Apolinar Torres

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Apolinar Torres
Nacemento1894
Lugar de nacementoPontevedra
Falecemento27 de agosto de 1936
Lugar de falecementoVigo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmestre e sindicalista
editar datos en Wikidata ]

Apolinar Torres López, nado en Pontevedra o 23 de xuño de 1894 e finado en Vigo o 27 de agosto de 1936, foi un mestre, pedagogo e activo sindicalista da Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza (FETE), executado vítima da represión na zona franquista durante a guerra civil.[1][2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De pé, de esquerda a dereita: Apolinar Torres, Avelino Rodríguez Elías, Laureano Domínguez Cao-Cordido e Manuel Lustres Rivas.
Sentados Jaime Solá, Manuel Otero Bárcena e Blas Agra Mancebo.
Entrega do premio de xornalismo Manuel Otero Bárcena, 1932.

Traballou como mestre en Vigo e destacou polos seus traballos pedagóxicos, chegando a dirixir a Página Pedagógica do diario El Pueblo Gallego. Foi un dos fundadores da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza, organización sindical que, agrupada con outras e integrada na Unión General de Trabajadores (UGT), constituíu máis tarde a Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza (FETE), da que foi presidente desde 1936. Presentou con Fernando Barcia Veiras e Eligio Núñez o relatorio "Misión de los trabajadores de la enseñanza en el actual momento histórico de la cultura gallega" ao Congreso de Trabajadores de la Enseñanza de Galicia de maio de 1936.[4] A súa militancia socialista levouno a presidir, tamén en 1936, a agrupación socialista viguesa.

Como moitos outros líderes socialistas galegos, co golpe de estado de xullo de 1936 que deu lugar á Guerra Civil, houbo de ocultarse para evitar a represión dos sublevados triunfantes en Galicia, pero foi descuberto na illa de Toralla. Detido e condenado á morte o 22 de agosto de 1936, foi executado cinco días despois no Cemiterio de Pereiró, xunto ao alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido, o alcalde de Lavadores, José Antela Conde, Ramón González Brunet, Waldo Gil Santóstegui, Manuel Rey Gómez e os deputados socialistas Ignacio Seoane, Enrique Heraclio Botana Pérez e Antonio Bilbatúa Zubeldía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Lo más selecto" de Vigo en 1936, El País, 28 de agosto de 2008, consultado o 25 de xuño de 2011.
  2. Primeira entrada Arquivado 03 de febreiro de 2012 en Wayback Machine., no Dicionario biográfico del socialismo español.
  3. Segunda entrada Arquivado 16 de outubro de 2019 en Wayback Machine., no Dicionario biográfico del socialismo español.
  4. El Pueblo Gallego, 22-5-1936, p. 7.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]