Almacén

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Almacén de mercadorías.

Un almacén[1] é un lugar ou espazo físico para a almacenaxe de bens dentro da cadea de subministración. Os almacéns son unha infraestrutura imprescindible para a actividade de todo tipo de axentes económicos (agricultores, gandeiros, mineiros, industriais, transportistas, importadores, exportadores, comerciantes, intermediarios, consumidores finais etc.) Constitúen unha parte habitual das explotacións agrarias e gandeiras (en moitos casos formando parte da vivenda rural tradicional ou de construcións peculiares), así como de fábricas, polígonos industriais e instalacións industriais de todo tipo, e dos espazos dedicados ao transporte (portos, aeroportos, instalacións ferroviarias) e o comercio (centros comerciais, grandes superficies). Tamén se denomina «almacén», especialmente en Hispanoamérica, ao propio estabelecemento de comercio comerciante polo miúdo (tenda de ultramarinos).

Produtos almacenados[editar | editar a fonte]

Nun almacén pódense depositar tanto materias primas, como o produto semiterminado ou o produto terminado á espera de ser transferido ao seguinte elo da cadea de subministración. Pódense tamén atopar embalaxes, pezas de recambio, pezas de mantemento...

Serve como centro regulador do fluxo de mercadorías entre a dispoñibilidade e a necesidade de fabricantes, comerciantes e consumidores.

Infraestruturas[editar | editar a fonte]

Normalmente son construcións grandes e planas nas zonas industriais das cidades.

Maquinaria de manipulación[editar | editar a fonte]

A miúdo dispoñen de carretiñas elevadoras frontais, apiladoras ou transpaletas para a manipulación de mercadorías que son xeralmente depositadas en palés estandarizados. Segundo o tipo de mercadoría almacenada pódese tamén atopar máquinas máis específicas como ponte guindastre ou guindastres.

Algúns almacéns están completamente automatizados, sen contar apenas con traballadores no seu interior. Nestes casos, a manipulación de mercadoría realízase con «transelevadores», máquinas de almacenaxe e desalmacenaje coordinadas por controladores programables e computadores co software apropiado.

Estes almacéns automatizados utilízanse con frecuencia para gardar mercadorías de temperatura controlada, pois a dispoñibilidade de espazo é menor debido ao alto custo que a refrixeración supón para a empresa. Tamén se empregan para materiais ou mercadorías que debido ao seu perigo no manipulado, ou a súa elevada rotación do inventario rendibilizan o elevado custo que supón a posta en marcha deste tipo de instalacións.

Procesos dentro do almacén[editar | editar a fonte]

Os procesos comúns dun almacén son :

  • recepción.
  • colocación en andel de paletización ou stock.
  • picking e preparación de pedido.
  • expedición.

A xestión dentro do almacén do movemento das mercadorías (localización, inventarios...) realízase a través dalgún sistema informático de tipo SXA.

Evolución[editar | editar a fonte]

A maior tensión de fluxos entre a oferta e a demanda, orixinou un pequeno declive dos almacéns tradicionais debido á introdución gradual de sistemas de produción baseados no JIT (Just In Time), que é un conxunto de técnicas deseñadas para mellorar a taxa interna de retorno dun negocio baseándose na eliminación ou drástica redución de cualqueir tipo de produto almacenado.

A pesar disto e do asesoramento ofrecido por consultoras especializadas, a distancia entre o fabricante e o vendedor creceu considerablemente en moitos aspectos sendo conveniente algún almacén por país ou por rexión nunha cadea de subministración para certas gamas de produtos.

O obxectivo primordial das empresas que introducen un sistema de almacéns na súa cadea de subministración é a optimización do «nivel de servizo» ofrecido ao cliente, con criterio de rendibilidade. Para iso empréganse técnicas derivadas da enxeñaría e da investigación de operacións enfocadas sobre aspectos vitais como a localización do ou dos almacéns, distribución tanto interna como externa do espazo nos mesmos, elección do tipo de estrutura de almacenaxe adecuada, xestión eficaz dos percorridos e manipulacións dentro do almacén, optimización do espazo de carga nos diferentes medios de transporte, creación de rutas de transporte tendentes a reducir desprazamentos ou a maximizar a carga transportada e deseño de sistemas de xestión e administración áxiles.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para almacén.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • "Capítulo 1. El almacén". Operaciones de almacenaje. McGraw-Hill Interamericana de España, S.A.U. ISBN 84-481-2286-0. 
  • "Capítulo 5. Los almacenes". Operaciones de almacenaje. Editorial Editex, S.A. ISBN 84-9771-398-2. 
  • "Unidade didáctica 11: Los almacenes". Operaciones de almacenaje. Editorial Editex, S.A. ISBN 84-7131-548-3. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]