Ambrosii Senyshyn
Амвросій Андрій Сенишин Ambrosii Andrii Senyshyn | |
---|---|
Arcebispo da Igrexa católica bizantina ucraína | |
Biografía | |
Nacemento | 23 de febreiro de 1903 en Staryi Sambir (Ucraína) |
Pasamento | 11 de setembro de 1976 en Filadelfia (Estados Unidos) |
Ordes | |
Ordenación sacerdotal | 23 de agosto de 1931, por Yosafat Kotsylovskyi |
Consagración episcopal | 22 de outubro de 1942, por Kostiantyn Bohachevskyi |
Arcebispo metropolitano de Filadelfia | |
1961 - 1976 | |
Predecesor | Kostiantyn Bohachevskyi |
Sucesor | Joseph Michael Schmondiuk |
Outros | |
Ficha en catholic-hierarchy.org |
Ambrosii Andrii Senyshyn (en ucraíno: Амвросій Андрій Сенишин), nado o 23 de febreiro de 1903 en Staryi Sambir[1][2] (Ucraína) e finado o 11 de setembro de 1976 en Filadelfia (Estados Unidos)[2] foi un eclesiástico grecocatólico ucraíno, 2º metropolita de Filadelfia entre 1961 e 1976.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Logo de estudar na escola local, ingresou aos dez anos (1913) no ximnasio de Lviv, mais os seus estudos foron interrompidos polo estoupido da primeira guerra mundial e a ocupación rusa de Galicia en 1914.[1]
O 16 de xullo de 1923 comezou o seu noviciado no mosteiro de Krekhiv.[1] Entre 1925 e 1928 estudou Humanidades en Krekhiv, e até 1930 Filosofía en Dobromyl,[1] pasando tamén polos mosteiros de Lavriv e Chervonohrad.[2] Estudou posteriormente Teoloxía, entre 1930 e 1932 en Krasnohrad e até 1933 en Varsovia. O 23 de agosto de 1931 foi ordenado sacerdote[2] polo bispo de Przemyśl, Yosafat Kotsylovskyi.[1] En 1933 marchou aos Estados Unidos para traballar entre a diáspora ucraína.[1] O seu primeiro encargo foi o de párroco axudante na igrexa de San Nicolao de Chicago (hoxe catedral), sendo a partir de 1937 hegúmeno do mosteiro basiliano e párroco de San Nicolao.[1][2]
O 6 de xullo de 1942 foi nomeado bispo auxiliar do exarcado apostólico dos Estados Unidos e bispo titular de Maina polo papa Pío XII.[1][2] Recibiu a consagración episcopal o 22 de outubro, de mans do exarca Kostiantyn Bohachevskyi, e sendo os principais co-consagrantes a Vasyl Ladyka e a Vasyl Takach.[1] Residiu en Stamford, onde fundou en 1944 as Irmás Misioneiras da Nai de Deus e en 1946 o Comité Católico Ucraíno para os Refuxiados.[2] Publicou tamén varios libros litúrxicos, o mensual Kovcheh/The Ark (até 1956) e comezou unha serie de gravacións para tratar de estandarizar o canto litúrxico ucraíno.[2]
O 20 de xullo de 1956 foi nomeado exarca apostólico de Stamford,[1] e pasou a ser bispo diocesano cando o exarcado foi elevado á eparquía de Stamford.[2]
O 14 de agosto de 1961 foi nomeado metropolita de Filadelfia.[2] Como metropolita, introduciu o calendario gregoriano no territorio da arquieparquía, construíu 25 novas igrexas e unha nova catedral, e fundou 8 parroquias e misións. En 1973 foi nomeado membro da Congregación para as Igrexas Orientais.[2] Finou en Filadelfia o 11 de setembro de 1976.[3]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 1,9 "The Ukrainian Quarterly". The Ukrainian Quarterly (Ukrainian Congress Committee of America) 33: 58. 1977.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Kubiiovych, Volodymyr; Huzar-Struk, Danylo, eds. (1993). Encyclopedia of Ukraine (en inglés) 4. University of Toronto Press. p. 591. ISBN 9780802030092.
- ↑ "Metropolitan Ambrose Senyshyn Of the Ukrainian Catholic Church". New York Times. 13 de setembro de 1976.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Losten, Basil H. (2016). Archbishop Ambrose Senyshyn and his Vision of the Ukranian Catholic Church in America (en inglés). Basilian Press. ISBN 9780921537977.
Dignidades da Igrexa católica | ||
---|---|---|
Predecesor: (Primeiro) |
Exarca apostólico de Stamford 1956 - 1958 |
Sucesor: (Elevación da sé) |
Predecesor: (Exarcado apostólico) |
Bispo de Stamford 1958 - 1961 |
Sucesor: Joseph M. Schmondiuk |
Predecesor: Kostiantyn Bohachevskyi |
Arcebispo de Filadelfia 1961 - 1976 |
Sucesor: Joseph M. Schmondiuk |