Acuífero do arenito nubio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Mapa da situación do acuífero do arenito nubio.
Campos circulares irrigados con auga subterránea do acuífero do arenito nubio no oasis de Kufra.
Transporte de grandes tubaxes en Libia para construír o Gran río artificial no deserto do Sáhara aproveitando as augas fósiles do acuífero do arenito nubio.

O acuífero do arenito nubio tamén chamado sistema de acuíferos do Arenito Nubio (SAAN, ou, en inglés, NSAS, por Nubian Sandstone Aquifer System) ou sistema de acuíferos Nubio é o sistema de acuíferos de auga fósil máis grande do mundo. Está localizado no subsolo de toda a parte leste do deserto do Sáhara estendéndose por unha área de dous millóns de km2 pertencente aos seguintes catro países:[1] Sudán (parte noroeste), Chad (nordeste), Libia (sueste), e Exipto (a maior parte). Estímase que contén 150.000 km3 de augas subterráneas. O Centro Medioambiental de Desenvolvemento para a Rexión Árabe e Europa (CEDARE) considera que este sistema de acuífero é de gran importancia como recurso hídrico para os programas de desenvolvemento futuro nos países da rexión. Na década de 1990 construíse en Libia o chamado proxecto do Gran río artificial que empezou extraendo cantidades substanciais de auga deste acuífero, retirando uns 2,37 km3 de auga ao ano. Este sistema utilizouse principalmente para subministrar auga á zona do oasis de Kufra, pero tamén ás cidades de Trípoli, Bengasi e Sirte, entre outras.

A auga do acuífero procede principalmente de auga de precipitacións que se infiltraron hai miles de anos cando o clima era máis húmido na rexión, polo que a recarga actual do acuífero é moi baixa ou nula, e considérase unha auga fósil (o que se demostra polos estudos dos isótopos de deuterio, oxixeno-18 e carbono-14 que contén), pero tamén pode haber infiltracións de augas do Nilo nalgunhas zonas (por exemplo entre Wadi Halfa e Quena ou entre Khartum e Karma) ou unha feble infiltración por precipitacións actuais noutras partes.

Características[editar | editar a fonte]

Desde 2001, o acuífero do arenito nubio situado en Exipto entre as áreas de Toshka e Abu Simbel sufriu unha intensa perforación e desenvolvemento como parte dun proxecto de rehabilitación de terras. A información das perforacións foi utilizada para realizar varios estudos sobre as características hidroxeolóxicas da área do acuífero. Os resultados indicaron que as características litolóxicas e tectónicas teñen un efecto substancial sobre os patróns de fluxo de auga e sobre a potencialidade global do acuífero, a cal nesas zonas é considerada relativamente baixa en comparación con áreas veciñas do leste de Oweinat ou Dakhla.

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

O acuífero foi moi estudado en Exipto e está en gran parte composto por arenito ferruxinoso duro con grandes intercalacións de lousas e arxilas, cun grosor que vai de 140 a 230 metros. O tipo de auga subterránea que contén varía de auga doce a lixeiramente salobre (a salinidade está entre 240 e 1300 ppm). A orde de dominancia de ións mostra que o catión sodio é o que predomina comunmente sobre o calcio e o magnesio, mentres que entre os anións o cloruro é predominante sobre o sulfato e o bicarbonato. A auga subterránea é de orixe meteórica (de precipitacións).[2] As altas concentracións de sodio, cloruro, e sulfatos indican procesos de lixiviación e disolución nas lousas e arxilas xesíferas, e unha longa duración da permanencia da auga no subsolo.[3]

Proxectos de desenvolvemento internacionais[editar | editar a fonte]

Desde 2006, a Axencia Internacional da Enerxía Atómica (IAEA) está a traballar en cooperación cos países do acuífero do arenito nubio para axudar a incrementar os coñecementos sobre as complexidades deste acuífero a través do Proxecto Nubio da IAEA-UNDP-GEF. Entre os participantes no proxecto están o Programa de Desenvolvemento das Nacións Unidas (UNDP)/Global Environment Facility (GEF), IAEA, UNESCO e representantes dos gobernos dos países locais. A meta global a longo prazo do proxecto é establecer unha xestión racional e equitativa do acuífero como unha maneira produtiva de avanzar no desenvolvemento socioeconómico da rexión e protexer a biodiversidade e recursos desas terras.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "International Atomic Energy Agency: NSAS Project". Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2007. Consultado o 05 de maio de 2015. 
  2. [1] Abd El Samie, S., and Sadek, M., 2001, Groundwater recharge and flow in the Lower Cretaceous Nubian Sandstone aquifer in the Sinai Peninsula, using isotopic techniques and hydrochemistry: Hydrogeology Journal, vol. 9, n. 4, p. 378-389
  3. A Study of Hydrogeological Conditions of the Nubian Sandstone Aguifer in the Area between Abu Simbel & Toschka, Western Desert, Egypt. American Geophysical Union, Spring 2001
  4. "IAEA/UNDP/GEF Nubian Sandstone Aquifer System Medium Sized Project: Inception Meeting Report. November 9, 2006" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de setembro de 2007. Consultado o 05 de maio de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]