Gran río artificial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquema do proxecto. Téñase en conta que se propuxeron varias rutas diferentes para as fases aínda non construídas (en liña descontinua). Por exemplo, Tobruk pode acabar sendo conectado con Ajdabiya en vez de co campo de pozos de Jaghboub.

O Gran río artificial (en árabe النهر الصناعي العظيم, al-Nehr al-Ṣnā‘ī al-‘Ẓīm) é unha rede de tubaxes, pozos e depósitos de auga construídos no deserto do Sáhara en Libia, que se alimenta das augas fósiles do Sistema de acuíferos do Arenito Nubio. A auga utilízase para a subministración a cidades e para a rega agrícola. É o proxecto de irrigación máis grande do mundo.[1]

Consta dunha extensa rede de tubaxes enterradas de 2.820 km de longo,[2] acuedutos, pozos e depósitos. Consta de máis de 1.300 pozos, a maioría de máis de 500 m de profundidade, e produce 6.500.000 m3 de auga doce ao día para fornecer as cidades de Trípoli, Bengasi, Sirte e moitas outras. Iniciouse a súa construción en tempos do líder libio Muammar al-Gaddafi.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Transporte de seccións de tubos durante a construción do proxecto.
Cavando gavias.
Imaxe con cores falsas do proxecto de depósito de Gran Omar Muktar ao sur de Bengasi. A vexetación aparece en vermello, as estruturas urbanas en gris, o terreo árido en beixe, e os depósitos de auga en azul escuro (na parte superior dereita e na inferior).

En 1953, os intentos por atopar petróleo no sur de Libia levaron ao descubrimento colateral de grandes cantidades de auga doce subterránea. O proxecto do gran río artificial concibiuse máis tarde, na década de 1960, e os traballos no mesmo comezaron en 1984. A construción do proxecto foi dividida en cinco fases. A primeira fase necesitou que se escavasen 85 millóns de m3 e foi inaugurada en 1991. A segunda fase (denominada Primeira auga para Trípoli) inaugurouse en 1996.

O proxecto estaba a cargo da Autoridade do Proxecto do Gran Río Artificial e foi financiado polo goberno de Muammar al-Gaddafi. O primeiro contratista foi o Dong Ah Consortium e despois a Al Nahr Company Ltd. Os materiais necesarios procedían de Corea e da propia Libia, e posteriormente o aceiro para os tubos era de procedencia italiana.

O custo previsto total do proxecto era duns 25 mil millóns de dólares, financiados con recursos libios.[4] Desde 1990 a UNESCO proporcionou adestramento para enxeñeiros e técnicos implicados no proxecto.

O acuífero fósil do que se extrae a auga é o acuífero do arenito nubio. A súa auga acumulouse fundamentalmente durante a última era glacial, pero co clima actual non se recarga. O proxecto xerou certa controversia. Se a taxa de extracción de auga de 2007 non se incrementa, as súas reservas de auga poderían durar mil anos segundo algunhas estimacións.[5][6] Porén, outras estimacións independentes indican que o acuífero podería quedar esgotado en só de 60 a 100 anos.[7] Algúns analistas indicaron que custo do proxecto era un 10% inferior ao de obter esa auga por desalinización de auga de mar.[8]

Durante a guerra civil libia de 2011, na que foi derrocado Muammar al-Gadaffi, a planta de Brega, que era unha das que fabricaba tubaxes para o proxecto, foi bombardeada pola OTAN, alegando que albergaba material militar.[9]

Datas das primeiras subministracións de auga[editar | editar a fonte]

[10]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

References[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Coordenadas: 25°27′20″N 21°36′03″L / 25.45556, -21.60083