en bastantes delas. W. Mettmann, autor dunha edición crítica dos textos das cantigas, cre que ao poeta e trobador galego Airas Nunes se poden atribuír moitas delas. Para un gran número de expertos, o rei, se ben pode ser o autor directo dunha certa cantidade de textos, operaría no conxunto da obra ao xeito dun arquitecto, director de todo o traballo. Porén, outros analistas consideran que Afonso X ben puido levar adiante el só todo o labor de composición, o que non descarta a presenza dun amplo grupo de colaboradores que reunisen materiais para o monarca[2]. En todo caso, e dado que é visíbel nun bo número destas composicións —Jesús Montoya, Xosé Ramón Pena...— un afán propagandístico por parte de Afonso X, a participación do monarca tivo que ser sempre moi activa.

Fontes[editar | editar a fonte]

Afonso X botou man de todo tipo de materiais para a elaboración do seu proxecto enciclopédico sobre o mundo mariano, dos que cabe destacar un amplo conxunto de lendas e tradicións (mariais latinos medievais, coleccións marianas en linguas romances, coleccións de santuarios peninsulares a mais coleccións locais estranxeiras). A todos eles xuntou aínda o rei cantigas autobiográficas que inclúen lembranzas de infancia e vivencias persoais, dentro da mesma intención compilatoria do conxunto[3].

Códices[editar | editar a fonte]

Transcrición da cantiga nº 100 á notación moderna.

As Cantigas de Santa María están recollidas en catro códices, que expoñemos a seguir:

  • Códice de Toledo (To): recibe este nome porque pertenceu á catedral de Toledo, pese a que está custodiado na Biblioteca Nacional de Madrid desde 1869, logo da desamortización. Ten 160 folios de pergameo, con letra gótica francesa a dúas columnas con iniciais decoradas con filigranas, alternando tinta de cor negra, encarnada e azul. Foi feito despois de 1264 pois fai mención ás conquistas de Jerez, Medina e Alcalá. Contén 128 cantigas, e non ten ilustracións, mais si notación musical completa.
  • Códice rico (T): actualmente pertence á Biblioteca do Escorial. Inclúe 193 composicións, posuíndo notación musical e 1.264 miniaturas que lle dan importancia iconográfica.
  • Escurialense (E): denominado «códice dos músicos», tamén pertence á Biblioteca do Escorial á vez que posúe notación musical e 40 miniaturas. Alberga un total de 417 cantigas.
  • Florentino (F): permanece na Biblioteca Nacional de Florencia. Por ser o máis recente, ficou incompleto, debido á morte de Afonso X. Acolle 104 cantigas.

Clasificación[editar | editar a fonte]

A obra está constituída por 420 cantos, onde 320 referidos aos milagres da Virxe María e diversos santuarios europeos. Séguenlles 43 cancións líricas de loor á Virxe, 12 conmemoracións de festas marianas e 5 de festas de Noso Señor. O conxunto posúe un prólogo e mais un epílogo escritos en verso polo propio Afonso X[4].

Cantigas narrativas[editar | editar a fonte]

O primeiro apartado fórmano as cantigas da nosa Señora, cantigas narrativas con loanzas á Virxe Santa María e que son un verdadeiro compendio de historias, milagres, xogos etc. relacionados coa Virxe, ben sexa pola súa intervención directa ou polos amores místicos que a súa figura xera nas almas piadosas. Tan só a participación milagreira da Virxe consegue resolver satisfactoriamente a conxuntura, polo que a cantiga remata sempre con agradecementos e gabanzas á figura de Santa María. A estrutura destes textos corresponde ao esquema:

  • Limiar sobre o milagre que vai ser relatado, seguido dunha máxima que logo se repetirá ao final de cada estrofa a xeito de refrán.
  • Relato do milagre.
  • Conclusión moral.

Cantigas líricas[editar | editar a fonte]

O segundo grupo son as cantigas líricas que decorren por dúas vías esenciais: unha que segue o modelo das cantigas de amor e outro que provén de inspiración litúrxica.

  • O primeiro conxunto, formado polas cantigas de loor, segue, daquela, o modelo da cantiga de amor trobadoresca. Estas composicións teñen un número máis reducido xa que aparecen intercaladas entre cada nove cantigas, ocupando os números 1, 10, 20, 30... Trátase de poemas máis serios, líricos, profundos, case místicos, nos cales, no canto de cantar os milagres da Virxe, reflíctense sobre ela, como nunha oración. Adoito aparece o «rei trobador» diante da Virxe María, nunha postura de humildade, gabando as súas calidades e ofrecéndolle a súa devoción reiterando a súa decisión de converterse en trobador da Virxe[5].
  • Porén, a meirande parte das cantigas de loor conectan de xeito directo coa pregaria do culto á Virxe na tradición cristiá. En consecuencia, están compostas en forma de himnos, oracións e gabanzas á figura de María.

Temática[editar | editar a fonte]

Representación dunha gabanza á Virxe.

Polo que respecta á temática, a obra amosa unha ampla variedade:

  • Milagres que loan a figura de María como auxiliadora dos seus devotos, sandadora dos doentes ou consolo dos que sofren algunha mágoa.
  • Milagres que critican pecados e costumes deshonestos.
  • Milagres a prol de santuarios marianos.
  • Cantigas que mencionan as festas dedicadas a María.
  • Cantigas arredor dos misterios máis significativos do cristianismo.

Existen un certo número de composicións que manifestan xunto á intencionalidade relixiosa, outra de aberto carácter político-propagandístico: así ocorre con todo un minicilo que amosa milagres acontecidos na actual provincia de Cádiz, territorio de especial valor estratéxico nos proxectos do rei, quen empregaba a figura da Virxe para xustificar determinadas actuacións[3].

Orixe e lingua[editar | editar a fonte]

Cantiga de Santa María 160.

A devoción mariana estaba en auxe nese século e frades, clérigos e cabaleiros en xeral participaban dela. O rei alentaba nas súas cantigas a poetas e xograres para que dedicasen os seus esforzos e inspiracións á Santa Dama.

Tocando o laúde.

A lingua das cantigas marianas abandona os esquemas da lírica profana, con paralelismos e dobres, e ofrece unha lingua máis coloquial, con frases e refráns que aínda sobreviven na lingua galega actual, e con menos provenzalismos presentes nas cantigas amorosas.

Fronte ao resto das cantigas, a medida dos versos é moi variada e oscila entre as catro e as dezaseis sílabas. Aparecen irregularidades rítmicas que se axustan, con todo, ás estruturas musicais. Nelas áchase maior variedade de rexistros e riqueza léxica. Aparecen estranxeirismos occitanos, franceses e casteláns.

As Cantigas de Santa María son unha das coleccións de miniaturas máis ricas de todo o medievo, e un documento moi útil para coñecermos a vida cotiá da época, desde o vestiario até os instrumentos.

Como manuscrito iluminado, quíxose ver nas Cantigas de Santa María a primeira historieta da Península Ibérica e un dos primeiros exemplos da banda deseñada no Occidente, anticipando recursos de sintaxe da imaxe como raccords de espazo e tempo que tardarían sete séculos en volver a desenvolverse.

Cantiga[editar | editar a fonte]

A continuación imos ver un extracto de tres cantigas en galego-portugués medieval (á esquerda), e tamén vemos a súa adaptación ás linguas fillas, o galego actual (centro) e o portugués (á dereita):

De quanto ali trouxera,
pois viu que assi estavan catando-sse uu con outro
e que non se falavan, fillou todoo seu logo
e foi-ss'; e eles ficavan con mui gran pavor de morte.
Feito tan maravilloso Como o nome da Virgen
é aos bõos fremoso…


Qual é a santivigada ant' e depois que foi nada?
Madre de Deus, nostro Sennor
de Deus, nostro Sennor, Madre de nostro Salvador.
A qual diss' «Ave Maria» Gabriel e que seria
Madre de Deus, nostro Sennor...
Qual é a que sen mazela/pariu e ficou donzela?
Madre de Deus, nostro Sennor...
En qual per sa omildade / s' ensserrou a Trĩidade?
Madre de Deus, nostro Sennor...
Qual é a que sempre bõa foi e dos santos corõa?
Madre de Deus, nostro Sennor...
Qual é a que per seu siso nos fez aver paraiso?
Madre de Deus, nostro Sennor...


Rosa das rosas e Fror das frores,
Dona das donas, Sennor das sennores.
Rosa de beldad' e de parecer
e Fror d'alegria e de prazer,
Dona en mui piadosa ser
Sennor en toller coitas e doores.
Rosa das rosas e Fror das frores,
Dona das donas, Sennor das sennores.
Atal Sennor dev' ome muit' amar,
que de todo mal o pode guardar;
e pode-ll' os peccados perdõar,
que faz no mundo per maos sabores.
Rosa das rosas e Fror das frores,
Dona das donas, Sennor das sennores.
Devemo-la muit' amar e servir,
ca punna de nos guardar de falir;
 des i dos erros nos faz repentir,
que nos fazemos come peccadores.
Rosa das rosas e Fror das frores,
Dona das donas, Sennor das sennores.
Esta dona que tenno por Sennore
de que quero seer trobador,
se eu per ren poss' aver seu amor,
dou ao demo os outros amores.
Rosa das rosas e Fror das frores,
Dona das donas, Sennor das sennores.



Santa Maria, strela do dia,
mostra-nos via pera Deus e nos guia.
Ca veer faze-los errados
que perder foran per pecados
entender de que mui culpados
son; mais per ti son perdõados
da ousadia
que lles fazia
fazer folia
mais que non deveria.

Santa Maria, strela do dia,
mostra-nos via pera Deus e nos guia.

Amostrar-nos deves carreira
por gãar en toda maneira
a sen par luz e verdadeira
que tu dar-nos podes senlleira;
ca Deus a ti a
outorgaria
e a querria
por ti dar e daria.

De canto alí trouxera
pois viu que así estaban catándose un con outro
e que non se falaban, fillou todo o seu logo
e foise; e eles ficaban con moi gran pavor de morte.
Feito tan marabilloso Como o nome da Virxe
é aos bos fermoso...


Cal é a santificada antes e despois que foi nada?
Nai de Deus, o noso Señor
de Deus, o noso Señor, Nai do noso Salvador.
A cal dixo «Ave María» Gabriel e que sería
Nai de Deus, o noso Señor...
Cal é a que sen macela pariu e ficou doncela?
Nai de Deus, o noso Señor...
En cal pola súa humildade se encerrou a Trindade?
Nai de Deus, o noso Señor...
Cal é a que sempre boa foi e dos santos coroa?
Nai de Deus, o noso Señor...
Cal é a que por seu siso nos fixo ter paraíso?
Nai de Deus, o noso Señor...


Rosa das rosas e Flor das flores
Dona das donas, Señora das señoras.
Rosa de beldade e de parecer
e Flor de alegría e de pracer,
Dona en moi piadosa ser
Señora en toller coitas e dores.
Rosa das rosas e Flor das flores,
Dona das donas, Señora das señoras.
A tal Señora debe o home moito amar,
que de todo mal o pode gardar;
e pódelle os pecados perdoar,
que fai no mundo por malos sabores.
Rosa das rosas e Flor das flores,
Dona das donas, Señora das señoras.
Debémola moito amar e servir,
porque puña de nos gardar de fallar;
de aí dos erros nos fai arrepentir,
que nós facemos como pecadores.
Rosa das rosas e Flor das flores,
Dona das donas, Señora das señoras.
Esta dona que teño por Señora
de que quero ser trobador,
se eu porén podo ter (haber) o seu amor,
dou ao demo os outros amores.
Rosa das rosas e Flor das flores,
Dona das donas, Señora das señoras.



Santa Maria, estrela do día,
móstranos vía para Deus e nos guía.
Porque ver facélos errados
que perder foran por pecados
entender de que moi culpables
son; mais por ti son perdoados
da ousadía
que lles facía
facer folía
máis que non deberia.

Santa Maria, estrela do día,
móstranos vía para Deus e nos guía.

Amostrarnos debes carreira
por gañar en toda maneira
a sem par luz e verdadeira
que tu darnos podes senlleira;
ca Deus a ti a
outorgaría
e a quería
por ti dar e daría.

De quanto ali trouxera,
pois viu que assim estavam catando-se um com outro
e que não se falavam, filhou todo o seu logo
e foi-se; e eles ficavam com muito grande pavor de morte.
Feito tão maravilhoso Como o nome da Virgem
é aos bons formoso…


Qual é a santificada antes e depois que foi nada?
Mãe de Deus, nosso Senhor
de Deus, nosso Senhor, Mãe de nosso Salvador.
A qual diss' «Ave Maria» Gabriel e que seria
Mãe de Deus, nosso Senhor...
Qual é a que sem mazela/pariu e ficou donzela?
Mãe de Deus, nosso Senhor...
Em qual por sua humildade se encerrou a Trindade?
Mãe de Deus, nosso Senhor...
Qual é a que sempre boa foi e dos santos coroa?
Mãe de Deus, nosso Senhor...
Qual é a que por seu siso nos fez haver paraíso?
Mãe de Deus, nosso Senhor...


Rosa das rosas e Flor das flores,
Dona das donas, Senhora das senhoras.
Rosa de beldad' e de parecer
e Flor d'alegria e de prazer,
Dona em mui piadosa ser
Senhora em tolher coitas e dores.
Rosa das rosas e Flor das flores,
Dona das donas, Senhora das senhoras.
A tal Senhora dev' homem muit' amar,
que de todo mal o pode guardar;
e pode-lh' os pecados perdoar,
que faz no mundo por maus sabores.
Rosa das rosas e Flor das flores,
Dona das donas, Senhora das senhoras.
Devemo-la muit' amar e servir,
porque punha de nos guardar de falhar;
de aí dos erros nos faz arrepender,
que nós fazemos como pecadores.
Rosa das rosas e Flor das flores,
Dona das donas, Senhora das senhoras.
Esta dona que tenho por Senhora
de que quero ser trovador,
se eu porém poss' haver seu amor,
dou ao demo os outros amores.
Rosa das rosas e Flor das flores,
Dona das donas, Senhora das senhoras.



Santa Maria, estrela do dia,
mostra-nos via para Deus e nos guia.
Porque ver fazê-los errados
que perder foram por pecados
entender de que mui culpados
são; mais por ti são perdoados
da ousadia
que lhes fazia
fazer folia
mais que não deveria.

Santa Maria, estrela do dia,
mostra-nos via para Deus e nos guia.

Amostrar-nos deves carreira
por ganhar em toda maneira
a sem par luz e verdadeira
que tu dar-nos podes senlheira;
ca Deus a ti a
outorgaria
e a queria
por ti dar e daria.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cómpre lembrar que Afonso X aspirou ao trono do Sacro Imperio Romano Xermánico.
Referencias
  1. Pena, Xosé Ramón (2013). Historia da Literatura Galega I. Das orixes a 1853. Xerais. ISBN 978-84-9914-551-8. 
  2. Resende de Oliveira, Antonio (1995). Trobadores e xograres. Contexto histórico. Xerais. ISBN 9788475079455. 
  3. 3,0 3,1 Tavani, Giussepe (2001). A poesía lírica galego-portuguesa. Editorial Galaxia. ISBN 9788471545619. 
  4. "Afonso X o Sabio". Real Academia Galega. Consultado o 14 de marzo do 2022. 
  5. Leão, Ângela Vaz (2007). Cantigas de Santa Maria de Afonso X, o Sábio: aspectos culturais e literários. Veredas & Cenários. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]