O aeroporto de Dala ou aeroporto de Borlänge (IATA: BLE, ICAO: ESSD) é un aeroporto sueco situado ao sueste de Borlänge, unha cidade na provincia de Dalarna. Atópase ademais a uns 15km ao suroeste da cidade de Falun.
Durante a segunda guerra mundial construíuse un aeródromo que foi modernizado no ano 1961. A mediados de 1960 chegaron ás primeiras aeroliñas civís ao aeroporto. Completouse unha nova terminal en 1972 e Dala Airport AB tomou o seu control. O aeroporto pertenceu ao Ministerio de Defensa sueco ata 2007. O aeroporto tivo o seu récord de pasaxeiros en 1989, con 210 000. No ano 2015 pasaron polas súas instalacións 26 804 viaxeiros.
A ruta cara Estocolmo, a 166km de distancia por aire, pechou en xuño de 2011, reabríndose brevemente entre setembro de 2013 e abril de 2014. En 2006 comezaron a operar voos chárter a destinos turísticos internacionais. Dende o ano 2012 as rutas internacionais teñen máis pasaxeiros que as domésticas.