Barreira arquitectónica
No ámbito da arquitectura e o urbanismo, defínese barreira arquitectónica como todo elemento construtivo que impida, limite ou dificulte a circulación ou a utilización dos servizos, especialmente ás persoas con capacidade motriz limitada. Son aqueles obstáculos físicos que impiden que determinados grupos de poboación poidan chegar, acceder ou moverse por un núcleo de poboación (aldeas, vilas, cidades ou aglomeracións urbanas), un edificio ou unha parte del.
Un elemento que non constitúe unha barreira arquitectónica para un individuo pode ser un obstáculo para outro.
Trátase do tipo máis coñecido de barreira de accesibilidade, xa que está presente no medio físico e é a máis evidente para a sociedade. As barreiras arquitectónicas non só dificultan ou impiden a mobilidade libre das persoas con discapacidade, senón tamén doutros grupos como as persoas maiores, persoas doentes ou en convalecencia ou as mulleres embarazadas.
Por exemplo, os bordos das beirarrúas son barreiras arquitectónicas, xa que impiden que as persoas con cadeira de rodas poidan desprazarse facilmente polas cidades. Tamén o son as escaleiras sen un percorrido alternativo mediante ramplas ou ascensores. Existen outros tipos de barreiras, como as beirarrúas excesivamente estreitas ou o mobiliario urbano disposto de maneira que estorba a mobilidade.
Barreiras arquitectónicas para persoas cegas e deficientes visuais
[editar | editar a fonte]As persoas cegas enfróntanse a barreiras específicas nos eidos da arquitectura e urbanismo que dificultan a súa mobilidade e independencia.
Entre as principais barreiras arquitectónicas para cegos destacan a falta de sinais táctiles e sonoros que faciliten a orientación en espazos públicos, como sinais no chan ou avisos en semáforos e ascensores. Ademais, os obstáculos aéreos baixos, como pólas de árbores ou elementos colgantes (sinais de tráfico etc.), non detectados polo bastón, poden representar un risco significativo.[1]
Para as persoas con deficiencia visual grave, outro obstáculo común é a presenza de portas de vidro ou paredes transparentes, que poden ser practicamente invisibles para alguén con visión moi limitada, aumentando así o risco de accidentes.
Barreiras arquitectónicas en Galiza
[editar | editar a fonte]En Galiza, a normativa sobre accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas está regulada polo decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, que establece as normas sobre accesibilidade e eliminación de barreiras nos edificios, espazos públicos e infraestruturas.[2] Ademais, a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade busca mellorar as condicións de accesibilidade en toda a comunidade autónoma, seguindo as directrices europeas sobre accesibilidade universal.[3][4]
En España e Portugal
[editar | editar a fonte]A nivel Estatal, desde a aprobación da Lei 49/2007, de 26 de decembro, vulnerar as normas de accesibilidade pode resultar en multas significativas. Esta lei establece un réxime de infraccións e sancións económicas en materia de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal, coa posibilidade de impor multas de até un millón de euros dependendo da gravidade da infracción.[5] A Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social (Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro) establece a obrigatoriedade de eliminar as barreiras arquitectónicas no contorno urbano, as edificacións e o transporte público.[6]
En Portugal, a normativa sobre barreiras arquitectónicas está recollida no Decreto-Lei n.º 163/2006, do 8 de agosto, que establece as normas técnicas relativas á accesibilidade dos edificios e espazos públicos para persoas con mobilidade reducida.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Accessibility : World Blind Union". worldblindunion.org. Consultado o 2024-08-12.
- ↑ "Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.". Consellería de Política Social e Igualdade; Normativa; politicasocial.xunta.gal. Consultado o 12 de agosto de 2024.
- ↑ "DOG 241 do 17/12/2014 - LEI 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade.". www.xunta.gal. Consultado o 2024-08-12.
- ↑ "Eliminando Barreras: Una Mirada Integral a la Accesibilidad en la Arquitectura - Adiante Galicia" (en castelán). 2024-04-24. Consultado o 2024-08-12.
- ↑ "BOE-A-2007-22293 Ley 49/2007, de 26 de diciembre, por la que se establece el régimen de infracciones y sanciones en materia de igualdad de oportunidades, no discriminación y accesibilidad universal de las personas con discapacidad.". www.boe.es. Consultado o 2024-08-12.
- ↑ "Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.". politicasocial.xunta.gal; Normativa, lexislación Estatal. Consultado o 12 de agosto de 2024.
- ↑ "Regime da acessibilidade aos edifícios e estabelecimentos que recebem público, via pública e edifícios habitacionais". diariodarepublica.pt; Legislação consolidada. Consultado o 12 de agosto de 2024.