Air Astana (en kazako: Эйр Астана) é a aeroliña nacional da República de Kazakhstán. Baseada en Almati,[1] opera voos regulares domésticos e internacionais a 64 destinos dende o seu principal centro de conexións, no aeroporto de Almati, e o seu centro de conexións secundario, no aeroporto de Astana. É unha empresa conxunta entre o fondo soberano kazakh Samruk-Kazyna (51%) e BAE Systems PLC (49%).[2] Foi incorporada en outubro de 2001 e iniciou as súas operacións comerciais o 15 de maio de 2002.
Orixinalmente foi concivida como unha aeroliña puramente doméstica. BAE Systems accedeu a participar a mediados de 2001 na nova empresa a petición do presidente do país, Nursultan Nazarbayev, co obxectivo de facilitar o contrato para un radar aéreo que estaba negociando co goberno de Kazakhstán. Sir Richard Evans, o presidente de BAE Systems na época, foi clave para acadar no acordo. Porén, o contrato para o radar nunca se materializou, e os posteriores cambios na dirección e nas estratexias de BAE Systems levaron ao peche das súas oficinas en Kazakhstán. Ademais, a pesar do apoio de Nazarbayev e de varios conselleiros próximos, a empresa foi vista nun primeiro momento como unha entidade estranxeira atopando unha oposición inmediata por parte de moitos elementos dos medios e da clase política do país.
Os primeiros problemas co crecemento da aeroliña e desacordos sobre os plans da frota e a estratexia dos centros de conexión levaron a tensións entre os accionistas facendo que houbese un cambio na dirección en outono de 2005. Peter Foster, un antigo executivo de Cathay Pacific Airways que liderara o equipo de rehabilitación de Philippine Airlines en 1999 despois dunha tempada como CEO en Royal Brunei Airlines, foi nomeado presidente da aeroliña o 1 de outunro. Establecéronse plans de desenvolvemento a longo prazo e creáronse estruturas de xestión que permaneceron case sen cambios dende entón. A aeroliña vén sendo considerable rendible e foi listada entre as 20 con máis beneficios do mundo en termos de marxe neto nos anos 2010, 2011 e 2012 por Airline Business e Air Finance Journal.