Alexander Alexandrovich Fadeyev
Alexander Alexandrovich Fadeyev, nado o 24 de decembro de 1901 e finado o 13 de maio de 1956, foi un escritor soviético, representante do realismo socialista, e un dos cofundadores da Unión de Escritores Soviéticos e o seu presidente de 1946 a 1954.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fadeyev naceu en Kimry, no Oblast de Tver. Desde 1908 a 1912 viviu en Chuguyevka (Krai de Primorsky). Ingresou no movemento guerrilleiro que se enfrontou á intervención xaponesa e ao Exército Branco durante a guerra civil. Influenciado por Lev Tolstoi[1] en 1927 publicou a novela Razgrom (A desfeita), na que describe á mocidade guerrilleira. En 1929 publicou a primeira parte da novela Poslednii iz udege (O derradeiro dos udege), na que continuaría traballando todo o resto da súa vida (aínda que quedou sen rematar, unha edición contendo o segundo volume publicouse en 1940[2]). Na obra, Fadeyev, intentou mostrar que "un pobo extremadamente primitivo podía experimentar un salto desde o comunismo tribal cara unha organización colectiva complexa propia do século XX, saltando etapas históricas como a da familia, propiedade privada, escravitude, feudalismo, capitalismo e socialismo; na novela están algunhas das mellores páxinas escritas por Fadeyev."[3]
En 1945 escribiu a novela, Molodaya gvardiya (baseada en feitos reais ocorridos na segunda guerra mundial) sobre o movemento de resistencia antifascista da Komsomol Garda Moza, organización que loitou contra os nazis na cidade ocupada de Krasnodon (Ucraína). Por esta novela recibiu o Premio Stalin (1946). En 1948 realizouse un filme soviético baseado no libro, malia todo en 1951 apareceu unha nova edición na que Fadeyev corrixía a obra seguindo algunhas críticas que o acusaban de non amosar ben o liderado do Partido Comunista na loita contra a ocupación alemá.
Fadeyev foi un executor fiel no campo literario dos mandados do goberno de Iosif Stalin e nos anos 1940 participou activamente o Zhdanovshchina, unha campaña de crítica e persecución contra escritores e compositores acusados de non seguir a liña do partido. Nos últimos anos da súa vida caeu no alcoholismo, suicidándose na súa dacha de Peredelkino, deixando unha carta denotando actitudes negativas cara aos novos líderes do partido trala morte de Stalin.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ VV.AA. The Houghton Mifflin dictionary of biography: Houghton Mifflin Harcourt, 2003, páxina 512
- ↑ Роман Фадеева «Последний из удэге» Arquivado 18 de agosto de 2017 en Wayback Machine..
- ↑ Edward J. Brown, Russian Literature Since the Revolution: Revised and Enlarged Edition (Harvard University Press, 1982: ISBN 0-674-78204-6), p. 138.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |