Ariarates I de Capadocia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ariarates I de Capadocia
(moeda cuñada en Gaziura, polo 333–322 a.C.)
Coin of Ariarathes I of Cappadocia, minted in Gaziura.jpg
Nacementovalor descoñecido
 Capadocia
Falecemento322 a. C.
NacionalidadeImperio Aqueménida e Reino de Macedonia
EtniaPovos iranianos
Ocupacióngobernante
PaiAriamnes I de Capadocia
editar datos en Wikidata ]

Ariarates I (en arameo: Ariorath ou Ariourat; en grego antigo: Ἀριαράθης: Ariaráthēs; 405/4 a.C. – 322 a.C.) foi o derradeiro gobernador (sátrapa) da provincia (satrapía) de Capadocia cando formaba parte do imperio Aqueménida. Gobernouna do 340 a.C até o 331 a.C. Estivo á fronte da defensa do territorio contra a invasión macedonia de Alexandre o Grande, e loitou tamén na batalla de Gaugamela con Darío III, o derradeiro rei aqueménida.

Coa desaparición do imperio aqueménida, Ariarates seguiu a loitar contra Alexandre e creou o Reino de Capadocia, establecendo a dinastía Ariátida. Finalmente foi capturado e, posteriormente, executado polo xeneral macedonio Pérdicas, no 322 a.C., sendo o seu territorio anexionado e despois disputado entre varios dos sucesores de Alexandre e os seus xenerais.

Fundou a dinastía homónima Ariarátida, unha familia iraniana que reivindicou a descendencia de Ciro o Grande, o primeiro rei do Imperio aqueménida persa, e Anafas, un dos sete conspiradores persas que mataron ao falso Esmerdis.[1][2][3][4][5] Con todo, os seus sucesores recuperaron o control de Capadocia e gobernaron o reino até o 96 a.C., durando tres séculos antes de ser incorporado como provincia ao imperio romano.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

"Ariarathes" é a forma grega dun antigo nome iraniano, quizais *Arya-wratha ("tendo ledicia aria").[6] O nome aparece en arameo como Ariorath ou Ariourat, e en fontes latinas máis tardías como Ariaratus.[7][8][9]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mapa que describe o imperio aqueménida car o 500 a.C., por William Robert Shepherd (1923)
Pintura da Batalla de Gaugamela por Jan Brueghel o Maior (1602)

A pesar de que os detalles sobre a vida de Ariarates son escasos,[2] sábese que naceu no 405-404 a.C.; era fillo de Ariamnes e tivo un irmán chamado Orofernes (ou Holofernes).[1][10] Durante o reinado do emperador aqueménida Artaxerxes II (404-358 a.C.), Ariarates I e a súa familia eran oficiais menores na satrapía de Capadocia na época en que estaba gobernada por Datames.[1][11] Tralo asasinato de Datames no 362 a.C., posiblemente durante o ascenso de Artaxerxes III (358-338 a.C.), Capadocia foi dividida en dúas satrapías, unha ao norte e outra ao sur,[12][13] como resposta ao poder que Datames acumulara durante o seu goberno e para mellorar a eficacia da administración.[1]

Cara ao 340 a.C., Ariarates converteuse no sátrapa da Capadocia do norte, sucedendo ao seu pai Ariamnes, e controlou o territorio que máis tarde houbo se converter no Reino do Ponto.[1][14] A estabilidade do territiorio de Ariarates I permitiulle enviar tropas provinciais a Artaxerxes III na campaña de pacificación de Exipto.[15]

Durante o reinado de Darío III (336-330 a.C.), o exército macedonio mandado por Alexandre o Grande (336-323 a.C.) invadiu o imperio persa.[1] Capadocia e máis Frixia convertéronse en territorios onde se concentrou a resistencia aqueménida.[11] Esta resentiuse de perdas como a morte de Mitrobuzanes, o gobernador da veciña satrapía de Capadocia do sur, que morreu na batalla do río Gránico, no 334 a.C.[1] No entanto, o substituto nomeado polos macedonios, Abistamenes (que os gregos denominaron como Sabictas)[16] non puido establecer a súa autoridade sobre este novo territorio conquistado e desapareceu, posteriormente, na escuridade. Capadocia seguiu a ser un punto importante da resistencia aqueménida e tamén foi usada como proba para unha campaña para conseguir conquistar Anatolia occidental.[1] Afortunadamente para Ariarates, o seu territorio non se viu afectado pola invasión e conseguiu establecerse como unha figura clave que lideraba a resistencia en Capadocia,[1][17] e posteriormente mandou tropas na batalla de Gaugamela en 331 a.C. Logo da derrota en Gaugamela, continuou resistindo aos macedonios desde a súa base en Gaziura (Gazioura) até a súa morte.[11][18]

No 323 a.C., trala morte de Alexandre, Capadocia foi concedida a Eumenes de Cardia,[19] que estableceu a súa base militar en Gaziura[20] mais non puido imporse a Ariarates I e consolidarse no trono pois Capadocia non fora subxugada totalmente por Alexandre. Esta situación agravouse para Eumenes pola súa incapacidade para obte-lo apoio doutros sátrapas polo que pediu axuda a Pérdicas,[21] daquela rexente do rei macedónico Filipo III quen, precisando gobernadores leais ao seu carón, decidiu axudar a Eumenes a domina-los territorios de Ariarates.[17] No verán do 322 a.C. Pérdicas e o exército macedonio entraron en Capadocia e se enfrontaron a Ariarates,[22] quen tiña sona de ser moi rico e conseguira crear unha forza composta por lugareños e mercenarios.[23] Ariarates foi derrotado e capturado. De seguido, el e a maior parte da súa familia foron crucificados.[18][19]

Cuñaxe[editar | editar a fonte]

Ariarates I cuñou moedas de campaña en Sinope e Gaziura con lendas en arameo, a lingua imperial dos Aqueménidas. No anverso, dunha das moedas de Ariarates I de Gaziura, preséntase unha impresión semellante a un Zeus do deus Baal con coroa e cetro na man esquerda,[5][19] mentres na súa man dereita, sobre a que se pousa unha aguia, a figura sentada garda espigas e unha póla con uvas. Neste anverso, tamén aparece a inscrición b'lgzyr ("Ba'al Gazir; é dicir "Señor de Gaziura").[19] No reverso , aparece un grifón atacando un corzo de xeonllos co nome de Ariarates I inscrito como rywt.[5]

Moeda de Ariarathes eu, minted en Sinope, datou 333–322 BC

Estilisticamente, esta edición en particular da cuñación de moedas por Ariarates I, aseméllase ás moedas emitidas polo sátrapa aqueménida Maceo en Tarso de Cilicia.[5][19] A iranióloga Mary Boyce e mailo historiador Frantz Grenet observan que a figuración de Zeus dun Baal sentado podería representar o zoroastriano Ahura Mazda ou, quizais, un Mitra.[19][24]

As moedas cuñadas en Sinope por Ariarates I, teñen semellanza estilística a temas gregos da mesma cidade, pero presentan o nome de Ariarates I en arameo.[19] No anverso das moedas de Sinope, a cabeza da ninfa local Sinope é representada usando un esfendón dentro dun bordo punteado.[7][8] No reverso, aparece un aguia con ás sobre a parte superior dun golfiño, baixo o cal está inscrito o nome de Ariarates I.[5][7]

Sucesores[editar | editar a fonte]

Uns cantos anos após a morte de Ariarates I, Antígono I Monóftalmos, un antigo xeneral anterior de Alexandre, executou a Eumenes e tomou o control de Capadocia.[18][19] O territorio pasou a Lisímaco (306–281 a.C.), Rei de Tracia, Asia Menor e Macedonia, pero foi conquistado por Seleuco I Nicátor (305–281 a .C.), Basileus do imperio Seleúcida.[19] Ámbolos dous eran Diádocos ("sucesores") de Alexandre

Durante esa época, a Capadocia do sur era considerada, para os seleúcidas, como máis relevante dende o punto de vista estratéxico cá do norte polo que durante un tempo estivo controlada por eles. Tralas mortes de Lisímaco e Seleuco, a Capadocia do norte, que estivera unha vez dominada por Ariarates I, foi incorporada ao Reino do Ponto, creado por Mitrídates I.

Uns cantos anos máis tarde, cara ao 270 a.C., Ariamnes II, neto de Ariarates, recuperou o control da Capadocia do sur, é dicir, o Reino de Capadocia, e cara o 255 a.C., e el ou o seu fillo Ariarates III, conseguiron a independencia dos Seleúcidas.[2][18] Deste xeito, os sucesores de Ariarates I, gobernaron o Reino de Capadocia até o 96 a.C. en que por mor dunha intervención romana, foron substituídos polos Ariobarzánidas.[1][18]

Reino de Capadocia

Segue a:
Ariarates
como sátrapa do imperio aqueménida
Ariarates I de Capadocia
Precede a:
Ariarates II
Dinastía Ariarátida

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 1,9 Weiskopf (1990), pp. 780–786
  2. 2,0 2,1 2,2 McGing (2012), p. 151
  3. Shahbazi (1986), pp. 410–411
  4. Boyce & Grenet (1991), pp. 266–267
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Mørkholm (1991), p. 96
  6. Brunner (2011)
  7. 7,0 7,1 7,2 Sherwin-White (1984), p. 51
  8. 8,0 8,1 Erciyas (2006), p. 32
  9. Brunner (1986), p. 406
  10. Schottky (2006)
  11. 11,0 11,1 11,2 Weiskopf (1987), pp. 757–764
  12. Schmitt (1994), pp. 115–117
  13. Estas partes do norte e do sur foron tamén respectivamente coñecidas como Capadocia Póntica ou Capadocia Maior,e Capadocia Táurica
  14. Dusinberre (2013), p. 37
  15. Ortiz de la Vega, Manuel (1855). Los Héroes y las grandezas de la tierra (en castelán). Barcelona: Imprenta de Cervantes. 
  16. Bosworth (2005), p. 61
  17. 17,0 17,1 Roisman (2012), p. 87
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 Yavuz (2010), p. 49
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 19,6 19,7 19,8 Boyce & Grenet (1991), p. 266
  20. Marek (2016), p. 265
  21. Bosworth (2005), p. 207
  22. Roisman (2012), pp. 87–88.
  23. Roisman (2012), pp. 88
  24. Boyce & Grenet (1991), p. 578

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bosworth, A. B. (2005). Alejandro Magno (en castelán). Madrid: Akal. ISBN 978-84-460-2308-1. 
  • Boyce, Mary; Grenet, Frantz (1991). A History of Zoroastrianism. Zoroastrianism Under Macedonian and Roman Rule. Serie: Religion (en inglés). Leiden: Brill. ISBN 978-9004092716. 
  • Brunner, C. J. (12-8-2011). "ARIARATUS". Enciclopaedia Iranica (en inglés). Consultado o 22-7-2019. 
  • Dusinberre, Elspeth R. M (2013). Empire, Authority, and Autonomy in Achaemenid Anatolia (en inglés). Cambridge-New York: Cambridge University Press. ISBN 978-1-107-01826-6. 
  • Erciyas, Deniz Burcu (2006). Wealth, Aristocracy And Royal Propaganda Under the Hellenistic Kingdom of the Mithradatids in the Central Black Sea Region of Turkey. Serie: Colloquia Pontica (en inglés) 22. Leiden: Brill. ISBN 978-9004146099. 
  • Marek, Christian (2016). In the Land of a Thousand Gods: A History of Asia Minor in the Ancient World (en inglés). Princeton (NJ): Princeton University Press. ISBN 978-0691159799. 
  • McGing, Brian (2012). "Ariarathes". En Hornblower, Simon; Spawforth, Antony; Eidinow, Esther. The Oxford Classical Dictionary (en inglés) (4ª ed.). Oxford University Press. ISBN 978-0199545568. 
  • Roisman, Joseph (2012). Alexander's Veterans and the Early Wars of the Successors (en inglés). Austin: University of Texas Press. ISBN 978-0292742888. 
  • Shahbazi, A. Sh. (1986). "Ariyāramna". Enciclopaedia Iranica. (vol. II, Fasc. 4 . pp. 410–411). Consultado o 23-7-2019. 
  • Sherwin-White, Susan M. (1984). "Asia Minor". En Ling, Roger. The Cambridge Ancient History. Plates to Volume VII Part One: The Helenistic World to the Coming of the Romans (en inglés). Cambridge: Oxford University Press. ISBN 978-0521243544. 
  • Van Dam, Raymond (2002). Kingdom of Snow: Roman Rule and Greek Culture in Cappadocia (en inglés). Filadelfia: University of Pennsylvania Press. ISBN 978-0812236811. 
  • Weiskopf, Michael (1987). "Asia Minor". Encyclopaedia Iranica (en inglés). Vol. II, Fasc. 7. pp. 757–764. 
  • Weiskopf, Michael (1990). "Cappadocia". Encyclopaedia Iranica (en inglés). Vol. IV, Fasc. 7–8. pp. 780–786. 
  • Yavuz, Mehmet Fatih (2010). "Cappadocia". En Gagarin, Michael. The Oxford Encyclopedia of Ancient Greece and Rome (en inglés) 2. Oxford-Nova York: Oxford University Press. pp. 49–50. ISBN 978-0195170726. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]