Bruno Ninaber van Eyben

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bruno Ninaber van Eyben
50 euro cent 2002.jpg
Moeda neerlandesa de 50 cents de euro (2002)
deseñada por Bruno Ninaber van Eyben


Nacemento3 de novembro de 1950.
 Coat of arms of Boxtel.svg Boxtel, Brabante do Norte.
Países Baixos Países Baixos
ÁreaXoiaría, deseño industrial e de moedas.
EducaciónMaastricht Academy of Fine Arts
editar datos en Wikidata ]

Bruno Ninaber van Eyben, nado en Boxtel, Brabante do Norte, o 3 de novembro de 1950, é un xoieiro e enxeñeiro industrial neerlandés coñecido por ser o autor do deseño do anverso das moedas do euro dos Países Baixos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ninaber é fillo do artista Antonius Cornelius (Toon) Ninaber van Eyben (1896-1977) e de Carla Hoyng (1910-1975).[1]

Bruno Ninaber van Eyben graduouse en 1971 dos seus estudos artísticos superiores no Instituto das Artes en Maastricht, na especialidade de deseño de xoiaría, e estableceuse como creador autónomo. Na década de 1970 deseñou obxectos como un reloxo de pulseira (1973), un colgante con reloxo (1976) e un sistema de alumeamento fluorescente (1977).[2]

Entre outros museos relevantes, algunhas das súas obras forman parte das coleccións do Rijksmuseum de Ámsterdam,[3] do MOMA de Nova York[4] e da Neue Sammlung, de Múnic.[2]

En 1980 Ninaber foi o artista escollido pola Real Casa da Moeda dos Países Baixos para o deseño da derradeira serie de moedas con valor facial en floríns, a nome da raíña Beatriz, que estiveron en circulación desde 1982 ata a chegada do euro en 2002.[2] Así mesmo, foi o gañador do cuncurso para o deseño dos anversos nacionais das moedas circulantes da serie do euro dos Países Baixos.[5]

Bruno Ninaber van Eyben estableceu en 1971 o seu propio estudio na cidade surholandesa de Delft, co nome de Studio Ninaber, e en 2009 inaugurou unha delegación do Studio Ninaber en Alemaña.[6] Ademais, en 1985 creou a consultoría internacional de deseño n|p|k Industrial Design xunto con dous socios (Ninaber/Peters/Krouwel).[2][7]

Desde o 1 de xullo de 2003, é profesor de Deseño na Facultade de Enxeñaría do Deseño Industrial da Universidade de Tecnoloxía de Delft.[7][8]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

  • 1979: Premio Kho Liang Ie ao deseño industrial, outogado polo Fondo de Ámsterdam para as Artes.[9]
  • 2007: Premio Oeuvre (Oeuvreprijs) de deseño, outorgado polo Fondo BKVB.[10]
  • 2008: Premio Piet Zwart, á traxectoria no deseño, da Organización Profesional de Deseñadores Neerlandeses (BNO).[11]
  • 2013: Cabaleiro da Orde do León Neerlandés.[12]

Escolma de traballos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]