Saltar ao contido

Esmeralda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esmeralda
Esmeralda coa súa típica cor verde
Fórmula químicaBe3Al2Si6O18::Cr
ClaseSilicatos
SubclaseCiclosilicatos
Sistema cristalinoHexagonal
CorVerde
BrilloVítreo
Dureza7,5-8
FracturaConcoidea
ExfoliaciónMoi imperfecta
RaiaBranca
Densidade2,70-2,78 g/cm3

A esmeralda (do grego smaragdus que significa pedra verde, en referencia á súa cor) é un mineral da clase dos silicatos cuxa fórmula química é Be3Al2Si6O18 e que é unha variedade do berilo.

A esmeralda preséntase en forma de cristais prismáticos hexagonais de cor verdosa. Esta cor é debida á inclusión na súa composición de partículas de óxido de cromo. Segundo a concentración de cromo que apareza na súa composición, e se aparecen ou non tamén inclusións de vanadio, a esmeralda presentará diferentes tonalidades de verde.

As esmeraldas talladas presentan un brillo moito máis intenso e unha maior transparencia.

Lugares onde se atopa

[editar | editar a fonte]

A esmeralda é un mineral de orixe magmática que acostuma formarse a temperaturas duns 800 °C. Fai presenza en pegmatitas, en xistos micáceos e especialmente en filóns hidrotermais de calcio.

Atópanse esmeraldas de calidade en Colombia, onde a extracción deste mineral é un dos motores de importancia dentro da economía do país, no Brasil e en Zambia, onde as explotacións son moito máis modestas pero de onde se obteñen os exemplares máis valorados.

Usos da esmeralda

[editar | editar a fonte]

A esmeralda é unha pedra preciosa moi apreciada polos coleccionistas e tamén no mundo da xoiería por ser o único mineral de cor verde que presenta un brillo vítreo intenso.

A esmeralda sintética

[editar | editar a fonte]

A primeira esmeralda de laboratorio foi sintetizada por Jacques-Joseph Ebelmen no ano 1848 mesturando po de esmeralda con ácido bórico. O resultado do experimento foi unha placa cuns pequenos cristais hexagonais de esmeralda.

Moito se ten avanzado dende aquela época. Na actualidade conséguense recrear esmeraldas dunha excelente perfección. Estas esmeraldas son destinadas a satisfacer a demanda no mundo da xoiería e teñen, case sempre, un prezo máis baixo que as naturais.

Outros silicatos

[editar | editar a fonte]

O cuarzo, o feldespato e a mica son outros silicatos de importancia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]