Alfred Balachowsky

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Alfred Balachowsky
Alfred-Serge Balachowsky.jpg
O entomolólogo Alfred Serge Balachowsky no seu laboratorio
Nome completoAlfred Serge Balachowsky
Nacemento15 de agosto de 1901
 Korocha
Falecemento24 de decembro de 1983
 París
Nacionalidadefrancesa
Ocupaciónentomólogo, enxeñeiro agrónomo e membro da resistencia francesa
PaiArnold Balachowsky
NaiCharlotte de Feraudy
PremiosLexión de Honra
editar datos en Wikidata ]

Alfred Serge Balachowsky, nado en Korocha (óblast de Belgorod, Rusia) o 15 de agosto de 1901, e finado en París o 24 de decembro de 1983, foi un entomólogo francés de orixe rusa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Alfred Serge era fillo de Arnold Balachowsky, propietario agrícola, e da súa esposa Charlotte de Feraudy, de nacionalidade francesa. Á morte do seu pai, en 1913, a súa nai enviouno a vivir coa súa avoa en Le Mans (Sarthe).[1]

Formación[editar | editar a fonte]

Desde 1921 a 1923 estudou na Escola Nacional de Agronomía de Rennes, na que se graduou como enxeñeiro agrónomo. Nesa escola interesouse polo estudo dos insectos. En 1932 obtivo o título de doutor en Ciencias Naturais na Universidade de París coa defensa da tese "Étude biologique des coccidies du bassin occidental de la Méditerranée".[1]

Traballos como entomólogo en Alxeria e na Francia metropolitana[editar | editar a fonte]

En 1924 foi contratado pola Dirección de Agricultura do Goberno Xeral de Alxeria como interno do Laboratorio de Zooloxía Agrícola do Instituto Agrícola de Alxeria. En 1928 foi nomeado axudante do Insectarium do Xardín de Probas de Hamma (Jardin d'Essais du Hamma), un xardín botánico de 32 hectáreas na cidade de Alxer, onde se dedícou ao estudo dos insectos nocivos para a palmeira datileira, en particular aclimatando, na rexión de Colomb-Béchar, unha cochinilla co fin de loitar contra as parasitacions producidas por estes insectos. Para este traballo, realizou varias misións nos oasis saharianos, e estableceu numerosos contactos, en Alxeria, con botánicos e entomólogos.

En 1929 foi nomeado xefe dos traballos da Estación Entomolóxica de París. De 1930 a 1931 foi o directeur da Estación de Zooloxía Agrícola e do Insectarium de Antibes, e desde 1931 a 1943, do Laboratorio da Estación Central de Zooloxía Agrícola de Versalles, compatibilizando neses mesmon anos, o cargo de profesor de Zooloxía e Entomoloxía da Escols Nacional Superieur de Agronomía de Grignon.[1]

Na Segunda Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

Durante a Segunda Guerra Mundial formou parte, baixo o pseudónimo de "Serge", dun grupo de resistencia francesa adscrito á rede Prosper-Physician do Executivo de operacións especiais do Servizo Secreto Británico (SOE). O 2 de xullo de 1943 foi detido polos alemáns na súa casa en Viroflay (Yvelines). O 30 de novembro dese ano foi levado ao campo de concentración de Royallieu (Compiègne), e o 19 de xaneiro de 1944 foi deportado ao campo de concentración de Buchenwald. Trasladado ao campo de Dora o 1 de febreiro de 1944, foi levado de volta a Buchenwald o 1 de maio de 1944, onde se produciu a vacina contra o tifo exantemático epidémico, baixo a responsabilidade do doutor Schuler, das SS.[1]

En Buchenwald tamén traballou axudando a varios grupos clandestinos e estableceu unha rede de contactos que subministraban información sobre os comandantes do campo. Xunto con Eugen Kogon, Balachowsky foi fundamental para a supervivencia de varios oficiais británicos do SOE que estaban entre un grupo enviado a Buchenwald para a súa execución. A maior parte do grupo foi asasinado alí, pero varios, nomeadamente Edward Yeo-Thomas, Harry Peulevé e o axente francés libre Stéphane Hessel, escaparon coa axuda de Balachowsky e o seu persoal, que os trocaron para incorporalos ao grupo de pacientes de tifo empregados para as probas da vacina.[2]

Traballou en Buchenwald até a liberación do campo o 11 de abril de 1945. Foi repatriado o 22 de abril dese ano. O 29 de xaneiro de 1946 testificou nos xuízos de Núremberg sobre as condicións de detención nos campos de concentración.

Despois da SGM[editar | editar a fonte]

Balachowsky foi o presidente da Sociedade Entomolóxica de Francia desde 1948, permitindo a instalación en 1964 da súa importante biblioteca no edificio do Museo Nacional de Historia Natural de Francia, en París, acabado de construír no núm. 45 da rue Buffon, para albergar o laboratorio de Entomoloxía xeral e aplicada, edificio onde aínda se enconmtra hoxe.

Nese Museo ocupou as cátedras seguintes:

  • Entomoloxía, de 1962 a 1963, ano en que pasou a denomínaese Entomoloxía xeral e aplicada.
  • Entomoloxía xeral e aplicada, de 1963 a 1974.

Algunhas publicacións[editar | editar a fonte]

  • Étude biologique des coccidies du bassin occidental de la Méditerranée (1932). (Tese de doutoramento).
  • Les insectes nuisibles aux plantes cultivées. Leurs moeurs. Leur destruction. Traité d’entomologie agricole concernant la France, la Corse, l’Afrique du Nord et les régions limitrophes. Tome 1. 1137 pp. París. (Con Louis Mesnil).
  • Faune de France, Volume 50: Coléoptères Scolytides. 320 pp. (1949).
  • Entomologie appliquée a l'agriculture. Tome I. Coléoptères. Maison et Cie Éditeurs, París, 1391 pp. (1963).

Especies descritas[editar | editar a fonte]

A Balachowsky débese a identificación e descrición de tres especies de cochinillas (cocoideos):

  • Saharaspis ceardi (1928).
  • Rhizopulvinaria grassei (1936).
  • Kermes echinatus (1953).

Epónimos[editar | editar a fonte]

Na súa honrra denominouse unha especie de bolboreta, Gonimbrasia balachowsky, da familia dos Saturniidae.

Esta bolboreta figura nun selo de correos de 1976 do Territorio francés dos Afars e dos Isas (hoxe República de Djibuti).

Abreviatura[editar | editar a fonte]

A abreviatura Balachowsky emprégase para recoñocer a Alfred Balachowsky como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Alfred Balachowsky (1901-1983) Biografía do Instituto Pasteur.
  2. Sara Helm (2006). A Life in Secrets. The History of Vera Atkins and the Lost Agents of SOE. p. 91. ISBN 978-0-3491-1936-6. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Paul Pesson. "Hommage à Alfred Serge Balachowsky (1901-1983)". Annales de la Société entomologique de France (nouvelle série), volume 20, nº 3, 1984, páxinas 235-250 (Ler en liña).
  • Jean Dorst. "La vie et l'oeuvre d'Alfred Balachowsky". La Vie des sciences, Académie des sciences (France), Compte-rendu série générale, tome 1, nº 6, 1984, pácinas 567-576 (Ler en liña).
  • Jean-Jacques Amigo. "Balachowsky (Alfred Serge)", no Nouveau Dictionnaire de biographies roussillonnaises, Vol. 3 Sciences de la Vie et de la Terre, Perpignan, Publications de l'Olivier, 2017, 915 p. ISBN 978-2-9088-6650-6.
  • Nicolas Chevassus-au-Louis. "Alfred Balachowsky. Un Pastorien à Buchenwald". La Recherche, nº 370, 2003 (Ler en liña).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]