Asociación folklórica e cultural Orballo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asociación folklórica e cultural Orballo
Tipoasociación cultural
Data de fundación1979
SedePontedeume
PaísGalicia
Na rede
http://www.orballo.org/?page_id=99
Facebook: AFCOrballo Twitter: AFC_Orballo Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Asociación folklórica e cultural Orballo é unha asociación cultural de Pontedeume que centra as súas actividades na recuperación e espallamento de festas, danzas e tradicións de Pontedeume e comarca, con referencia ao patrimonio lingüístico, antropolóxico e cultural galego, e a súa difusión e defensa do idioma galego. É membro da Federación de Asociacións de Coros e Danzas de España, FACYDE.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fundada en 1979 e desde entón mantén unha escola de baile. En 1982 sumáronselle as escolas de gaita e pandeireta. Froito destas tres escolas son os grupos de baile, que xa teñen actuado en Galicia, no resto de España (Madrid, Zaragoza, Asturias) e Europa (Portugal, Francia, Suíza, Italia), o grupo de gaitas, e o grupo de pandeiretas chamado Ardora que busca a recompilación de cancións populares antigas e se recoñecen polo uso de antigos instrumentos coma son culleres e pandeiros, amais da pandeireta.

No repertorio dos distintos grupos inclúense todo tipo de danzas, música e cancións do folclore galego tradicional. Teñen un vestiario de gran vistosidade con algúns traxes elaborados con teares orixinais de principios do século XX e deseñados seguindo as tradicións máis antigas da comarca eumesa. No ano 1985, e tras dous anos de investigación, recuperan a Danza de Arcos ou do Biouteiro, que se bailaba ata principios do século pasado.

En febreiro de 2013 a asociación publicou un disco feito por membros da asociación[1].

As compoñentes do grupo Faltriqueira formáronse en Orballo.

Actividades[editar | editar a fonte]

As principais actividades organizadas pola asociación son o Día da Muiñeira desde 1984 e o Festival Folklórico Internacional desde 1988. Neste festival participaron desde o seu inicio grupos folclóricos de tódolos continentes.

Outras actividades son a Festa da Cabaza, o Magosto, o Día da Árbore e a celebración do Día das Letras Galegas.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Web de Orballo.
  • Artigo sobre Orballo no libro das Festas das Peras do ano 2008. DL 3141-2008.