Boaventura de Bagnoregio
Boaventura de Bagnoregio nado na Toscana en 1221 e finado en Lión en 1274 foi un filósofo e teólogo, profesor da Universidade de París, superior da Orde franciscana e cardeal da Igrexa católica.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O seu primeiro nome foi Giovanni da Fidanza. Obtivo o diploma en Arte. En 1243 pediu o ingreso na Orde franciscana ou de Freires Menores e asumiu o nome de Boaventura. Matriculouse na Facultade de Teoloxía de París obtendo os títulos de bacharel bíblico e bacharel sentenciario. A súa tese defendida para poder adicarse ao ensino versou sobre Cuestións verbo do coñecemento de Cristo.
Sufriu unha forte oposición por parte das autoridades académicas e relixiosas. Agromou unha violenta polémica debido a que círculos eclesiásticos moi influentes eran radicalmente contrarios ás innovacións que supoñían as ordes mendicantes seguindo os exemplos de Domingos de Guzmán e Francisco de Asís, non inseridos directamente na xerarquía eclesiástica e tendo a pobreza como eixo da súa vida. Neste conflito mediou o propio Papa Alexandre IV, que apoiou a presenza dos mendicantes na Universidade. Así, en 1257 acadou o título de doutor xunto co dominico Tomé de Aquino. Moi cedo, renunciou a ese cargo ao ser elixido como ministro xeral da Orde franciscana.
Boaventura dirixiu a Orde nun momento de grande expansión desta dende Marrocos ata China. Loitou por preservar o espírito de pobreza da Orde e conseguiu neutralizar os riscos de fractura debido as maneiras diferentes de interpretar a mensaxe do fundador. En 1260 o capítulo xeral de Narbona aceptou os seus principios e regras.
O Papa Gregorio X confioulle a preparación do II concilio de Lión cuxo principal obxectivo era conseguir a unidade da Igrexa Católica e a Igrexa Ortodoxa.
Pensamento
[editar | editar a fonte]Deus, orixe do universo, fonte de amor, é a verdade esencial e transcendente. Para chegar a el propón a vía iluminativa. As criaturas, animais, plantas e obxectos son coma unha linguaxe que manifestan vestixios do divino. O mundo expresa a Deus, é un libro escrito para ser lido polo home e lembrarlle sen cesar o amor do seu autor. A beleza de cada cousa e do universo enteiro convídanos a percibir directamente a Deus. As cousas fálannos da súa causa eficiente, formal e final. Porén onde atopamos unha auténtica imaxe do creador é no fondo da nosa interioridade, na alma mesma.
O entendemento do home non capta plenamente os obxectos se non a partir do ser puro absoluto e total. Isto permítenos coñecer os obxectos como o imperfecto e o relativo. A noción mesma de Deus implica a súa existencia. Boaventura concorda con Agostiño de Hipona en que o home encontra a Deus afondando en si mesmo. Isto non significa que o home poida comprender a esencia divina que sempre será para el inalcanzable. Pola súa parte, ningunha criatura é por si mesma unha razón suficiente da súa existencia
Aínda que defendeu o espírito de pobreza e o igualitarismo propios da orde franciscana, Boaventura saíu ao paso da idea en voga naquel momento dun ritmo trinitario da historia. Moitos franciscanos vían en Francisco de Asís o inicio dunha era do Espírito que superaba ás dúas eras anteriores: a do Antigo Testamento ou era do Pai, e a do Novo Testamento ou era do Fillo. Para Boaventura Deus é un e trino ao longo de toda a historia e é a Santa Trindade quen a conduce en todo o seu percorrido.
Porén, non renuncia a sacar conclusións da novidade que supuxo Francisco de Asís, o que lle leva a defender que, en teoloxía e nos acontecementos históricos, pode xurdir o novo. A historia conducida por Deus é renovación e progreso. Francisco de Asís pon de manifesto que a Palabra encarnada en Xesús de Nazaret e a acción do Espírito son inesgotables. A partir de Boaventura, os Pais da Igrexa, aínda que seguen a ser os grandes mestres no eido da teoloxía cristiá, xa non son considerados como o cumio ao que hai que ancorarse, senón que se empeza a admitir que poden agromar outras luces, que pode abrollar o novo. A obra de Cristo non retrocede senón que avanza.
Significación
[editar | editar a fonte]Foi canonizado o 14 de abril de 1482 e en 1588 foi nomeado doutor da Igrexa.
Obras
[editar | editar a fonte]- Itinerarium mentis in Deum
- Quaestiones disputatae
- De reductione artium ad theologian
- Breviloquium
- Commentarii in Quattuor Libros Sententiarum Petri Lombardi
- De scientia Christi
- Legenda Maior
- Legenda Minor
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Boaventura de Bagnoregio |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Schauber-Schindler, Bildlexikon der heiligen. Múnic 1999
- Étienne Gilson, La Philosophie au moyen age. París, 1952
- Etienne Gilson, La Philosophie de Bonaventure, París, 1924
- Pedro R. Santidrián, Diccionario de pensadores cristianos. Estella, 1999
- Buenaventura, biógrafo e intérprete de Francisco de Asís, en José Antonio Guerra: Francisco de Asís, Escritos, Biografías, Documentos de la época, Madrid, 1995
- Bissen, L´exemplarisme divine selon Bonaventure, París, 1929
- Opera Omnia, trad. castellana en 6 vols, Madrid, 1955