Batalla de Heavenfeld

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A batalla de Heavenfield tivo lugar en 633 ou 634 entre o exército de Northumbria, dirixido por Oswald de Bernicia e o exército do príncipe galés Cadwallon ap Cadfan de Gwynedd. A batalla concluíu nunha decisiva vitoria de Northumbria e os Annales Cambriae (Anais de Gales) lembran a batalla como Bellum Cantscaul en 631. Beda refírese a ela como a batalla de Deniseburna preto de Hefenfelth.

Contexto[editar | editar a fonte]

A alianza entre Cadwallon de Gwynedd e Penda de Mercia invadira Northumbria. Esta era unha estraña alianza entre un cristián britano e un pagán anglosaxón. Na batalla de Hatfield Chase, en outubro de 633 a coalición de mercianos e galeses derrotara e dera morte a Edwin de Northumbria, provocando a ruptura do mesmo nos subreinos de Deira e Bernicia. O territorio quedou exposto á devastación do exército de Cadwallon.

Mentres tanto, Eanfrith de Bernicia, que fora exiliado por Edwin, convertíase en novo rei de Bernicia, mentres que Osric, primo de Edwin, se facía co control en Deira. O reinado de Eanfrith foi curto, xa que foi asasinado mentres tentaba negociar a paz con Cadwallon. Segundo Beda, Osric foi asasinado por Cadwallon cando estaba a tentar porlle sitio. O irmán de Eanfrith, Oswald regresou do seu exilio de dezasete anos en Dal Riata para reclamar a coroa. Con todo, a ameaza de Cadwallon obrigou a Oswald a recrutar un exército coa máxima urxencia para se enfrontar aos invasores.

A batalla[editar | editar a fonte]

Parece que o exército galés avanzaba cara ao norte desde York ao longo da liña marcada pola Via Rexia que unía York co fiordo de Forth. Oswald, que se reforzou con continxentes escoceses, situouse nunha posición defensiva detrás do muro de Adriano, catro millas ao norte de Hexham. Díxose que a noite antes da batalla, Oswald tivo unha visión na que San Columba lle anunciaba a vitoria. Oswald situou o seu exército mirando ao leste, cos seus flancos protexidos polo Brady’s Crag ao norte e a muralla ao sur. Segundo Beda, Oswald erixiu unha cruz e rezou pola vitoria xunto ás súas tropas.

Crese que os galeses eran superiores en número, pero víronse obrigados a atacar desde o leste nunha fronte estreita no que non podían manobrar nin rodear aos northumbrianos. Non se coñece a duración da batalla ou as baixas habidas, pero a liña galesa finalmente colapsouse. Os galeses iniciaron a fuxida cara ao sur perseguidos polos vengativos northumbrianos. Moitos soldados galeses morreron durante a fuga e segundo Beda, Cadwallon foi capturado e asasinado en lugar coñecido como o ‘Brook de Denis’, indentificado agora con Rowley Burn. A vitoria foi decisiva para Oswald, e é probábel que as perdas galesas fosen elevadas. Con posterioridade, o lugar foi coñecido como Heavenfield (Hefenfelth).

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Tras a batalla, Oswald unificou Deira e Bernicia e proclamouse rei de toda Northumbria. Beda considerou que a importancia da batalla foi restaurar o cristianismo en todo o reino. Oswald só ocuparía o trono durante oito anos, antes de ser derrotado e morto por Penda de Mercia en Masefield. Oswaldo foi sucedido polo seu irmán Oswiu.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Sadler, John. Battle for Northumbria, 1988, Bridge Studios, (pages 25–29) ISBN 0-9512630-3-X
  • Marsden, John. Northanhymbre Saga, 1992, Kyle Cathie Limited, (pages 113-117) ISBN 1-85626-055-0