Club de Mar Ría de Aldán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

O Club de Mar Ría de Aldán é un club de piragüismo creado en 1978 por Manuel Marcelino Iglesias.

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras piraguas foron dúas K-2 e dúas K-1, que foron compradas ao Alondras CF de Cangas por 60.000 pesetas, sendo os primeiros regatistas un grupo de amigos de quince anos, entre eles Modesto Valladares, Pablo Vaqueiro, José Manuel González, Luís A. Valladares e Ramón Marcelino. Estes foron quen comezaron a inculcar a afección entre os rapaces da vila, sumándose axiña un bo número de voluntarios que comezaron a practicar este deporte. Ao ano seguinte o club foi inscrito para competir na Gran Premio Provincial.

Axiña foi necesario facerse cunha K-4, sendo sufragada ó cincuenta por cento entre a Federación Provincial e Marcelino Iglesias. O día 17 de xaneiro de 1981 manteñen unha xuntanza no Tele-Club parroquial os poucos socios cos que contaba o club e de aí sae constituída a primeira directiva.

Transcorrido algo menos dun mes tras a morte Manuel Marcelino Iglesias o 25 de febreiro de 1982, o día 13 de marzo de 1982 convocouse unha Asemblea Extraordinaria de socios no Tele-club, Alfonso Dacosta Canosa foi elixido novo presidente do club.

O día 3 de maio de 1982 pola tarde asinábanse perante notario, en Cangas, os Estatutos de Constitución do Club de Mar Ría de Aldán. Tamén ese mesmo ano foi creada a sección de remo.

A primeira regata: "I Trofeo de piragüismo K4"[editar | editar a fonte]

A Regata de Aldán naceu pouco despois da creación do Club a principios dos 80. A directiva creu que a realización dunha competición en Aldán sería unha boa maneira de dar a coñecer o Club e o piragüismo na zona.

Pola situación xeográfica e polas características da ría de Aldán, pensouse en crear unha competición deportiva de alto nivel, celebrándose a 1ª regata organizada por este Club, o 29 de xuño de 1983 en horario de maña, puntuable para a Copa Deputación Provincial de Pontevedra: I Trofeo de Piragüismo K4 Memorial Manuel Marcelino Iglesias.

As categorías foron masculina e feminina absoluta. Como clubs convidados estaban os de 1ª e 2ª división das 4 provincias galegas ademais do Universitario de Porto e o Vila do Conde, ambos de Portugal. Como trofeos repartíronse ás tres primeiras embarcacións e clubs un obsequio conmemorativo do evento.

A Regata tivo como saída e chegada a praia de Vilariño, tendo a ciaboga nas rochas da praia de Menduíña (Niño do Corvo)

O Comité Organizador estaba formado por Alfonso Dacosta Canosa, Avelino Gandón Menduiña, Serafín Docampo Menduiña, Maximino A. Portas Fernández, José Cordeiro Bacelar, Jesús Dacosta Rial e Eugenio Docampo Martínez.

Debido ao éxito obtido neste I TROFEO K4 volveuse a repetir ao ano seguinte.